Forestal

A Xunta usará drons para vixiar os montes e na extinción dos lumes forestais

A Administración utilizará os sistemas de gravación aérea para controlar o estado das franxas próximas a vivendas e na xestión e investigación dos incendios nos montes. Tamén incrementa a rede de cámaras de vixilancia

Campo Galego 27/04/2019 1:11 a.m.

A Xunta empregará este ano, por primeira vez, drons para a vixilancia preventiva dos montes e para a xestión e investigación dos incendios forestais. A medida inclúese no Plan de prevención de defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2019) que se presentou hoxe ó sector na reunión do Consello Forestal, a segunda na que vai de ano. A actualización anual deste plan está pendente aínda da súa aprobación no Consello da Xunta.

Os drons utilizaranse como ferramenta de vixilancia preventiva para coñecer a xestión que se fai das franxas próximas ás vivendas e para a detectar lumes nos montes. Tamén se empregarán para a xestión dos lumes, como unha ferramenta de apoio para as labores de extinción e nas investigacións dos incendios.

Este ano funcionarán 118 cámaras de vixilancia nos montes galegos

Xunto cos drons, a Consellería de Medio Rural tamén incrementará para esta campaña a rede de vixilancia fixa instalada nos montes. Súmanse 30 novas cámaras ás 88 colocadas en distintos puntos e que cubrían o 56% do territorio galego. Así, este ano funcionarán un total de 118 cámaras de vixilancia nos montes.

Coa actualización do Pladiga redúcense en 6 as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), quedando en 71. Esta calificación realízase en función a criterios como o número de lumes rexistrados nos últimos anos ou á súa virulencia.

Queimas controladas

Outra das medidas que contempla o Pladiga é un protocolo novo para fomentar e supervisar as queimas controladas da biomasa nos montes.

Esta campaña tamén se habilatará un teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas contra condutas incendiarias. Este número estará operativo na época de alto risco de lumes. A consellería tamén incrementará a formación sobre a xestión dos lumes cun plan de formación que incidirá en aspectos como a seguridade, coordinación e investigación dos grandes incendios forestais e no que se inclúen 15 cursos específicos.

Banco de sementes e tratamentos sanitarios

Á marxe dos lumes forestais, nesta reunión do Consello Forestal tamén se abordou a mellora da tramitación e xestión telemática das solicitudes para o aproveitamento madeireiro dos montes. Na reunión informouse ó sector do estado de tramitación dos convenios e consorcios asinados coa Administración forestal e para os que os titulares solicitaran a súa rescisión.

Medio Rural dispón de máis 900 quilos de sementes de piñeiro e 60 de carballo

A consellería de Medio Rural tamén aproveitou para concretar que dispón de máis de 900 quilos de sementes de piñeiro das especies Pinaster, Radiata e Sylvestris. Xunto a estas existencias, a administración ten outros 60 quilos de landras de carballo (Quercus Robur), entre outras especies.

Na reunión, o conselleiro de Medio Rural, José González, informou que a consellería ten previsto realizar varias actuacións de control sanitario de pragas e enfermidades forestais, con especial atención ao chancro e á avespiña do castiñeiro, así como ao gorgullo do eucalipto.

Prevén facer 14.000 inoculacións contra o chancro do castiñeiro e soltar 1,5 millóns de Torymus sinensis contra a avespiña

Nesta liña, o conselleiro sinalou que ao longo desta primavera vanse facer arredor de 14.000 inoculacións de cepas hipovirulentas nos castiñeiros (das cales xa se realizaron 9.000) para loitar contra o chancro. Ó longo deste ano Medio Rural ten previsto soltar ata 1,6 millóns de individuos do parasitoide Torymus sinensis, que se usa na loita biolóxica contra a avespiña.

Con respecto ó gorgullo do eucalipto, no que vai de ano colocáronse un total de 4.830 bolsas de ootecas parasitadas (depósitos de ovos) de Anaphens nitens, un parasito natural desta praga.

Etiquetado
Ir a la portada