Dende o 9 de setembro ata o 9 de outubro, Caixa Rural Galega volve a involucrarse nunha iniciativa solidaria que persegue conseguir microdoazóns que se transformarán en quilos de comida para a Federación Española de Bancos de Alimentos. O Grupo Caja Rural confía en superar as 125 toneladas doadas no pasado exercicio.
Este ano, como novidade, poderase colaborar coa Iniciativa Solidaria por tres vías diferentes:
• Mediante transferencia bancaria á Fila Cero, ao igual que o ano pasado, ao número de conta 0198 0601 62 2024226124.
• En efectivo, nos novos petos situados nas oficinas do Grupo Caixa Rural.
• Con tarxeta bancaria, na nova páxina web www.compromisoRGA.es
Co obxecto de dar visibilidade á acción e tratar de conseguir o maior número de doazóns posibles, todos os empregados de Caixa Rural Galega e todo o grupo Caixa Rural coas súas máis de 3.000 oficinas e máis de 12.000 empregados acudiron ao seu posto de traballo vestidos coa camiseta verde do equipo ciclista Caja Rural Seguros RGA na xornada inicial do 9 de setembro.
Solidariedade co sector lácteo
Os empregados de Lugo aproveitaron a ocasión para, unha vez finalizada a súa xornada, achegarse a facer unha foto ao lado da muralla e dos tractores mobilizados, estendendo a súa acción solidaria cun xesto de apoio aos gandeiros que levan a cabo dende hai días unhas xornadas de protestas, mobilizacións e recollida de firmas na súa loita para mellorar a situación do sector lácteo.
Pedaladas solidarias na Volta Ciclista
Ao igual que o ano pasado, Seguros RGA, aseguradora oficial da Volta Ciclista a España, e as Caixas Rurais aproveitaron as xornadas da Volta Ciclista a España para transformar quilómetros pedaleados en alimentos. Na Fan Zone de Seguros RGA que acompañou á Volta, o equipo puxo tres bicicletas, nas que os visitantes, ademais de ter unha experiencia cunha bicicleta dun equipo profesional, gastan os seus esforzos en quilómetros pedaleados que logo as Caixas Rurais transforman en quilos de alimentos que igualmente se destinarán á Federación Española de Bancos de Alimentos.
Equipo ciclista solidario
Á súa vez, o equipo ciclista Caja Rural-Seguros RGA, participante na Volta Ciclista, aproveitou unha xornada de descanso na competición para presentar, xunto aos seus patrocinadores principais, a súa ‘Iniciativa Solidaria’, e anunciou que o equipo Caja Rural-Seguros RGA doará 2.673 quilos de alimentos, coincidindo co total de quilómetros que os corredores percorreron dende o comezo da Volta ata ese día.