“Temos que impulsar a cultura de transformación dos agricultores e gandeiros en empresarios”

Entrevistamos a Manuel López Luaces, xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Axencia Galega de Calidade Alimentaria

“Temos que impulsar a cultura de transformación dos agricultores e gandeiros en empresarios”

Dende a Consellería de Medio Rural levan anos traballando na estruturación dun sólido modelo de formación mixto no que teñan cabida tanto formacións regradas como outras máis curtas e esporádicas, pero que, de calquera xeito, sexan habilitantes. A fin última é profesionalizar o primeiro sector para que Galicia acade a proxección de futuro á que, sen dúbida, pode aspirar.

Para falar de todos estes retos formativos do sector, falamos con Manuel López Luaces, xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

Explíquenos o funcionamento dos Centros de Formación que dependen da Consellería de Medio Rural e, máis concretamente, os ciclos formativos de referencia que ofrecen a xente nova que se queira incorporar ao sector primario.

Dentro da oferta formativa que se imparte nos centros que dependen da Consellería de Medio Rural e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) evidentemente cínguense á rama agraria.

O principal é a formación regrada, composta polos graos medios e graos superiores. Entre os graos medios destacan o de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, que se imparte en Pedro Murias (Ribadeo), Becerreá, Sergude e Lourizán (Pontevedra); o de Produción Agropecuaria, que se imparte no Centro de Formación de Sergude (Boqueixón); tamén alí, temos o grao de Produción Agroecolóxica; e, por último, outro grao medio interesante é o de Xardinaría e Floraría, impartido no Centro de Formación de Guísamo.

O principal é a formación regrada, composta polos graos medios e graos superiores

Pero ademais dos graos medios, tamén hai unha ampla oferta de ciclos superiores.

Si, por esa banda, temos o de Xestión Forestal e Medio Natural, que está a ser impartido en Becerreá e Lourizán; o de Gandaría e Asistencia de Sanidade Animal, impartido en Sergude; e o de Paisaxismo e Medio Rural, impartido en Guísamo.

Para sintetizalo, son seis os centros nos que se imparte este tipo de formación. Na provincia de Lugo teriamos o de Ribadeo, o de Becerreá e o de Monforte; na da Coruña teriamos o de Guísamo e o de Sergude; e xa no sur de Galicia, o de Lourizán. Digamos que eses son os centros de formación e experimentación agraria de referencia.

Instalacións do centro Pedro Murias de Ribadeo

Instalacións do centro Pedro Murias de Ribadeo

Ademais da formación regrada, dende a Consellería de Medio Rural fixeron unha grande aposta pola formación continua.

Si. A formación continua está composta por actividades de pequena duración, pero que son habilitantes para a obtención, por exemplo, da acreditación para o uso de produtos fitosanitarios nos seus distintos niveis.

Tamén hai outras actividades en auxe como a de benestar animal, tanto en explotación como en transporte.

No caso do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte, temos unha focalización na teleformación. Especialmente implementada en aqueles cursos de actitude empresarial agraria. Con esta fórmula semipresencial dáse cobertura ao gran paraugas do emprendemento agrario.

Dentro da formación continua agraria tócanse outros moitos temas, como poden ser os relativos á elaboración de queixos, á recuperación de pastos, á apicultura, á reprodución de gando vacún, ao marketing dixital, á análise de mostos e viños, ás ferramentas TIC,  aos cultivos hortícolas e de vide, ao coidado de pequenos rumiantes ovinos e cabrúns, á podoloxía en vacún, á fruticultura…

É dicir, unha oferta absolutamente diversa coa que se pretende dar unha formación adicional moi específica en ámbitos que son de interese para calquera agricultor ou gandeiro que queira vivir do seu sector e seguir a profesionalizarse.

Temos unha oferta absolutamente diversa coa que se pretende dar unha formación adicional moi específica

Tamén teñen unha terceira pata que completa toda esta formación que é a da Transferencia Tecnolóxica.

Correcto. Grazas á colaboración cos centros de investigación que dependen tamén da Agacal, dáse cobertura científica a campos de ensaio e demostración en materias tan diversas como pode ser o cultivo do kiwi, a fruticultura en xeral, o trigo, os cereais e case calquera produto hortícola, a utilización de compostaxe, a utilización de restos agroforestais, etc.

Un aspecto salientable é o feito de que, dende o primeiro momento, pretendemos que os rapaces e rapazas que entran nestes centros de formación, estean involucrados dentro das propias empresas, dentro das explotacións gandeiras para que o que están a aprender de xeito teórico nos centros, sexa transformado en colaboracións coas empresas coas que temos convenios.

CIAM Mabegondo

CIAM Mabegondo

Un exemplo disto é a formación dual que se está a realizar no Centro de Formación Pedro Murias, de Ribadeo.

Si, concretamente, no grao medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, no que, dende o primeiro ano que están matriculados na formación regrada, están a facer prácticas remuneradas en empresas, o cal se convirte nunha oportunidade moi atractiva para eles.

Outra particularidade que creo que cómpre destacar é que cando falamos de I+D+i temos por un lado os Centros de Investigación, que xeran os coñecementos nos diferentes ámbitos da agricultura, a gandaría, do ámbito forestal e da industria agroalimentaria… Pero que, ademais de xerar ese coñecemento, ao estaren dentro da AGACAL permítenos trasladar toda esa información de forma automática aos centros de formación.

Por iso temos unha aposta moi decidida para que haxa esa simbiose entre investigación e formación. Temos tódalas ferramentas para facelo e creo que debemos potencialo, especialmente dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, en tódolos ámbitos gandeiros e agrícolas, no de Lourizán no ámbito forestal, e na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia no eido do viño.

Temos unha aposta moi decidida para que haxa esa simbiose entre investigación e formación

No ámbito da formación non regrada, que actividades destacaría que estean en marcha ou que veñan próximas no calendario?

En formación continua vimos de aprobar un total de 626 actividades que se van realizar coordinadas polas distintas unidades da Consellería de Medio Rural. Pero delas, 164 van ser desenvolvidas nos centros de formación e experimentación agraria

A modo de exemplo, vanse desenvolver dende agora ata novembro formacións sobre cultivos hortícolas; utilización de novas tecnoloxías na agricultura, como por exemplo o emprego de drons, técnicas de manexo forestal, utilización segura da motoserra, análise de mostos e viños, instalacións de rega, mantemento de maquinaria, comercialización a través de marketing dixital, etc.

Tamén velamos pola protección da biodiversidade, a redución de gases de efecto invernadoiro e a pegada de carbono. Deste xeito, tamén implicamos eses aspectos e temos temas relacionados como a prevención de ataques do lobo, coa idea de fomentar esa convivencia da gandaría e agricultura coa fauna salvaxe.

Tamén traballamos cousas do día a día, como pode ser tratar os temas relacionados coa etoloxía animal. É dicir, estudar e aprender do comportamento dos animais para empregalo en mellorar a produción, pero tamén a relación cos humanos.

Velamos pola protección da biodiversidade, a redución de gases de efecto invernadoiro e a pegada de carbono

E a nivel tecnolóxico?

Tamén intentamos formar arredor dos últimos avances, por exemplo os robots de muxido, a incorporación dos drons e calquera tecnoloxía susceptible de nos axudar. Todo enfocado cara esa mellora na precisión agrícola que hoxe en día as tecnoloxías nos brindan.

Resulta evidente que aquela vella visión urbana dun agro rudimentario vai quedando desfasada.

Sen dúbida. Non debemos esquecer que cando falamos de agricultores e gandeiros estamos a falar, en moitos casos, de emprendedores cada vez máis formados para desenvolver as súas responsabilidades con solvencia e competir con mercados internacionais.

En maior ou menor medida, non deixan de ser empresarios.

Estamos traballando duramente para estender esa visión tanto cara fóra, como cara dentro do propio sector. Queremos poñer en marcha unha especie de titorización, para que aqueles agricultores ou gandeiros novos que se queren incorporar ao mercado laboral, poidan ter un apoio e unha referencia que os acompañe durante a posta en marcha deses negocios e explotacións, durante as primeiras fases dos seus proxectos.

Hai moita marxe de mellora nos novos produtos, especialmente nas producións diversificadas. Concretamente, queremos alcanzar unha franxa de idade de entorno aos 40 anos ou menos porque cremos que é onde se atopa o futuro da gandaría e da agricultura. Sen esquecer, por suposto, ningunha das outras franxas de idade.

Queremos ser unha referencia que acompañe aos emprendedores durante a posta en marcha deses negocios

A moita xente nova a pandemia fíxolle repensar os seus modos de vida, as súas aspiracións de emprego. Parece que hai unha tendencia á volta ao agro polas condicións laborais dignas que ofrece que, en moitos casos, son equiparables ás das cidades.

Evidentemente, a crise sanitaria do coronavirus foi un punto de inflexión para todos. Un acto de reflexión no que nos demos conta da necesidade de ter capacidade para a autoabastecernos como individuos, pero especialmente como sociedade.

Non é o mesmo vivir na cidade que no campo, as condicións de vida cambian notablemente. Temos detectado unha volta cara o mundo agrario. Nese mundo e grazas aos avances rurais na dixitalización, pode converterse en oportunidade para o emprendemento e a creación de negocio cunha rendibilidade moi digna.

Pensemos nas denominacións de orixe e no resto de distintivos xeográficos. Temos unha oportunidade para facer chegar ao mercado produtos que o consumidor necesita e cunha calidade achegada á excelencia. Tamén por suposto nas materias primas.

Unha das bazas que temos é a calidade dos produtos que se obteñen no territorio.

A aposta polos produtos autóctonos pode ser unha garantía de futuro?

A aposta polos produtos autóctonos, tanto de orixe vexetal como animal, supón a posibilidade de acadar un valor diferencial único. Con isto os empresarios poderían entrar en determinados nichos de mercado de xente nova ou doutras idades con determinadas necesidades e demandas de dietas.

Se temos unha dieta mediterránea recoñecida, por que non imos ter unha dieta atlántica? Coa produción tan variada e de tanta calidade que temos en Galicia, poderiamos promocionala con éxito.

Hai unha idea clave: debemos identificar os produtos de alta calidade cunha dieta saudable.

Dende a súa propia experiencia e facendo balance das últimas décadas, é notable o avance na profesionalización do sector primario?

Absolutamente. Temos que pensar que Galicia, antigamente, era unha rexión agraria de autoconsumo. Ese autoconsumo nun mercado global competitivo como o que temos na actualidade non ten cabida. Supón que se queres vivir do campo, teste que converter nun empresario, un profesional do sector nos distintos ámbitos.

Malia que tódolos sectores do campo teñen elementos comúns, tamén teñen unhas características concretas que necesitan unha formación especializada. E niso estamos a traballar, queremos ofrecer garantías de éxito.

Con este pano de fondo, como ve a proxección de futuro do sector primario en Galicia?

Creo que temos un altísimo potencial. A través das estratexias europeas como a PAC, a Da granxa á mesa, a da Biodiversidade… Temos unha oportunidade para a recuperación de terra agraria e a súa posta en valor a través dos produtos que podemos xerar.

Cómpre facer unha aclaración. Non podemos xerar só materia prima, debemos facer unha aposta importante pola industrialización. Poñamos por caso o sector leiteiro, no que temos unha cota de mercado de aproximadamente un 40% en España. Somos unha das dez potencias de produción leiteira de Europa.

Agora estamos adicándonos a producilo e envasalo, pero temos que camiñar cara unha industrialización que permita a obtención dunha diversidade de produtos como queixos, iogures, xeados, requeixo… Darlle ese valor engadido. Algo que non estamos a aproveitar adecuadamente ou, polo menos, temos moitísima marxe de mellora.

Temos un potencial moi amplo que pode traer unha repercusión económica moi importante para Galicia.

Que cre que necesitamos para dar ese salto?

A Administración ten que acompañar aos empresarios. Temos que fornecer esa cultura do emprendemento e da transformación deses agricultores e gandeiros en empresarios, que o son xa dende tódolos puntos de vista. Sobre todo, para que os que teñan algunha dúbida acabe de dar ese paso.

Temos que fornecer esa cultura do emprendemento e da transformación deses agricultores e gandeiros en empresarios

O sector lácteo en Galicia é un dos máis profesionalizados. Cre que no resto aínda queda máis camiño por andar?

Penso que si. Igual que se fixo unha estratexia para a dinamización do sector lácteo, teño constancia de que se está a traballar para a elaboración de estratexias homólogas para o sector cárnico e agrícola.

As tendencias da Política Agraria Común cara as producións ecolóxicas e equilibradas co coidado da biodiversidade e como forma de mitigación do cambio climático son algo que temos en mente na elaboración desas estratexias.

Que capítulos cre que hai que mellorar na formación dos gandeiros?

Este ano, vimos de comezar un proceso para detectar aquelas liñas nas que existen máis carencias. Ben mediante a nosa investigación, ben porque se nos manifesta por parte dos profesionais.

Un exemplo. Na actualidade, estamos a desenvolver un curso para Gandeiros 20-30 dende o punto de vista emprendedor. É un enfoque radicalmente distinto aos cursos habituais aos que estamos acostumados. Estamos a facelo, ademais, por comarcas, para satisfacer as necesidades específicas de cada unha.

Entón, a grande aposta é mellorar a formación empresarial.

Dende logo, pero hai máis aspectos fundamentais. Debemos poñer en contacto as diferentes formas de produción. Afondar na diversificación dos produtos que se podan adaptar ás capacidades do noso territorio. Achegar eses novos coñecementos ao sector. Neste sentido, o labor dos nosos centros de investigación está a ser fundamental.

Para rematar, que aspectos quererías destacar dende as formacións ofrecidas pola Consellería de Medio Rural que quizais non sexan tan coñecidos.

Nos centros de formación, aínda que están ben repartidos polo territorio, temos para ofertar prazas de residencia e comedor para o alumnado. É un valor que creo que debemos destacar e promover. É a nosa responsabilidade facilitar as conexións e a mobilidade do alumnado.

Nesa liña, tamén temos que seguir apoiando os intercambios comunitarios a través dos Erasmus. Aínda que estamos a traballar para melloralos, xa temos exemplos de alumnos e alumnas que están a participar desas convivencias e dese intercambio de coñecemento internacional. Na futura PAC, unha das liñas estratéxicas é esa transmisión de coñecemento para poñela ao servizo do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *