A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

O convenio de protección das aldeas fronte aos lumes acada preto do 70% das parcelas e superficie xestionada

A Xunta rematou de revisar preto de 180.000 parcelas en aldeas priorizadas de alto risco de incendios e xa remitiu unhas 8.000 notificacións instando á limpeza, sendo uns 65.000 os titulares a notificar, moitos deles ilocalizables, polo que serán avisados polo DOG e o BOE

O convenio de protección das aldeas fronte aos lumes acada preto do 70% das parcelas e superficie xestionada

Manter as fincas limpas de maleza arredor das casas resulta clave na loita contra os lumes forestais

Dende a entrada en vigor en 2018 do convenio de protección das aldeas asinado entre a Consellería do Medio Rural, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga, a porcentaxe tanto de parcelas como de superficie xestionada nas franxas secundarias -as máis próximas ás vivendas- das parroquias priorizadas como de maior risco de incendios pasou de representar a metade do total en 2019 a situarse preto do 70% neste ano 2021.

Dende a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia valórase o bo funcionamento do convenio, que é resultado, entre outras cousas, dos traballos da comisión parlamentaria creada tras os incendios de 2017, polo que se dá así cumprimento a un mandato da Cámara galega.

Precisamente ao abeiro deste acordo, a Xunta vén de finalizar os traballos de comprobación de preto de 180.000 parcelas de parroquias priorizadas, onde os titulares poden executar a limpeza pola súa conta ou contratala directamente a Seaga por un prezo vantaxoso de 350 euros por hectárea limpa. Nesa inspección, a Xunta constatou o incremento no grao de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa para a prevención de incendios forestais, acadándose as tres de cada catro parcelas xestionadas.

Mentres, a uns 65.000 titulares a Consellería do Medio Rural enviaralles unha notificación para que procedan á limpeza advertíndolles que, de non facela, cada concello procederá subsidiariamente e logo lles trasladará o custo correspondente. A día de hoxe, xa están advertidos uns 8.000 propietarios e persoas xurídicas dos 81 concellos priorizados mentres uns 31.500 son ilocalizables, polo que se publicarán as notificacións no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Tras a revisión das parroquias priorizadas, a Consellería do Medio Rural procederá este ano á revisión das parroquias non priorizadas deses 81 concellos priorizados. Así, contratáronse un total de 30 capataces que se están a encargar da supervisión do estado de xestión da biomasa, sumados a outras 15 persoas que xa viñan traballando no territorio das parroquias priorizadas. Nesta revisión estanse a priorizar os concellos de Porto do Son, Guitiriz, Cualedro, Oímbra, A Gudiña, Verín, Sandiás, Boborás, Arbo e Mondariz.

Operario realizando traballos de desbroce

Operario realizando traballos de desbroce

O convenio

Ademais das accións nas faixas secundarias, o acordo contempla a xestión da biomasa en vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano, con cargo ao convenio, así como 10 ha de execución subsidiaria, tamén por concello e ano.

A maiores, está incluída a posta en marcha de iniciativas estratéxicas, é dicir, de proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que se consideren de especial transcendencia, así como de aldeas modelo para recuperar parcelas arredor de núcleos de poboación. Nesa dirección, hai xa 44 figuras deste tipo en diferentes etapas ou fases de execución e 14 declaradas en toda Galicia.

Outra actuación vén dada polo reforzo a actuacións preventivas mecanizadas nos concellos adheridos, que permitirá acadar unha superficie de actuación en áreas cortalume próxima ás 1.500 ha. Tamén se traballa no marco das iniciativas veciñais para o cumprimento das medidas preventivas nas faixas secundarias, como a que supuxo a entrega á Asociación medioambiental “Axuge” de Lobios de media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios como serradoiros e tesoiras cortarramas.

Asistencia técnica

No que atinxe á asistencia técnica aos concellos, a Xunta segue apoiando aos consistorios para a tramitación dos seus plans de prevención e defensa contra incendios, chegando xa aos 232 plans enviados a outros tantos municipios. Deles, 130 xa están aprobados e 41 contan con informe favorable da Consellería e están pendentes da aprobación no Pleno dos concellos.

Canto ás ferramentas tecnolóxicas a disposición dos 270 concellos adheridos, o convenio contempla un visor de traballo que permite determinar e visualizar as parcelas afectadas por faixas secundarias e a aplicación Xesbío, para a xestión dos numerosos rexistros que xera o convenio.

 

Una idea sobre “O convenio de protección das aldeas fronte aos lumes acada preto do 70% das parcelas e superficie xestionada

  1. salvador rodriguez

    Xa fai dous anos que notifiquei por escrito O Concello as Parcelas que estan cerca da miña Residencia e que afecta a mais Veciños e ata o dia de hoxe O Concello non tomou ningua medida pra solventar o problema de por si hai un inmenente incendio non temos mais que fuxir das nosa Vivendas. Concello de Ponteareas.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *