A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Estas son as melloras e innovacións na campaña 2022 de prevención e defensa contra os lumes forestais en Galicia

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2022 mantén o esforzo humano e material fronte ao lume e incorpora melloras organizativas e tecnolóxicas no dispositivo. Son estas....

Estas son as melloras e innovacións na campaña 2022 de prevención e defensa contra os lumes forestais en Galicia

Helicóptero do equipo da Xunta para a loita contra os lumes. Foto: Arquivo

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) ten como principal obxectivo neste 2022 o de reducir ao máximo posible -tendo en consideración os recursos dispoñibles- as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais. Nesta liña, o documento incorpora catro ámbitos diferentes de planificación: prevención; detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; extinción e formación.

O Pladiga 2022 presenta unha serie de novidades con respecto ao ano pasado, entre as que destacan as melloras organizativas do dispositivo, a ampliación da rede de vixilancia fixa, avances tecnolóxicos e novas funcionalidades na loita contra o lume, o impulso á Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) ou a actualización das parroquias de alta actividade incendiaria.

Melloras organizativas

En relación co primeiro aspecto, vinculado coa mellora da organización, créase o Sistema estrutural de mando operativo, co fin de mellorar a seguridade e a eficacia das operacións en incendios de complexidade avanzada. O que se fai con este sistema é liberar de tarefas secundarias ao director técnico de extinción de cada lume, reforzando o seu papel na coordinación do dispositivo.

Ademais, establécese a sectorización, en caso necesario, dos incendios, para xestionar con maior eficacia os medios despregados e os labores de extinción.

Seis cámaras máis de vixilancia ata acadar as 148

Realízase un seguemento en tempo real dos lumes e dos medios de extinción

Realízase un seguemento en tempo real dos lumes e dos medios de extinción

Outra novidade do Pladiga 2022 ten que ver coa vixilancia fixa. Así, dentro desta rede increméntanse en seis as cámaras dispoñibles, en tres novas localizacións, co que se acada a cifra de 148 unidades en 74 localizacións.

Estas cámaras contan cunha tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal, con zoom remoto, movemento horizontal e vertical, rotación nos 360º automática e baixo demanda, visión panorámica e altas capacidades de gravación.

No eido tecnolóxico, introdúcense novas funcionalidades canto á reconstrución do lume, aproveitando as máis de 4.000 emisoras coas que conta o Servizo. Ademais, pódense xerar perímetros automáticos relativos á superficie afectada, o que permitirá predicir o potencial do lume e tomar decisións á hora de focalizar os medios nos puntos e momentos clave.

Nova aplicación formativa con recursos multimedia para o persoal do dispositivo de incendios

Neste ámbito salienta tamén a creación dunha nova aplicación de formación, que prové un repositorio multimedia unificado cos cursos impartidos ao persoal do dispositivo de incendios, material didáctico de consulta asociado, circulares e comunicacións de interese.

Ofrece acceso por categorías e perfís profesionais, co fin de garantir unha accesibilidade personalizada en función das necesidades de cada posto de traballo. Outra mellora introducida no Pladiga 2022 ten que ver coa modernización dos centros de coordinación, tanto do central, situado en Santiago, como do provincial de Ourense.

Con respecto á investigación dos lumes, neste documento faise por primeira vez balance da actuación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que dende a súa creación -o pasado ano- realizou xa un total de 242 dilixencias de diverso tipo, entre elas varias relacionadas coa posta a disposición xudicial de presuntos incendiarios.

Parroquias de alta actividade incendiaria

En relación coas parroquias de alta actividade incendiaria, o Pladiga 2022 identifica un total de 35, cifra idéntica á do ano pasado, pero co matiz de que 31 delas repiten respecto á anterior campaña. Así, catro destas parroquias saen da listaxe. Trátase das de Ribasieira, (Porto do Son), Covas (San Cristovo de Cea), Soutipedre (Manzaneda) e A Ponte (A Veiga). Outras catro parroquias entran na listaxe. Son as de Meiraos (Folgoso do Courel), A Gudiña (A Gudiña), O Pereiro (A Mezquita) e Calvos (Calvos de Randín).

En canto aos medios humanos e materiais mobilizados, estes mantéñense, en liñas xerais, en valores semellantes aos das últimas campañas. Así, o operativo está integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Cabe destacar, en relación co parque de maquinaria, a renovación de 13 motobombas do servizo, que integra un despregamento conxunto de preto de 380 destes vehículos. Ademais, mobiliza ata 30 medios aéreos, achegados tanto pola Xunta como por outras actuacións, unha cantidade semellante á da anterior tempada de alto risco.

Investimento de case 19 millóns de euros en vehículos e diverso material

Neste punto, cabe engadir que a Xunta investirá entre este ano e o vindeiro case 19 millóns de euros en vehículos e diverso material para o Servizo de prevención de incendios forestais de Galicia. Trátase tanto de motobombas e todo terreos como de equipos de protección individual, motoserras, rozadoiras e outros equipos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade.

Así, no que vai de ano, entregáronse seis motobombas, 137 vehículos pick-up para outras tantas brigadas, 15 vehículos todo terreo para os axentes, as 11 prendas que constitúen a uniformidade dos 387 axentes da Consellería do Medio Rural e preto de dúas mil unidades, contabilizando motoserras, rozadoiras, equipos de protección individual de corte, cascos, luvas e botas e pantalóns anticorte.

Ademais, no segundo semestre deste ano está previsto entregar outros 113 vehículos todo terreo e diferente roupa para técnicos, así como traxes de auga e botas de auga para o persoal (5.000 unidades en total).

Encontros en parroquias de alta sensibilidade incendiaria

cartaz encontro parroquia actividade alta incendiariaNo apartado da formación, hai que salientar como novidade a programación dunha serie de encontros en parroquias de alta actividade incendiaria. Iniciados durante o mes de xuño, teñen como fin concienciar e sensibilizar a poboación destas parroquias sobre os danos que ocasionan os incendios e os riscos que representan para as persoas e para os bens, tanto forestais como non forestais, e como deben actuar ante un lume.

Polo demais, segue vixente o plan de formación aprobado no 2021 para o período 2021-2024. Consonte a esta planificación, neste ano estanse a impartir un total de 29 cursos, especialmente dirixidos ao persoal do servizo, pero tamén á poboación en xeral.

Con respecto ao Plan preventivo, a Xunta destina este ano un total de 33,1 millóns de euros a esta planificación, o que supón incrementar a súa dotación preto dun 13% respecto do exercicio anterior. En total, con eses fondos está previsto actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías. Deste xeito increméntanse lixeiramente as previsións canto á superficie de intervención, ao tempo que medra preto dun 16% a cifra de quilómetros. Ademais, neste plan tamén se establece como horizonte a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes. Isto suporá actuar nun total de 4.861 puntos.

Case 200 concellos galegos xa contan cun plan antiincendios aprobado e elaborado pola Xunta

Por outra parte, a Consellería do Medio Rural elaborou e entregou un total de 259 plans municipais antiincendios aos seus respectivos concellos, dos cales 186 xa están aprobados de forma definitiva. Así, en tres anos pasouse de non haber case ningún plan en Galicia a que o teñan hoxe en día -aprobado ou en tramitación- preto do 75% dos municipios galegos.

Cómpre sinalar que a elaboración dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais -que esixe a Lei 3/2007 do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia- son competencia dos concellos. Porén, diante da dificultade técnica que tiñan os municipios á hora de elaborar ditos plans, a Xunta asumiu este traballo ao abeiro do convenio de protección das aldeas, subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga no ano 2018 e no que están adheridos un total de 273 concellos galegos.

Nesta liña, cabe indicar que a Consellería remite un primeiro borrador do plan ao concello pertinente para que sexa analizado polo propio Goberno local. Unha vez dado o visto bo, remíteselle o documento final para a súa aprobación no pleno municipal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *