Alumnado e profesorado do IES Monte Neme, de Carballo, así como centro de promoción rural EFA Fonteboa, de Coristanco, xunto a estudantes do Centro de Experimentación Agroforestal de Becerreá (Lugo), participaron este mércores nunha xornada formativa no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) sobre como a Política Agraria Común (PAC) contribúe á modernización do campo en xeral, e do sector agrogandeiro en particular.
En concreto, un grupo duns 40 profesores e estudantes desprazáronse a este centro de investigación agraria, referente en Galicia, e dependente da Consellería do Medio Rural, para participar nun seminario organizado polo proxecto KICAP, unha iniciativa transfronteiriza de Galicia e Norte de Portugal na que participan 14 escolas, promovida pola Fundación Juana de Vega, e cofinanciada polo Fondo para medidas de información no ámbito da Política Agraria Común (IMCAP) da Unión Europea.
A xornada comezou cunha benvida a cargo do director do CIAM e de representantes da Fundación Juana de Vega. A continuación, Manuel López Luaces, en representación da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), realizou unha presentación da Política Agraria Común (PAC) e da importancia os AKIS, os axentes que interveñen na transmisión de coñecemento e na innovación no campo. Seguidamente, os alumnos tiveron a oportunidade de participar nunha biblioteca vivente, un novo formato no que os estudantes dialogaron con investigadores agrarios e produtores. En concreto, participaron Teresa Moreno e César Resch, investigadores do CIAM; Elena Piñeiro, presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia, e Ana Corredoira, gandeira de vacún de leite en ecolóxico.
A xornada finalizaró cunha visita guida ás instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.