Leite

Xurros: 5 medidas que reducen as emisións de amoníaco de forma máis eficaz e barata que os inxectores

¿É o enterrado de xurro mediante tubos colgantes a única alternativa que ten o gandeiro para reducir as emisións de amoníaco? Juan Castro, investigador do CIAM, explica outras prácticas agrarias, incluso máis efectivas, para a aplicación do xurro nas condicións edafoclimáticas da España Atlántica

Loading ad.
Ad could not be loaded.
D.G. 16/01/2019 1:17 p.m.

A Comisión Europea quere reducir as emisións de amoníaco á atmósfera, un gas contaminante que, entre outras fontes, procede tamén dos xurros gandeiros. Neste sentido, a previsión é que a medio prazo a gran maioría das aplicacións se fagan con sistemas de inxección no solo ou tubos colgantes, evitando o reparto dos xurros por medio de sistemas de canón, abano ou prato, os máis empregados en España.

Sen embargo, nin o vacún de leite é o sector gandeiro que máis amoníaco emite, nin a aplicación mediante sistemas de inxección acoplados á cuba é o método máis efectivo para reducir as emisións de amoníaco. Tampouco a Comisión Europea obriga a que os Estados membros penalicen aos gandeiros nas axudas da PAC para reducir as emisións de amoniaco.

Así o defendeu Juan Castro Insua, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (AGACAL-CIAM) durante a súa ponencia nas últimas xornadas de SERAGRO, nas que falou sobre as “Boas prácticas agrarias para aplicación do xurro nas condicións edafoclimáticas da España Atlántica”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Neste sentido, e despois de que a Consellería de Medio Rural confirmara que vai manter en 2019 as excepcións ao decreto do Ministerio de Agricultura que penaliza a aplicación con sistemas de abano ou prato, Juan Castro advertiu de que “antes de nada é preciso saber cales son os sectores que máis amoniaco emiten á atmosfera en España, o estado da UE que máis incumpre o protocolo de Gotemburgo”.

Así, explicou que, “se ben é certo que o 96% das emisións de amoníaco -un gas que potencia a acidificación dos ecosistemas- procede das actividades agrogandeiras, se se desglosan os datos só o 8% das emisións corresponden a vacún de leite e o 7% a vacún de carne, mentres que os principais sectores contaminantes son o porcino, co 23% das emisións, e os fertilizantes químicos nitroxenados, cun 22% das emisións”. “Curiosamente -critica- a estes sectores non lles afecta a penalización nas axudas da PAC que decretou o Goberno central”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Medicións de emisións de amoníaco por teledetección

Outra forma de medir as emisións de amoníaco é por teledetección , mediante o interferómetro de sondaxe (IASI), que proporciona información valiosa para complementar as avaliacións tradicionais.

Van Damme et al. 2018; identifican os puntos críticos de emisión de amoníaco utilizando un mapa de alta resolución do amoníaco atmosférico obtido de observacións desde satélite diarias mediante o IASI, identificando 248 puntos críticos en todo o planeta, entre os que se atopan as zonas de cría intensiva de animais (macrogranxas) Eckley-Yuma (Colorado, EE.UU); Bakersfield e Tulare (California, EE.UU.) e Torreón (México).

En España os puntos críticos identificados que aparecen no ránking mundial son fundamentalmente orixinadas polo gando porcino: Vic-Manlleu (Barcelona); Cánovas, Lorca.-Porto Lumbreas (Murcia); pero tamén vacún de carne: Mensalbes (Toledo) e vacún de leite Viso-Pozoblanco (Córdoba). Nunha escala xeográfica maior, destaca o Val do Ebro (Aragón e Cataluña).

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Emisións de Amoníaco en España (Van Damme et al. 2018):

Prácticas que reducen as emisións de amoníaco e que son máis eficientes que os inxectores:

O investigador do CIAM explicou que “existen unha serie de prácticas agrarias coñecidas e de fácil aplicación que permiten un maior aproveitamento do valor fertilizante do xurro ou do esterco, reducindo notablemente as perdas de nitróxeno por evaporación en forma de amoníaco, e que mesmo son máis eficientes, máis facilmente aplicables e menos custosas que a inxección do xurro”.

1) Alimentación:

-Axuste do contido proteico na ración:
O exceso de proteína na ración elimínase na ouriña en forma de urea, aumentando as emisións de amoníaco e as perdas económicas para o gandeiro. O contido de Urea en leite é un magnífico indicador do equilibrio ou non da ración.

2) Manexo do gando:

-Incremento do tempo en pastoreo: No pasto os ouriños do gando infíltranse rapidamente na terra, evitando o contacto co aire e as perdas de amoníaco. Ademais, non se sole mesturar a ouriña ca bosta, que é onde se atopa a enzima ureasa, responsable de catalizar a hidrólise de urea a dióxido de carbono e amoníaco.

3) Fosa de xurro: Favorecer a formación de costra e mellorar a capacidade de almacenamento

-Deixar formar costra na fosa: A costra evita o contacto do xurro ca atmosfera, diminuíndo así as perdas de amoníaco. O material das camas como o serrín, a palla, casca pino, etc son os mais recomendables para que se forme costra na fosa.

-Xurro diluído: É recomendable sobre todo para botar por enriba das pradeiras e prados para que infiltre mellor e non faga costra. Aconséllase que teña unha relación 1:1 xurro/auga, o que equivale a unha porcentaxe de materia seca do 6% aproximadamente.

-Plantar árbores e sebes preto da fosa de xurro: Reduce a velocidade do vento, e polo tanto a evaporación do amoníaco. Tamén reducirá os malos cheiros.

4) Aplicación do xurro ao solo: Enterrado inmediato e aplicación cando orballa

-Enterrado do xurro mediante arado ou grade de discos antes de 24 horas: É o sistema máis barato para reducir as emisións de amoníaco, cun custo para o gandeiro de 0,6 euros/Kg de NH3, fronte aos 4,5 e 2,5 euros por kilo de amoníaco que custa a inxección ou o sistema de mangueiras arrastradas, respectivamente.

-Plantar árbores e sebes nas lindes das parcelas: Reduce a velocidade do vento e polo tanto a evaporación do NH3, así como os malos cheiros.

-Idoneidade do momento de aplicación do xurro:

.Procurar botar o xurro a tardiña, xa que pola noite baixan as temperaturas, hai menos evaporación e radiación solar e aumenta a humidade relativa e tamén soe haber menos vento.

.Intentar botar o xurro cando orballa, pois a choiva fai que penetre o xurro no solo.

5) Axuste da dose de abonado nitroxenado en función do xurro aplicado

-Realizar analíticas do solo antes de abonar para optimizar os fertilizantes.

-Utilizar a aplicación gratuíta do CIAM RAX para axustar o fertilizante químico a utilizar en función do xurro ou esterco do que dispoñamos.

“Con estas 5 prácticas poden reducirse as emisións de amoníaco en vacún de leite ata nun 58% e sen necesidade de inxectores”

Juan Castro Ínsua destacou que “cos estudos que realizamos no CIAM se o gandeiro traballa nestas 5 prácticas poden reducirse as emisións de amoníaco en vacún de leite ata nun 58% e sen necesidade de mercar inxectores”.

A Nova PAC e as emisións de amoníaco

“Será moi importante estar atentos aos debates da discusión de como se vai implementar a nova PAC 2021-2027, xa que deixa moita máis marxe aos Estados e ás rexións para adoptar as medidas que consideren máis oportunas para acadar os obxectivos”, destaca o investigador do CIAM.

Neste sentido, considera que “debería terse en conta as posibilidades de regulación en función do tamaño das explotacións, territorio, e especie gandeira, riscos para a saúde e o medio ambiente, etc”.

Tamaño das explotacións

As granxas máis grandes, pola súa economía de escala, serían menos afectadas e en cambio, as máis pequenas, as familiares, terían máis dificultades para abordar os maiores gastos. “Polo tanto, calquera opción dirixida á redución das emisións procedentes do esparexemento do xurro debería excluír as explotacións máis pequenas”, defende Juan Castro.

Asemade, lembra que os gastos burocráticos e de control para a administración das normas son máis viables “se se implementa para as explotacións máis grandes, que son as que aportan a maioría das emisións”.

Ámbito Territorial

Nas zonas contaminadas por exceso de nitratos, como son as zonas declaradas vulnerables, coinciden cas zonas de gandería e agricultura intensiva e non ca gandería de vacún. “De feito, na Cornixa Cantábrica e en Galicia non existen zonas vulnerables por contaminación por nitratos”, subliña.

Riscos para a saúde

A este respecto, o investigador propón que “o esparexido de xurros e esterco de granxas intensivas ten máis risco para a saúde debido ao maior uso de antibióticos neste tipo de granxas. polo que debería ser prioritario inxectar o xurro para evitar a dispersións de bacterias resistentes aos antibióticos”.

Conclusións:

-O vacún de leite non ten un peso relevante nas emisións de amoníaco no conxunto do Estado español, a diferencia da maioría de países europeos, onde a produción de leite é moito máis importante (Alemania, Francia, Holanda, Irlanda, etc).

-A gandería intensiva de porcino (co gando metido dentro das naves todo o ano) produce moitas máis emisións que o vacún.

- Na Guía de boas prácticas (2016 EMEP/EEA Guidebook), existen unha serie de medidas permitidas e recomendadas para diminuír as emisións de amoníaco, máis adaptadas as condicións edafoclimáticas, orográficas e de manexo do gando de vacún no Norte de España, máis económicas e máis efectivas para reducir as emisións: pastoreo, formación de costra, enterrado con grade de discos, aplicación cando orballa, etc.

-As macrogranxas e a modelo de gandería industrial, (porcino, aves etc), son as que en maior medida contribúen as emisións de amoníaco a atmosfera, tanto no Estado español como na Unión Europea.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada