A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Galicia conta coa primeira estratexia consensuada para o sector forestal, cun investimento de 4900 millóns de euros ata o ano 2040

Galicia conta coa primeira estratexia consensuada para o sector forestal, cun investimento de 4900 millóns de euros ata o ano 2040

O Plan Forestal de Galicia (PFG) contempla un investimento de 4.900 millóns de euros de fondos públicos e privados no monte galego ata o ano 2040. Tras un longo proceso de debate entre todos os axentes do sector que comezou no ano 2015, a revisión do Plan Forestal -que terá finalmente forma de Decreto- continuará a súa tramitación ambiental e remitirase ao Consello Forestal de Galicia e ao Parlamento para culminar este ano coa súa aprobación polo Consello da Xunta.

O documento, que se elaborou dando cumprimento ás recomendacións do Ditame da Comisión Forestal do Parlamento de Galicia, estase a ultimar baixo a premisa de acadar un amplo consenso sectorial e da sociedade galega en xeral. Establece unha proxección do monte do futuro para o período 2021-2040, cunha serie de grandes obxectivos e indicadores.

Mellora das masas de carballos e potenciación do castiñeiro

Unha das principais liñas pasa por promover a rexeneración natural de frondosas caducifolias, ata chegar a unha superficie total ocupada por estas masas autóctonas de 425.000 hectáreas en 2040. Ademais, a superficie de frondosas obxecto de xestión activa mediante tratamentos silvícolas incrementarase dende as 5.000 ha no primeiro quinquenio ata as 20.000 ha no último. Pola súa banda, o programa de recuperación de bosques de ribeira abranguerá outras 20.000 hectáreas.

No caso concreto do castiñeiro, o PFG contempla un programa estratéxico para contribuír á conservación e posta en valor desta especie, con actuacións en 8.000 hectáreas deica o ano 2040 para recuperar soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación. Así mesmo, prevese crear novos soutos tanto para a produción principal de castaña como para xerar madeira, cada unha das liñas con 8.000 hectáreas de actuación.

Eucalipto: máis madeira producida en menos superficie

En relación ao eucalipto, márcanse programas de actuación e iniciativas que contribúan a unha redución da superficie con presenza de eucalipto do 5%, ao final do período. Para iso, priorizarase a mellora da xestión e a produtividade das masas de eucalipto xa existentes, reforzarase o control das novas plantacións e aplicarase un programa de transformación de eucaliptais degradados. Así mesmo, potenciarase a silvicultura do eucalipto e reducirase a combustibilidade das masas mediante a xestión activa, incrementando tanto a taxa de aproveitamento da especie como a certificación e as iniciativas de xestión conxunta. Así, dentro desa redución, un total de 20.000 hectáreas converteranse en masas doutras especies.

O obxectivo é que no 2040 Galicia conte cunha superficie menor de eucaliptais, mediante a transformación en plantacións doutras especies. Paralelamente, mellorarase a produtividade naquela superficie na que se circunscriban as masas de eucalipto, incrementando a taxa de aproveitamento co obxectivo de alcanzar un 90% do crecemento corrente anual. Así, cunha menor superficie de eucalipto, a produtividade das masas vai ser maior como consecuencia das medidas adoptadas.

Pasar de 9 a 12 millóns de metros cúbicos de madeira cortada ao ano

En base a estas premisas establécese, por exemplo, o obxectivo de mobilizar os recursos madeireiros que permitan atender, como recurso de proximidade, as demandas da actividade industrial ligada á madeira e á biomasa. Así, márcase un incremento da mobilización de recursos madeireiros cunha taxa global de extracción de todas as especies (incluída a conífera) de xeito tal que pase do 60% ata o 70% da posibilidade, cunhas cortas anuais de ata 12 millóns de metros cúbicos ao remate do período, unha cifra que arestora se sitúa en algo máis de 9 millóns.

Piñeiro de calidade

En relación coas coníferas, especialmente o piñeiro, no plan contémplase fomentar a través de liñas de axuda as repoboacións e reforestacións de alta calidade xenética, incrementando mediante esta vía a superficie que ocupan estas especies en 20.000 hectáreas no prazo de 20 anos. Tamén se aplicarán actuacións silvícolas nun total de 50.000 hectáreas de coníferas deica o ano 2040 e irase incrementando a porcentaxe de volume de cortas con destino a serra ou usos estruturais ata un 75% nese tempo.

O control das especies invasoras (especialmente das acacias) mediante un programa de control que abranguerá 1.000 hectáreas en total, o fomento da multifuncionalidade do monte ou a regulación do seu uso socio-recreativo son outras liñas de traballo.

Outro programa destacado, xunto coa mellora da xenética forestal, é o dos chamados “montes protectores”. Trátase de inventariar e rexistrar aqueles montes ou terreos forestais que teñan un especial carácter protector do solo e regulador do ciclo hidrolóxico. Así, planifícase a creación e inscrición de montes protectores, para chegar a un total de 90.000 hectáreas amparadas por esta figura no horizonte do plan. Todo isto, cun aumento progresivo da superficie forestal xestionada con criterios de protección (incluíndo a que adquira a administración, a xestionada por contratos de xestión pública ou a de xestión privada), chegando no ano 2040 ata as 130.000 hectáreas. Ademais, porase en marcha un Programa de conservación de recursos xenéticos que abranguerá 15.000 ha e promocionarase o uso social ou turístico do monte mediante o establecemento dunha rede de infraestruturas verdes en contornas urbanas e en zonas de especial interese paisaxístico de forma progresiva, actuando en 25.000 hectáreas deica o ano 2040.

No ámbito da saúde e vitalidade do monte, o Plan Forestal de Galicia intensifica os traballos de loita biolóxica contra a avespiña ou o cancro do castiñeiro, así como fronte ao gorgullo do eucalipto, a praga dos ameneiros ou a procesionaria do piñeiro, entre outras doenzas, uns traballos que se levarán a cabo en función do avance dos organismos.

Outra liña de traballo é a mobilización das terras agrarias infrautilizadas ou abandonadas -especialmente mediante proxectos liderados por agrupacións forestais de xestión conxunta- para recuperar o rural e fixar poboación nas aldeas, apoiando as explotacións resultantes mediante incentivos fiscais, axudas directas ou de discriminación positiva. Para isto, en 20 anos crearanse un millar de aldeas modelo, actuarase en 150.000 hectáreas ao abeiro de proxectos de mobilización de terreos agroforestais e mobilizaranse outras 35.000 ha de terras forestais mediante actuacións de xestión conxunta, creando unha liña potente e consolidada de superficie baixo algún tipo de figura de xestión conxunta para chegar ás 150.000 ha en 2040.

Outros aproveitamentos forestais

Dentro do fomento dos recursos forestais non madeireiros, porase en marcha un programa de aproveitamento de pastos e forraxes en monte e de establecemento de sistemas silvopastorais, concretándose como obxectivo final chegar ás 225.000 hectáreas de superficie para esta actividade en toda Galicia en 2040.

O fomento de proxectos de ordenación de montes e instrumentos equivalentes de xestión forestal sustentable é un eido que tamén se aborda no plan. Deste xeito, márcase como obxectivo chegar a unha superficie total ordenada ao final do plan de 850.000 hectáreas. Delas, procurarase que cando menos 650.000 dispoñan da certificación forestal mediante calquera dos sistemas recoñecidos internacionalmente. Así mesmo, prevese que a superficie rexistrada de silvicultores activos sexa de 360.000 hectáreas en 20 anos, co apoio de 50 millóns de euros.

Outro ámbito de actuación é o da cadea monte-industria. Vaise incidir na súa modernización e en procurar que sexa altamente cualificada, produtiva e que elabore produtos de madeira ou baseados en madeira cun alto valor engadido. Farase mediante iniciativas coma o programa de divulgación e comunicación da cultura forestal, con, entre outras, 250 accións de formación e profesionalización de propietarios e/ou xestores de montes nos seguintes 20 anos. Tamén, cun programa de fomento da investigación, desenvolvemento e innovación forestal dotado con 135 millóns de euros en todo o período de vixencia e promovendo a cooperación e coordinación para mellora da formación forestal universitaria e profesional en Galicia.

Novo marco legal de protección e extinción de incendios

No marco do PFG, prevese ter lista na primeira metade desta lexislatura unha nova lexislación en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, un proceso totalmente participativo.

Ademais, revisaranse e actualizaranse os plans de defensa e prevención dos incendios forestais dos distritos e elaborarase un inventario da rede de faixas de xestión de biomasa forestal. Así mesmo, elaborarase anualmente o Plan preventivo que integre as actuacións dos medios propios e contratados nos montes de xestión pública, nos Perímetros de Alto risco (PARI), no marco dos convenios coa Administración Local e nas accións subsidiarias en cumprimento da lexislación vixente, por exemplo, nas franxas secundarias. A previsión é actuar nunhas 120.000 hectáreas deica 2040.

