A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

New Holland presenta a súa estratexia para 2021

A marca comercializará este ano en toda Europa o seu tractor propulsado por metano, amplía a súa oferta de equipos de solo por medio dun acordo con Maschio Pardo e presenta novidades para manter o liderazgo no segmento de colleita

New Holland presenta a súa estratexia para 2021

Sean Lennon, vicepresidente de New Holland para Europa, na presentación da estratexia da marca para 2021.

O sector de maquinaria agrícola atravesou en xeral un descenso do volume de vendas no 2020 en tódolos segmentos, unha situación que tamén lastrou a New Holland, principalmente na primeira metade do pasado ano, durante os confinamentos máis fortes. Na presentación da súa extratexia para 2021, o vicepresidente da marca para Europa, Sean Lennon, incidiu en que as vendas recuperáronse na segunda metade do ano, “demostrando a resiliencia do sector agrario”.

Pola súa banda, o presidente de New Holland Agriculture, Carlo Lambro, destacou como retos para o 2021 o de consolidar a visión de New Holland como marca ‘Full line’, con propostas para cada segmento agrícola, e o desenvolvemento de equipos con enerxías limpas. Outro dos focos da marca sitúase en manter o seu liderazgo no segmento de colleita (empacadoras de forraxe, colleitadoras de cereal, etc.).

New Holland presentou a súa estratexía global para este ano nunha xornada online, dadas as restriccións derivadas da Covid. Por ese mesmo motivo, a marca ultima unha feira de maquinaria agrícola online organizada por medio dunha plataforma interactiva. Será entre os días 9 e 18 de abril baixo o nome Youniverse.

Repasamos a continuación algunhas das novidades que a marca presenta este ano.

Tractor T6.160 Dynamic Command

Tractor T6 Dinamyc Command.

Tractor T6 Dinamyc Command.

New Holland amplía este ano a súa serie T6, que a maiores do xa existente T6.180, de 145 cabalos, incorpora o novo T6.160, de 135 cabalos, cun motor de 6 cilindros e 6,7 litros. O novo modelo mantén a esencia dun tractor compacto multitarefa, con 2,6 metros de distancia entre eixos, e destaca pola súa tecnoloxía de dobre embrague.

O T6.160, que estará dispoñible desde mediados do 2021, incorpora a transmisión Dynamic Command 24×24, cun cambio de 8 marchas mediante botón e con opcións robotizadas que permiten, por exemplo, manter automaticamente unha velocidade de referencia definida polo operador. A marca destaca asimesmo a maior visibilidade desde a cabina, a mellor entrega de potencia e a redución de consumos.

O novo modelo incorpora tamén opcións de conectividade para enviar e recibir datos en tempo real. Entre os servizos posventa que a marca está incorporando ós seus modelos, destaca ademais a posibilidade de que New Holland monitoree en tempo real o rendemento dos equipos, xerando alertas en caso de detectar irregularidades. É un sistema que lle permitirá á marca contactar de xeito proactivo co agricultor cando salte unha alerta, de xeito que se poida anticipar a posibles avarías.

NH machio gaspardo

Acordo de equipos de laboreo con Maschio Gaspardo

New Holland selou un acordo de subministración con Maschio Gaspardo, fabricante de equipos de solo, sementeira, fertilización e protección de cultivos. O acordo permitirá ampliar a oferta de New Holland e oriéntase nun inicio a equipos de laboreo como subsoladores ou grades rápidas, que se venderán xa este ano baixo o nome da marca New Holland.

Carlo Lambro, presidente da marca New Holland Agriculture, destaca que “buscamos continuamente formas de mellorar e ampliar a nosa oferta para ofrecerlle ós nosos clientes solucións innovadoras e completas que satisfagan as súas necesidades agrícolas. Temos vontade de ser unha marca ‘full line’ e nese marco, a alianza con Maschio Gaspardo permítenos levar os seus produtos de primeira clase aos nosos clientes”.

Os primeiros equipos en ofertarse a raíz do acordo serán os cultivadores de discos compactos de alta velocidade SDM e SDH e os subsoladores SUM e SUH. Serán equipos dispoñibles en distintos anchos e para un amplo abano de potencia de tractores.

Tractor propulsado por metano

Probas de campo do T6 propulsado por metano.

Probas de campo do T6 propulsado por metano.

O tractor propulsado por metano T6 iniciará este ano a súa comercialización en Europa, tras atrasos derivados da pandemia. Nesta primeira metade de ano, entregaranse unidades a clientes seleccionados en Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido, Holanda e Bélxica, pois trátase de mercados nos que as plantas de biogás nas granxas atópanse popularizadas, o que permitirá desenvolver o concepto proposto pola marca de ‘Energy Independent Farm’ (Granxa independente en enerxía).

De forma paralela, New Holland continúa desenvolvendo novas iniciativas de enerxías limpas. En colaboración cunha adega italiana, está a probar nos seus viñedos un tractor propulsado por biometano co obxectivo de lograr a primeira produción de viño libre de pegada de carbono.

Noutra colaboración co fabricante italiano de implementos Nobili, New Holland está a proceder a electrificar implementos para viñedos e hortos. O sistema combina o tractor New Holland T4.110V cun xerador eléctrico externo accionado pola toma de forza do tractor como única fonte de enerxía. Esa tecnoloxía xa permitiu operar cun pulverizador eléctrico e cun triturador eléctrico.

NH empacadora

Nova versión para a empacadora Big Baler 1290 High Density

A New Holland BigBaler 1290 High Density, unha empacadora xigante de alta eficiencia, amplía a súa oferta cun novo modelo Packer. Este conta con tres pinzas de 3 púas fabricadas con compoñentes de gran resistencia para garantir a súa durabilidade e a adaptabilidade.

Alessio Merlo, responsable de Marketing de Produto en Europa para herba seca e forraxe, destaca que a BigBaler 1290 High Density “é un fito de excelencia que vai máis aló das estatísticas. Presentouse en Agritechnica en 2019 e de inmediato nomeárona Máquina do Ano. Recibiu innumerables premios e galardóns, pero o máis importante, obtivo un amplo recoñecemento entre os clientes pola súa tecnoloxía de encintado LoopMaster e a súa extraordinaria densidade de paca, que é até un 22% superior ao dunha empacadora xigante convencional”.

A marca destaca que lidera o segmento de empacadoras xigantes desde hai máis de 30 anos, durante os cales introduciu unha serie de fitos no sector que transformaron as operacións de empacado. Trátase de innovacións como a tecnoloxía de dobre nó, o control electrónico de densidade proporcional, a función de expulsión total de pacas e o primeiro tamaño de paca de 80×90, que se converteron en estándares do sector.

En novembro de 2020, New Holland fabricou a súa empacadora xigante número 30.000 na súa planta de Zedelgem.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *