Dispoñer de datos precisos da explotación, tanto do establo como dos animais, axuda ao gandeiro a tomar decisións acertadas. Por iso, a monitorización da granxa supón un avance importante que permiten as novas tecnoloxías e que redunda na mellora da eficiencia e do rendemento económico das ganderías.
A empresa galega Innogando ofrece este tipo de solucións tecnolóxicas tanto ás ganderías de leite como ás de carne a través dos seus colares de actividade Rumi, dos dispositivos de detección de partos e de toda unha serie de sensores pensados para o control en tempo real das distintas instalacións da granxa, cos que é posible medir tanto a humidade e temperatura do establo, como a temperatura do tanque de leite, o nivel do silo do penso, estado da fosa do purín, consumos de auga, etc.
Coa sensorización temos datos para en base a eles tomar decisións
Ademais, durante este mes de setembro ábrese unha posibilidade inmellorable de facerse con todas estas melloras tecnolóxicas practicamente sen custo, xa que o Goberno de España está a implementar o chamado Kit Dixital para a dixitalización das pequenas e medianas empresas, cunha serie de axudas para as explotacións agrogandeiras.
Axudas que cubren o 100% do investimento
O vindeiro 3 de setembro ábrese o prazo para solicitar estas subvencións, que cubren o 100% do investimento realizado, cun máximo de 5.000 euros para ganderías de entre 3 e 9 traballadores (contando os socios e os empregados) e de 2.000 euros no caso de explotacións con 1 ou 2 socios ou traballadores.
Desde Innogando encárganse de todo, axudando aos gandeiros coa tramitación da subvención
Deste xeito, as axudas permiten adquirir os distintos dispositivos totalmente de balde, tendo que pagar soamente o importe do IVE. Desde Innogando axudan aos gandeiros encargándose de toda a tramitación da subvención, de maneira que as explotacións non teñen que realizar ningún tipo de trámite.
Un cento de ganderías galegas contan xa cos colares intelixentes Rumi
Xa son máis dun cento as ganderías de Galicia que aproveitaron as últimas convocatorias de axudas para facerse cos dispositivos intelixentes Rumi, tendo deste xeito o seu gando controlado en todo momento.
Rumi partos
Rumi é unha ferramenta ideada para calquera tipo de gandería, ben sexa intensiva, extensiva, ou calquera dos sistemas intermedios. Grazas ao seu deseño adaptado ás circunstancias galegas (a súa batería recargase constantemente a través do panel solar que leva incorporado e non precisa de cobertura de teléfono móbil para funcionar), a versatilidade do dispositivo é máxima.
Os dispositivos adáptanse a calquera tipo de gandería, ben sexa intensiva ou en extensivo, e mesmo a comunidades de montes con cabalos pacendo en liberdade
O control integral do gando permite ao gandeiro detectar mellor os celos e os posibles problemas de saúde, obtendo alertas para anticiparse a eles. Un dos momentos máis delicados é o do parto, por iso desde Innogando desenvolveron unha ferramenta específica que avisa ao gandeiro ao seu teléfono móbil do momento exacto no que se vai producir.
“Grazas a este dispositivo que se coloca no rabo da vaca, os partos están máis controlados sen necesidade de estar tan pendente da vaca, co que o gandeiro gaña en calidade de vida e en tranquilidade mentres o animal pode desenvolver o seu comportamento natural”, explica Elio López, veterinario e socio fundador de Innogando.
Para máis información, pódese contactar con Innogando:
- Teléfono: 644 586 245
- Whatsapp: 644 586 245
- E-mail: hola@innogando.com
Control total do establo: desde a temperatura do tanque de leite ao nivel da tolva de penso
Ademais dos colares de actividade Rumi, o equipo de veterinarios, enxeñeiros e informáticos de Innogando desenvolveron todo un completo sistema de sensores que permiten a monitorización integral da explotación, incluídas as distintas naves, depósitos e elementos fundamentais da granxa, como poden ser o tanque de leite, o pozo do xurro ou a tolva do penso. Trátase de cuestións prácticas que melloran o funcionamento da explotación e que inciden na súa eficiencia e rendibilidade.
Outra das vantaxes dos equipos desenvolvidos por Innogando é que están deseñados e fabricados en Galicia e o equipo técnico que os instala atópase tamén en Galicia, o que mellora notablemente a cercanía e a calidade do servizo técnico prestado ás ganderías.
Sensor de variables ambientais
Con este dispositivo é posible ter unha medición das condicións de humidade e temperatura dentro do establo, así como os valores do índice THI, que se correlaciona co estrés por calor do gando.
“Os beneficios do sistema son evidentes, xa que isto repercutirá de maneira positiva na produción dos animais, posto que con este sensor poderemos decidir cando actuar contra o estrés térmico en base a datos reais do establo”, indica Elio.
É fundamental medir o estrés por calor no gando para poder actuar contra él
A ferramenta permite avaliar os sistemas existentes de mitigación do estrés por calor dos que dispón a granxa, xa que “podemos ter equipos de ventilación instalados e seguir tendo estrés térmico”, evidencia Elio, coa conseguinte penalización nos ingresos da explotación.
Sensor de temperatura de tanque
Para unha granxa de produción de leite é fundamental asegurar que o seu produto conserve toda a súa calidade ata que se carga na cisterna para partir cara a fábrica. Para isto, aparte dunha boa alimentación, sanidade do gando e rutina de muxido, o leite debe ser tratado de forma axeitada ata o momento da recollida, sendo fundamental mantelo no tanque por debaixo de 6º C (límite legal por enriba do cal a industria non está obrigada a recoller o leite).
“Cando o leite sobe desa temperatura, é susceptible de experimentar crecemento bacteriano, o que empeora os recontos de células somáticas e reduce os niveis de graxa e proteína no leite”, detalla Elio.
Os desaxustes nos equipos de frío incrementan o nivel de células somáticas e provocan unha redución da graxa e a proteína do leite
Este sensor permite ter o leite monitorizado no tanque as 24 horas do día e recibir alertas no móbil cando exista calquera desaxuste na temperatura, ben por equipos de frío en mal estado ou mal calibrados, ben por caídas de tensión ou calquera outra anomalía que afecte ao bo funcionamento do tanque.
Sensor de nivel do penso
Outra variable que entra en xogo a diario nas explotacións de vacún son os concentrados. A día de hoxe ben é sabido por todos a alza de prezo que están a experimentar, polo tanto non é unha cuestión baladí a súa racionalización e o uso eficiente dos mesmos.
“Para isto ofrecemos unha ferramenta que permite coñecer en todo momento en que nivel de enchido se atopan os silos onde se almacena o penso, o que facilitará a loxística e o aprovisionamento da granxa”, explican en Innogando.
Desde un punto de vista práctico, este dispositivo axuda a planificar os pedidos con tempo suficiente e non andar nunca escasos
Non é algo intrascendente mesmo para o aforro de custos, xa que algunhas empresas comercializadoras de penso xa están realizando descontos en tonelada por esta planificación previa e, tal e como está a situación dos prezos dos concentrados, estes descontos, por pequenos que sexan, sempre axudan.
Sensor do fluxo de auga
Con esta ferramenta tamén se poderán medir outro tipo de elementos, non só penso, tales como nivel de auga dos depósitos, pozo de purín, etc. “É algo tamén a ter moi en conta, debido a que a lexislación pronto vai esixir a medición dun produto tan polémico e a vez necesario coma o xurro”, explica Elio.
Outro dos elementos fundamentais para o óptimo funcionamento dunha granxa, debido ao elevado consumo por parte das razas bovina, é a auga. “Ter controlado o consumo de auga é algo interesante, e máis se cabe no marco do cambio climático, debido tamén ás regulacións impostas pola Administración, que pedirán saber se usamos este recurso de maneira sostible ou non”, avanza o equipo galego de Innogando.