A maiores, elaborarase de xeito participativo un plan plurianual para a definición das instalacións, dos equipamentos e dos recursos necesarios para as sedes de distrito, talleres, almacéns, garaxes, puntos de encontro, puntos de vixilancia e bases de medios aéreos, recollendo as necesidades de equipamentos persoais, de parque móbil e de recursos tecnolóxicos e informáticos.

Canto á colaboración coas entidades e administracións locais, impulsarase o convenio para a xestión das faixas secundarias, reforzaranse os destinados a ter dispoñibles as brigadas de prevención/extinción e os camións de extinción, integraranse os convenios para a limpeza de marxes de pistas municipais e seguiranse elaborando e actualizando os Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais. En relación ás tarefas preventivas en parroquias priorizadas, continuarase incidindo na xestión de biomasa nas faixas secundarias, actuando nas 10 ha que pode solicitar anualmente cada concello en virtude das accións subsidiarias e nos 10 km anuais que poden solicitar a maiores para ter limpas as vías de titularidade municipal. Neste capítulo, prevese un investimento de 200 millóns de euros ata 2040, para acadar as 20.000 ha de accións subsidiarias, os 20.000 kms de vías municipais con xestión de biomasa, as 20.000 ha de faixas secundarias priorizadas xestionadas e o 100% dos concellos adheridos con Plan Preventivo.

Ademais, desenvolverase un plan continuado de formación do persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios e coa posta en marcha dun Centro Integral para a Loita contra o Lume que se situará en Ourense, na provincia máis afectada polos lumes. Así, o antigo hospital de Toén reconverterase nun centro de referencia, no que se conte cos maiores especialistas no comportamento e análise dos lumes forestais para dar formación aos bombeiros forestais, concienciar á sociedade civil a través da educación medioambiental e desenvolver análise e investigación.

Valoracións do sector

20191214__Consello_Forestal_galicia_02

Francisco Dans (Asociación Forestal de Galicia): “Os eixos deste plan responden á realidade e ás necesidades do sector forestal galego”

Francisco Dans del Valle, presidente da Asociación Forestal de Galicia, entidade que agrupa aos propietarios forestais privados – o 97% da superficie forestal galega é de titularidade privada- valora de forma positiva o último documento que se coñece da revisión do Plan Forestal, un proceso no que a asociación participou dende os seus inicios.

“Os eixos estratéxicos do Plan Forestal responden á realidade e ás necesidades do sector forestal galego e da cadea da madeira, pero tendo en conta que o plan hai que desenvolvelo e que implica uns compromisos de investimentos e de iniciativas para parte da administración pública a longo prazo, contando tamén cos propietarios forestais e coa industria da madeira”, subliña.

En canto ás medidas que demandaba a Asociación Forestal de Galicia para impulsar o sector, Francisco Dans destaca que se recoñece o papel do propietario forestal privado e das comunidades de montes, que están facendo unha xestión forestal sostible a través da figura do silvicultor activo.

Ademáis, establécese un horizonte de investimentos públicos que se inclúen no plan. Recóllense tamén no Plan aspectos complementarios como liñas de investigación forestal para a mellora xenética das especies, da sanidade forestal, e tamén de formación, tanto regrada, como para os propios axentes do sector. “Estes aspectos complementarios son decisivos”, subliña Francisco Dans.

Asemade, establécese un control e seguimento do cumprimento do Plan Forestal de Galicia. “Isto é algo clave, -destaca- pois detectamos que un fallo do anterior Plan é que non houbo un seguimento e avaliación sistemática nin dos investimentos nin dos indicadores temáticos e económicos para cumprilo. Neste sentido, pedimos que o Consello Forestal faga un seguimento do cumprimento dos investimentos públicos relacionados co plan”.

Igualmente, dende a Asociación Forestal de Galicia salientan que se fomentan os aproveitamentos de frondosas para produtos de alto valor, con plans específicos.

Por outra parte, Francisco Dans destaca que “o plan anuncia nos seus principios que vai acometerse unha simplificación administrativa e normativa e que onde existan restriccións á actividade do propietario forestal nos seus dereitos por motivos ambientais ou de interese público, existirían compensacións económicas. Isto está enunciado nos seus principios.

Asemade, haberá por primeira vez unha estatítica forestal, con datos actualizados do sector (superficie que ocupan as especies, cortas, emprego do sector, etc.) o que vai permitir seguir de forma continua o Plan e vai ser un apoio moi importante para poder tomar decisións.

“Todo iso no seu conxunto, e á espera de coñecer o documento definitivo, dános unha idea xeral do Plan que é próxima aos principios e ideas que planteamos dende a Asociación Forestal de Galicia”, conclúe Francisco Dans.

Alfonso Fernández Braña (SERFOGA): “Vanse destinar fondos europeos para o sector forestal galego”

A Asociación de Servizos Forestais de Galicia (SERFOGA) representa a unhas 30 empresas do sector e dende os seus comezos tamén participou activamente no proceso de revisión do Plan Forestal de Galicia.

O seu vicepresidente, Alfonso Fernández Braña, destaca que este documento estratéxico “é algo imprescindible que ten que ter o monte galego”. “Pola nosa parte estamos satisfeitos do traballo realizado, que foi moi meditado e consensuado, e do que fixo a Consellería do Medio Rural no último ano e medio, pondo de novo a andar este Plan. É de esperar que parlamentariamente haxa un consenso, que se dote presupostariamente e que se cumpra”, afirma.

Entre as demandas de SERFOGA que se viron recollidas na revisión do Plan Forestal de Galicia, Alfonso Fernández destaca que os montes veciñais en man común deixan de estar tutelados pola Xunta e pasan a ser rexidos e gobernados polos comuneiros, como unha propiedade privada máis e cun proxecto de ordenación.

Fondos europeos tamén para o sector forestal

“Pelexamos para lograr para o sector forestal máis de 300 millóns de euros de fondos europeos no último quinquenio. Esperamos que na negociación do próximo PDR de Galicia se siga o mesmo camiño e a mesma proporcionalidade, que xa se está notando no sector en Galicia, con plans de ordenación para case 200.000 ha de monte “, destaca.

Por outra banda, destaca a posta en marcha dun inventario permanente de especies de crecemento rápido. En concreto, o vicepresidente de SERFOGA salienta que “vai ser moi importante para adecuar as especies que plantamos ao que demanda o mercado, pois a realidade é que no caso do eucalipto é non está habendo un aproveitamento eficiente, e que temos un gran déficit de piñeiro de calidade para os próximos 20 anos”.

Roque Rodríguez (catedrático de silvicultura da USC): “A revisión do Plan Forestal foi un proceso moi participativo e consensuado”

Roque Rodríguez é catedrático de silvicultura da Universidade de Santiago de Compostela e un dos coordinadores do grupo de traballo creado no 2015 dentro do Consello Forestal de Galicia para a revisión do Plan Forestal de Galicia.

“Foi un proceso de debate e de traballo longo, no que estiveron representadas nun principio 26 organizacións e a partir de aí acordáronse as directrices da revisión do Plan Forestal”, destaca. No propio proceso de redación houbo varias etapas con participación de empresas consultoras e do propio Sistema Universitario galego. 

O PFG 2020-2040 supón unha aposta clara pola Xestión Forestal Sostible baixo Instrumentos de ordenación ou xestión forestal, a certificación forestal, o desenvolvemento da figura de selvicultor activo, a movilización de terras forestais, a xestión conxunta e o asociacionismo forestal.

O Plan dá cabida no monte á actividade gandeira, aos montes protectores, ás infraestructuras verdes ou a conservación de recursos xenéticos, nun marco de necesaria adaptación do monte ao cambio climático, e de mantemento da resiliencia,  saúde e vitalidade forestal. O plan desenvolve iniciativas de mellora da estatística forestal (Inventario Forestal Continuo de Galicia) e aposta pola innovación, a dixitalización e a mellora dos recursos nos ámbitos cuantitativo e cualitativo.

O catedrático considera importante contar con este documento de planificación, pero subliña que “a clave é o seu cumprimento”. En canto ás liñas estratéxicas destaca que “o monte en Galicia debe ser un mecanismo para dinamizar o medio rural, apostando pola diversificación de actividades e de especies, con distintas opcións produtivas, ademáis do eucalipto”.

No relativo aos recursos madeireiros, o PFG contempla desenvolver un programa de mellora da produtividade dos eucaliptais existentes, un programa de fomento e valorización de coníferas, un programa estratéxico do castiñeiro ou outro de xestión activa de frondosas autóctonas. 

Ao seu xuízo, a revisión do PFG, segue o exemplo de Portugal en canto ao relacionado coas plantacións de eucaliptos. “Temos planteamentos moi parecidos: Estabilizar a superficie ocupada por estas especies e ter plantacións cun bo nivel de produción e con menor risco de incendios”, destaca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *