A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Gadis comprou en 2021 alimentos a provedores galegos por valor de 390 millóns

Gadis comprou en 2021 alimentos a provedores galegos por valor de 390 millóns

GADISA retail, compañía 100% galega e líder do sector da distribución na comunidade, destinou 390 millóns de euros a compras a 1.022 produtores de orixe local en 2021. Unhas cifras que demostran o seu compromiso con xerar un impacto positivo na contorna desde as súas orixes. A estratexia de sustentabilidade económica, social e ambiental que promove a empresa contribúe a fortalecer o tecido produtivo das comunidades nas que está presente, xerar emprego de calidade e promover unha alimentación saudable entre os seus clientes potenciando as seccións de produto fresco en todos os seus puntos de venda.

O compromiso a longo prazo cos produtores locais, cos que GADISA retail forxa relacións comerciais estables e de confianza, é unha garantía para o desenvolvemento destas pemes, emprendedores e cooperativas que, maioritariamente, abastecen ás seccións de peixaría, carnicería, froitería, lácteos, panadería, e chacinería, entre outras. Esta sólida alianza permítelles incorporar os seus produtos aos máis de 450 puntos de venda das diferentes liñas de negocio da compañía e, ademais, mellorar a súa capacidade de innovación en sectores produtivos claves para a economía de Galicia: pesqueiro, lácteo, agrícola e gandeiro.

Investimento en loxística e proximidade

Esta aposta pola proximidade materialízase, tamén, en dous novos proxectos de GADISA retail. Por unha banda, a construción dunha nave no porto da Coruña para a compra e xestión de peixes e mariscos, co obxectivo de potenciar as seccións de peixaría nos seus puntos de venda en beneficio dos seus clientes. O investimento supera os 4,9 millóns de euros.

E, por outra banda, a ampliación da plataforma na súa sede central de Betanzos. Desde este centro loxístico do polígono de Piadela xestiónanse produtos de alimentación, tanto a temperatura ambiente como refrixerada. A nova construción contará cunhas instalacións eficientes e sostibles, cos últimos avances tecnolóxicos, e unha superficie de 24.400 m2 repartida en dúas plantas. Permitirá aumentar a capacidade de variedade e almacenaxe e dar máis facilidades aos provedores locais na comercialización dos seus produtos que, a diario, se envían aos puntos de venda.

Co produto local como sinal de identidade, a compañía inaugurou o primeiro almacén de frescos na súa sede en xuño de 1994: Mercaverde, a “maior horta galega”, o que supuxo un antes e un despois para os provedores de proximidade, que experimentaron desde entón un crecemento exponencial. Desde aí distribúense os miles de produtos de KM0 favorecendo o consumo de proximidade e o desenvolvemento socioeconómico.

GADISA retail dispón, ademais, dunha plataforma loxística en Medina del Campo, que dá servizo aos supermercados de Castela e León.

Sistema loxístico sostible

A filosofía da compañía de priorizar a compra a provedores de proximidade refórzase cun sistema loxístico que se caracteriza pola súa eficiencia e sustentabilidade. Manexa o control de todo o proceso, desde a orixe ata a entrega diaria aos establecementos por unha frota de camións propios. Isto permite, ademais de rapidez, manter a calidade e optimizar os roteiros de carga e transporte, o que propicia unha redución continua das emisións de CO2 á atmosfera.

Atención personalizada no mostrador: creación de emprego de calidade

A atención personalizada no mostrador dos Supermercados Gadis é un valor diferencial que ten unha importante vertente socioeconómica: a creación e mantemento de emprego de calidade mediante a contratación de profesionais especializados para as seccións de produto fresco.

Esta atención personalizada xera, ademais, un menor impacto ambiental ao minimizar os envoltorios e recipientes de plástico, xa que os profesionais entregan os produtos aos clientes optimizando o uso de envases. A venda a granel evita, ademais, o desperdicio alimentario.

Estimular o consumo e incentivar a compra de produtos frescos de tempada entre os clientes contribúe, ademais, ao seguimento dunha dieta saudable e equilibrada, un dos eixos do programa de Responsabilidade Social Corporativa da compañía.

Sobre GADISA retail

GADISA retail é unha empresa 100% galega, líder do sector da distribución en Galicia. Comprometida coa súa contorna económica, social e medioambientalmente, conta con máis de 450 puntos de venda das súas diferentes liñas de negocio en Galicia, Castela e León, Madrid e Asturias: 225 Supermercados Gadis, 12 Cash Ifa e 226 establecementos franquiados (125 Claudio e 101 Claudio Express).

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *