Desenvolvemento rural

A Xunta realizará unha campaña de prevención de riscos laborais entre o persoal veterinario

08/08/2021 10:13 a.m.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) está a deseñar unha campaña que activará o próximo outono, para reforzar a prevención de riscos laborais entre o persoal veterinario das pequenas explotacións gandeiras.

O colectivo de veterinarios sitúase como un dos grupos de profesionais nos que se está a centrar o traballo do equipo técnico de sinistralidade laboral, dependente do Issga, para mellorar a seguridade e a prevención no desenvolvemento das súas tarefas.

No momento actual a Xunta traballa na detección dos principais riscos e no deseño dunha campaña informativa que permita incrementar a prevención e minimizar os riscos no traballo desenvolvido polo persoal veterinario vencellado coas explotación gandeiras da comunidade.

Incidirase nas explotacións máis pequenas e de carácter familiar, para que conten con recursos e formación sobre como apoiar a veterinarias e veterinarios na inmobilización do gando pesado e sobre como mellorar as súas estruturas para facilitar estas tarefas. Trátase de sensibilizar, en definitiva, aos propietarios na mellora das condicións laborais dos traballadores propios e externos.

A campaña, en cuxa distribución colaborará a Consellería de Medio Rural, tratará de abordar algúns dos aspectos que maior preocupación supoñen para este grupo profesional, como o manexo do gando en pequenas explotacións. O material elaborado distribuirase entre as granxas e, de xeito directo, entre os propios profesionais de veterinaria.

O Issga, órgano dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, colabora coa Consellería de Medio Rural e cos axentes sociais que trasladan as necesidades destes profesionais. O Instituto ofrécese a manter un marco futuro de colaboración cos colexios de veterinarios para coñecer as súas necesidades e poder perfilar medidas que lles resulten útiles cara á prevención de riscos nos centros de traballo.

Etiquetado
Ir a la portada