Máis de 500 estudantes de 15 centros de ensino de Galicia e do Norte de Portugal participaron activamente nos últimos meses no proxecto FunCAP, unha iniciativa liderada pola Fundación Juana de Vega e financiada pola Comisión Europea, que se marcou como obxectivo difundir entre a xuventude da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a importancia e os beneficios que aporta a Política Agrícola Común. Cómpre lembrar que a PAC é a principal partida económica da Unión Europea, cun presuposto para o novo período 2023-2027 de 386.000 millóns de euros, o que supón o primeiro capítulo de gasto comunitario, co 33% do seu orzamento.
¿Como lograr que eses inxentes recursos contribúan de forma activa ao desenvolvemento das áreas rurais, a unha agricultura e ganderia respetuosa co medioambiente pero tamén sustentable económicamente e que ao mesmo tempo asegure o suministro de alimentos saudables e a prezos asequibles a toda a sociedade? A esta complexa pregunta intentaron responder os alumnos dos 7 centros escolares galegos que entre os meses de marzo e xuño deste 2022 se implicaron no proxecto FunCAP. Fixérono participando nas aulas en varias sesións de “Os Soutos do Norte”, un xogo desenvolvido para este proxecto e que dunha forma lúdica e colaborativa ensinoulles a aplicar no día a día dunha gandería ou dunha explotación agrícola os principios da PAC.
Ademais, o evento final do proxecto, celebrado o pasado 14 de xuño en Muíños (Ourense) baixo o lema “Tempo de soñar un futuro para a Eurorrexión”, serviu precisamente para que mozos e mozas das dúas beiras do Miño intercambiaran coñecementos e, sobre todo, ideas, para que a Política Agrícola Común contribúa ao desenvolvemento das áreas rurais.
Esta é unha escolma das súas propostas resultantes das dinámicas participativas, moitas delas na liña “Pacto Verde Europeo” ou da “Estratexia da Granxa á Mesa”:
-Unha PAC máis xusta:
Os estudantes que participaron no proxecto FunCAP coinciden en demandar que a Política Agrícola Común contribúa de forma efectiva a equilibrar o poder de negociación dos produtores coa industria e coa distribución para lograr que agricultores e gandeiros perciban uns prezos máis xustos polos seus produtos.
Dentro destes obxectivos económicos, tamén reclaman que se fomente a compra directa dos consumidores aos produtores para reducir intermediarios e que se fomente unha maior profesionalización do sector para que a xestión das explotacións agrícolas e gandeiras sexa máis eficiente e rendible.
-Unha PAC que fomente a biodiversidade e loite contra o cambio climático:
Outro punto en común dos participantes foi demandar unha PAC que fomente a biodiversidade e loite contra o cambio climático a través de medidas como:
-Promover o consumo de produtos de proximidade, para reducir a pegada de carbono.
-Fomentar unha agricultura que contribúe ao secuestro e fixación de carbono no solo.
-Reducir o uso de abonos químicos.
-Fomentar as prácticas agroecolóxicas.
-Promover e fomentar as razas e variedades de cultivos autóctonos.
-Reducir os monocultivos intensivos e fomentar a diversificación e a rotación de cultivos.
-Maior protección dos insectos polinizadores, especialmente das abellas, polo seu papel clave para os ecosistemas.
-Reducir o desperdicio alimentario, mediante o fomento da economía circular, do consumo de produtos de temporada e de novos hábitos por parte dos consumidores.
-Unha PAC que fomente a incorporación da mocidade e a igualdade:
Os obxectivos sociais que debería ter a nova PAC non foron alleos aos máis de 500 estudantes que participaron no proxecto FunCAP. Así, coinciden en demandar que se promova a incorporación de mulleres e xuventude á actividade agraria.
De forma paralela, e para que a xuventude poida desenvolver os seus proxectos de vida no rural, demandan que se facilite o acceso a servizos públicos, así como beneficios fiscais e sociais nas zonas rurais para fixar poboación e empresas.
-Unha PAC que fomente a innovación e a eficiencia:
Outro obxectivo transversal que se marcaron os mozos e mozas foi o da modernización do sector a través da innovación e a dixitalización.
En concreto, reclaman medidas como axudas para a incorporación de programas informáticos e equipos como drons ou robots que axuden a mellorar a produción agrogandeira, facéndoa máis eficiente. Outra liña de actuación sería mellorar a formación dos produtores en novas tecnoloxías, así como en estratexias de comunicación, para que o conxunto da sociedade coñeza a importancia do seu traballo.
Falan os protagonistas:
-Irimia Fernández Álvarez, creadora de “Os Soutos do Norte”: “O máis bonito é ver que os participantes viven e sinten o xogo”
Irimia Fernández Álvarez é fundadora de Brazolinda, a empresa que deseñou “Os Soutos do Norte”, o xogo co que o proxecto FunCAP está a achegar a PAC á mocidade dunha forma lúdica.
“Cando nos propuxeron facer o xogo queriamos que non fose o típico xogo de preguntas e respostas, senón que as persoas que xogasen a “Os Soutos do Norte” viviran dalgún xeito o que é ter unha explotación agrícola e gandeira e enfrontarse aos problemas do día a día, de conseguir alimento para o gando, comercializar a produción, respetar o medioambiente etc. Isto obrigounos a documentarnos sobre a PAC e sobre o sector agrogandeiro en xeral para ver as distintas problemáticas e elaborar un xogo máis realista. Ademáis, foi crucial a fase previa de testaxe que fixemos do xogo con expertos e en varios centros de formación profesional, pois contrastámolo directamente con estudantes que viven a realidade do sector nas súas familias e resultou moi enriquecedor.
É un xogo vivo, con varios capítulos, e que iremos modificando e mellorando co tempo. O máis bonito desta experiencia foi o propio proceso no que os usuarios lle foron dando forma coa súa participación e ver que os estudantes vivían e sentían o xogo”.
-Sergio Lois, alumno da Efa Fonteboa: “Aprendín a mellorar a xestión dos recursos”
“Eu sabía algo da PAC porque os meus pais comentábano e funme enterando pero era un coñecemento superficial. Grazas ao proxecto FunCAP e ao xogo de Os Soutos do Norte aprendín moito, sobre todo como xestionar os recursos e tamén como pode ser a vida dun produtor”.
-Teresa Santamarina Alonso, profesora no IES de Arzúa: “O xogo logrou que o alumnado se implicase”
“Coñecemos o proxecto porque dende FunCAP puxéronse en contacto con nós e pareceunos moi interesante. A PAC é unha gran descoñecida, a pesar da súa importancia, e neste sentido o xogo logrou que o alumnado se implicase. Resultou moi interesante a importancia da xestión económica á hora de xogar e levar ben unha explotación e aí puidemos ver a variedade de perfís dos estudantes, dos máis innovadores e arriscados aos máis conservadores”.
-Laura Mato, profesora da EFA Fonteboa: “Nos recreos os alumnos seguían comentando o xogo”
“O proxecto FunCAP é unha maneira pedagóxica orixinal de ensinarlles aos estudantes como funcionan certos aspectos da PAC. A acollida foi moi positiva e de feito nos recreos oíase aos alumnos comentar entre eles a estratexia que seguiran no xogo para xestionar a súa explotación gandeira”.
-Damián Ramos Brea, alumno do IES de Arzúa: “Decateime de como a PAC axuda moito a mellorar a produción de alimentos”
“Son de Santiago e a miña familia non ten gandería. Sabía o que era a PAC de oídas e grazas a este xogo e á información que atopamos na web do proxecto FunCAP decateime de que a PAC axuda a mellorar moito a produción de alimentos dunha forma sustentable”.
-Patricia Hermida Galán, profesora do IES de Ortigueira: “Fixemos unha versión dixital do xogo nun proceso moi participativo”
“Dende a Fundación Juana de Vega puxéronse en contacto con nós para ver a posibilidade de facer unha dixitalización ou versión interactiva do xogo, algo que fixemos no centro coa app Genially. Elaboramos unha versión máis adaptada ao alumnado de ESO e foi un proceso moi participativo no centro, xa que os estudantes do ciclo de Economía explicáronlle o xogo aos de segundo e terceiro da ESO”.