O SLG denuncia ante Xunta e Goberno a persistencia de complicacións na vacinación contra a lingua azul

A campaña de vacinación segue dando problemas ás explotacións tendo que pagaren as vacinas cando son unha medida gratuíta, denuncian desde o SLG.

O SLG denuncia ante Xunta e Goberno a persistencia de complicacións na vacinación contra a lingua azul

O Sindicato Labrego Galego (SLG) volve denunciar os problemas que está causando a campaña de vacinación contra a lingua azul. O sindicato denuncia que as doses inxectadas no gando causan reaccións adversas mentres, denuncia, as administracións autonómica e estatal non fan ningún tipo de seguemento da aplicación das doses. Por outra parte, engaden que moitas explotacións gandeiras están pagando as vacinacións cando deberan ser gratuítas.

Os problemas coa campaña de vacinación da lingua azul persisten “tanto en Galicia como no resto do Estado” sinala o SLG. A formación agraria denuncia que a Consellaría do Medio Rural “está optando por botar balóns fóra”, en relación a que están sendo as granxas as que deben pagar a vacinación privada contra a lingua azul. Isto súmase aos custos por perdas derivados dos animais mortos ou danados logo da vacinación. Así o trasladou o SLG en vista da última resposta do Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Silvestre José Balseiros Guinarte.

Segundo o SLG, Balseiros declara que a vacina é gratuíta “obviando a denuncia realizada dende varias comarcas nas que as granxas teñen que cargar cos gastos da vacinación”, ao tempo que noutras son os veterinarios oficiais os que cumpren as obrigas sanitarias. Este agravio comparativo xera discriminacións moi importantes e que terían como explicación a falta de persoal, “como o propio Balseiros corrobora na resposta dada ao SLG-CCLL”. A causa para a formación agraria está na nefasta planificación desta campaña de vacinación.

Por outra banda, a alusión que realiza de Balseiros en relación ás indemnizacións por danos son para o SLG un exercicio de “retranca”, o prazo limitado para as mesmas, 48 horas logo da inoculación, imposibilita identificar e recoller rigorosamente os seus efectos secundarios. A día de hoxe, o SLG recolleu incidencias ata mais aló das tres semanas, como mortes embrionarias, reabsorcións embrionarias ou as intolerancias a penicilinas.

Aliás, as granxas están preocupadas porque esta nova versión da vacina, modificada logo de efectos secundarios adversos denunciados anteriormente. Esta nova versión está a ser probada precisamente na Galicia, “onde hai unha maior cabana de vacún, sen que se estea a dar tempo a seguir os seus resultados ou establecer comparativas cos doutros territorios”.

O Sindicato Labrego Galego contactou tamén co Ministerio de Agricultura que argumentou non ter competencias. O sindicato dirixiuse novamente á Xefa do Servizo de Ruminantes, correspondente á Subdirección Xeral de Gandaría da Consellería do Medio Rural, para reiterar a solicitude dunha xuntanza urxente na que poder abordar a campaña saneamento da lingua azul. Nesa reunión tamén abordarían as medidas de control e erradicación desta enfermidade, a fin de concretar cal é o problema e afrontar unha posible solución ás granxas afectadas.

O SLG denuncia a falta de interese no sector gandeiro galego por parte da administración autonómica e reclama que non se ignoren as alertas que están dando os gandeiros. Acusa de falta de interese por parte da Consellería e “prolongar este inferno burocrático onde nos meteron a gandeiros e gandeiras”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información