A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Crean unha nova fundación para promover o coñecemento e a investigación no ámbito agroalimentario

O exalcalde de Lugo Tomás Notario e Caixa Rural Galega alíanse para promover bolsas, con especial atención a estudos superiores, que persigan a excelencia e a especialización

Crean unha nova fundación para promover o coñecemento e a investigación no ámbito agroalimentario

Padroado da Fundación, de esquerda a dereita con Salvador Manuel Diz (vogal), Manuel Varela (vicepresidente), Tomás Notario (presidente), Alberto Cepeda (vogal) e Antonio Riveira (secretario).

O que fora alcalde de Lugo entre os anos 1976 e 1977 e entre 1991 e 1995, Tomás Notario Vacas, e o presidente de  Caixa Rural Galega, Manuel Varela, presentaron este luns 11 de outubro a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario. A Fundación nace cunha dotación inicial de 200.000€, achegando cada unha das partes a metade desta cantidade. A creación da Fundación é algo que levaba tempo entre as intencións de Caixa Rural Galega e viu a luz tras as conversas con Tomás Notario, froito da coincidencia de intereses en canto aos fins perseguidos.

A súa finalidade será a de promover a investigación e a educación, de forma prioritaria no sector agroalimentario e forestal, con especial atención aos estudos superiores en aras de perseguir a excelencia e especialización en ámbitos que poidan reverter no progreso e a mellora de actividades produtivas nos sectores citados.

Entre as súas prioridades iniciais está a convocatoria de bolsas para a realización de estudos superiores, masters, mesmo no estranxeiro, coa finalidade de formar a profesionais nos centros máis vangardistas, co obxecto de que poidan achegar os seus coñecementos a sectores produtivos de Galicia.

Aínda que os programas e convocatorias están aínda por definir, tamén se poderán destinar recursos para proxectos de investigación, edición de publicacións divulgativas, congresos científicos ou convencións.

Este proxecto nace da confluencia de intereses e inquietudes de Tomás Notario e Caixa Rural Galega, que levan tempo traballando para a creación desta Fundación. Ambos os promotores pretenden con iso achegar valor e coñecemento para fomentar o progreso e a mellora de procesos produtivos que en definitiva revertan nunha mellora da actividade económica local.

Sobre Tomás Notario
Tomás Notario, arxentino de nacemento pola emigración dos seus proxenitores, orixinarios de Salamanca, e lucense de adopción, é enxeñeiro de camiños canles e portos. Chegou a Lugo xunto á súa esposa en 1960 da man do entón Ministerio de Obras Públicas coa encomenda de mellorar a rede viaria da provincia e os accesos a Galicia. O que fose alcalde de Lugo en dúas ocasións, ademais de Procurador en Cortes, pretende deixar un legado que reverta en Lugo e Galicia enteira.

A traxectoria do exalcalde lucense foi publicamente recoñecida no ano 2009 cando o Consello de Ministros lle outorgou a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo que recibiu do entón ministro de Fomento, José Blanco, xunto a Antón Louro, que era delegado do Goberno en Galicia e o alcalde naquel momento, José López Orozco.

Sobre Caixa Rural Galega
A entidade lucense nace en 1966 co nome de Sociedade de Crédito Agrario Provincial de Lugo co obxecto de prestar servizos no ámbito rural e contribuír ao proceso de modernización do campo na provincia de Lugo. No 1991 o seu ámbito de actuación pasa de ser provincial a autonómico e modifica o seu nome para ser Caixa Rural de Lugo. A primeira oficina aberta fóra da provincia lucense será a de Melide no ano 1997. No 2001 modifica novamente o seu nome para quedar o actual Caixa Rural Galega.

Na actualidade, a Entidade presidida por Manuel Varela e conta con 47 oficinas distribuídas pola xeografía galega e conta cuns activos totais de 1.500 millóns de euros, dos cales 700 millóns corresponden con crédito á clientela. O volume de depósitos de clientes sitúase en 1.300 millóns de euros e o resultado neto ascende a 5,75 millóns de euros, todo elo segundo as últimas contas anuais aprobadas.

Conta con 160 empregados e unha base social cooperativa de máis de 21.000 socios na actualidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *