A Xunta de Galicia ten en marcha o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2023 que ten como obxectivo evitar que se produzan incendios forestais ou, no caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posible.
Como principais novidades, no marco do Pladiga 2023, créase unha unidade de directores de extinción que, en lumes con elevado potencial de converterse en gran incendio forestal, poderán ser mobilizados polo Centro de Coordinación Central de Incendios, coa intención de facilitar e favorecer o correcto desenvolvemento do dispositivo. Estará formada por persoal de diferentes categorías (técnicos, axentes, bombeiros forestais, emisoristas…), que terán dependencia funcional directa da Dirección Xeral de Defensa do Monte.
Deste xeito, partirase dun equipo mínimo de dous integrantes no que cando menos un deles teña facultades para erixirse en director de extinción á súa chegada ao lume. As características do incendio e a súa potencialidade serán as que determinen a composición da unidade, non habendo límite de persoal e categoría a incorporar en función das necesidades e dispoñibilidade. Para o correcto desenvolvemento do equipo, disporase ademais dos medios materiais necesarios.
Nese senso, este ano créanse tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés (Muíños) e en Queimadelos (Mondariz) -con medio cento de efectivos para cubrir as diferentes quendas- e que se sumarán ás xa existentes nas bases de Marroxo (Monforte), Campiño (Pontevedra) e Vilamaior (Verín). Ditas brigadas helitransportadas serán un apoio fundamental para o desenvolvemento da unidade, coa garantía de dispoñer de medios durante todo o ano e con persoal que integrará parte do equipo, a maiores da versatilidade que ofrece dispoñer do medio aéreo como ferramenta para determinadas accións.
Doutra banda, como maior reforzo dos medios materiais que tamén servirán de apoio a esta unidade para facilitar o correcto desenvolvemento do seu traballo, prevese este exercicio a compra de 15 motobombas e doutros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer. Ademais, ao longo deste ano poderanse adquirir outros tres vehículos motobombas e outros dous batracios, que -neste último caso- poden ser claves tamén na extinción, máis aló dos traballos preventivos que están capacitados para desenvolver.
Vixilancia e melloras tecnolóxicas
Outra novidade do Pladiga 2023 ten que ver coa vixilancia fixa. Así, dentro desta rede increméntanse en cinco as cámaras dispoñibles, en dúas novas localizacións, co que se acada a cifra de 153 unidades en 76 localizacións. Estas cámaras contan cunha tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal, con zoom remoto, movemento horizontal e vertical, rotación nos 360º automática e baixo demanda, visión panorámica e altas capacidades de gravación.
No eido tecnolóxico, introdúcense melloras e novas aplicacións para facilitarlle o traballo ao dispositivo de loita contra incendios. Así, adquiriranse novos terminais de altas prestacións e amplas capacidades de procesamento, co fin de distribuír a última versión de XeoCode Lite entre todos os técnicos forestais, axentes ambientais e persoal do Servizo de prevención e extinción de incendios. Cómpre sinalar que o XeoCode Lite é unha ferramenta de información e incorporación dos datos relativos ao punto de inicio e avance do lume, fotografías xeorreferenciadas, perímetro e aqueles outros datos que poidan ser de interese.
Tamén se despregará unha nova aplicación web que facilitará a xestión, supervisión e control dos lotes de maquinaria pesada e doutra maquinaria pesada contratada. Tamén se actualizan as plantillas dos portófonos e mobilófonos Tetra, incorporando canais de intercomunicación con outros dispositivos que usan este sistema -061, policía, 112, bombeiros urbanos- nas emisoras de técnicos forestais e axentes ambientais, de cara a unha mellor coordinación durante os incendios.
Parroquias de alta actividade incendiaria e medios
En relación coas parroquias de alta actividade incendiaria, o Pladiga 2023 eleva o número de parroquias a 40, fronte ás 35 do ano pasado. Así, do total de parroquias, 26 repiten respecto á anterior campaña, 14 entran no listado e 10 saen del.
Concretamente, as novas parroquias que entran son as de Ribasieira (Porto do Son), Quins (Melón), Padrenda (Padrenda), Casaio (Carballeda de Valdeorras), A Xironda (Cualedro), Chaguazoso (A Mezquita), Oímbra e A Granxa (Oímbra), Grixoa (Viana do Bolo), Vilamaior da Boullosa (Baltar), Prado de Limia (Muíños), Mourentán (Arbo), San Salvador de Budiño (O Porriño) e Saiar (Caldas de Reis). Mentres, saen do listado a do Pindo (Carnota), Ourense (Ourense), Paradela (Manzaneda), San Millao (Cualedro), A Esculqueira (A Mezquita), A Fraga (Lobeira), San Paio de Araúxo e Río Caldo (Lobios), Guillamil (Rairiz de Veiga) e Rebordechau (Vilar de Barrio).
En canto aos medios humanos e materiais mobilizados, estes mantéñense, en liñas xerais, en valores semellantes aos das últimas campañas. Así, o operativo estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Neste apartado, cabe lembrar que os traballadores de nove meses pasan a ser de 12 meses desde este mesmo ano. En relación co parque de maquinaria, mantense o despregamento de preto de 380 vehículos motobomba e mobilizaranse unha trintena de 30 medios aéreos, achegados tanto pola Xunta como polo Estado, unha cantidade semellante á das últimas tempadas de alto risco.
Plans de formación e de prevención
Segue vixente o Plan de formación aprobado no 2021 para o período 2021-2024 e cuxo obxectivo principal é planificar a formación que se imparte ao persoal que forma o dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais da Xunta, de forma que se adapte ás necesidades operativas do Servizo e vinculado ás diferentes categorías profesionais que o conforman.
O orzamento previsto para financiar o Plan de formación dirixido ao Servizo neste ano 2023 é de 700.000 euros, fronte aos 400.000 euros do ano 2022. Dito Plan consta de catro programas, dous deles dirixidos ao Servizo, o terceiro deseñado para o persoal dos concellos que participa na extinción e o cuarto para a sociedade do rural.
Así, no apartado da formación para o Servizo, prevese para o ano 2023 impartir 33 cursos en 602 edicións, con aproximadamente 13.444 prazas, que supoñen un total de 443.373 horas de formación nas modalidades presencial, telemática ou mixta (case o cuádruplo das 115.000 horas do anterior Pladiga). O obxectivo é, por unha banda, reforzar a profesionalización dos efectivos contraincendios de todas as categorías existentes e, por outra, preparalos de cara á eventual acreditación das súas capacidades mediante os certificados de profesionalidade relacionados cos lumes forestais.
Ademais, sobre a actualización de coñecementos e adestramento do servizo para perfeccionar a organización e a eficiencia no traballo, vanse desenvolver diversas iniciativas relacionadas coa seguridade laboral, cos cada vez máis habituais grandes incendios e lumes de interface ou co manexo de equipamentos de traballo como os equipos de comunicación Tetra ou os novos vehículos de extinción. Este programa eminentemente práctico será de obrigado cumprimento para os efectivos e contará cunha estrutura a tres niveis: autonómico, provincial e de distrito.
No apartado para os traballadores adscritos á Administración local que participan no operativo de extinción, para que poidan desenvolver as súas funcións contando coa adecuada cualificación profesional e coordinados cos medios dispoñibles a nivel autonómico. A intención é continuar coas formacións eminentemente prácticas xa impartidas nos anos 2021 e 2022, onde se impartiron 75 xornadas de sete horas de formación cada ano, centrada sobre todo en temas relacionados coa seguridade e saúde no traballo, así como coa prevención de riscos.
Maior implicación das brigadas forestais para revisar as faixas preto das casas
Por outra parte, nesta campaña destaca o reforzo da vixianza para garantir que as parcelas máis próximas á vivenda estean limpas e rozadas. Neste sentido, é de salientar que 89 % dos concellos galegos están integrados no sistema de xestión da biomasa impulsado pola Xunta de Galicia.
Ademáis, ao abeiro do convenio de protección das aldeas, este ano ponse en marcha un visor público en liña para que calquera cidadán saiba que parcelas deben estar acondicionadas; así como a maior implicación das brigadas forestais na revisión das faixas preto das casas para que a xestión da biomasa sexa a correcta, xa que ata o de agora só se encargaban dos labores de roza e extinción.
Por outra parte, dentro das actuacións dirixidas á concienciar a poboación que se recollen no Plan de prevención de incendios forestais, cómpre subliñar as máis de 300 charlas en centro educativos de Galicia ou accións de formación en 40 parroquias de alta actividade incendiaria do rural.