Forestal

A Xunta proxecta obrigar ós propietarios a cortar o arborado nas marxes das liñas eléctricas

Unións Agrarias demanda a retirada da medida, que suporía “novas cargas e obrigas” para os afectados. O borrador da lei de acompañamento dos presupostos do 2019 modificará tamén as distancias do arborado a núcleo rural, parcelas agrarias e canles fluviais

Campo Galego 16/11/2018 2:29 p.m.

A lei de acompañamentos dos presupostos da Xunta para o 2019 modificará a normativa sobre distancias de arborado a infraestruturas, parcelas agrarias e vivendas. Unha das novidades radica en que a Administración obrigará ós propietarios a cortar o arborado nas marxes das liñas eléctricas, en concreto nos 5 metros contados “desde a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación máxima producida polo vento”, segundo recolle o borrador da chamada Lei de Medidas Fiscais.

Tal disposición é criticada por Unións Agrarias, que considera que a Xunta está a lexislar contra os propietarios forestais, “Introdúcense novas cargas e obrigas para os afectados, sen ningún tipo de compensación. O lóxico é que eses 5 metros de franxa sen arborado se expropiasen como servidume por parte das compañías eléctricas”, defende José Antonio Diéguez, de Ventonoso, un colectivo de propietarios afectados por parques eólicos ligado a Unións Agrarias.

A organización agraria cuestiona tamén outros cambios da Lei de Montes que se efectuarán a través da lei de acompañamento dos presupostos. “As frondosas caducifolias tiñan que manter 15 metros de distancia co solo de núcleo rural, pero agora redúcese esa limitación a 2 metros. Que pasa con todas as árbores próximas a un núcleo que se tiveron que cortar no último ano baixo ameazas de multa?” -cuestiona o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo.- “Hai unha clara falta de criterio, bandazos e improvisacións”, critica.

[box style="0"]

Novas distancias a respetar polo arborado

O proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que previsiblemente se aprobará nas próximas semanas, deixa as distancias reguladas para o arborado tal e como segue:

- A parcelas forestais, 2 metros.

- A solo rústico de especial protección agropecuaria: 5 metros para frondosas caducifolias (antes eran 10 metros) e 10 metros para o resto.

- Desde o límite do dominio público de vías de comunicación (estradas convencionais, vías rápidas, autopistas, autoestradas, ferrocarril), 2 metros para frondosas caducifolias ( antes eran 4 metros) e 10 metros para o resto de especies.

- Con pistas, asfaltadas ou non, de polo menos 5 metros de ancho e que conten con polo menos unha cuneta: 2 metros as frondosas, 4 metros o resto de especies e 6 metros nos concellos declarados como zonas de alto risco.

- Con canles fluviais de máis de 2 metros de ancho: 2 metros para frondosas caducifolias (antes eran 5 metros) e 15 metros no resto de especies, a contar desde o dominio público.

- Con solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable: 2 metros (antes eran 15 metros) cando se empreguen especies de frondosas caducifolias, e 50 metros no resto de especies.

- Con edificacións, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte ou fóra de solo urbano e de núcleo rural, e con vivendas illadas en solo rústico, independentemente da súa distancia ao monte: 15 metros cando se empreguen especies de frondosas caducifolias e 50 metros no resto de especies.

- Con cámpings, gasolineiras e industrias ou instalacións preexistentes en que se desenvolvan actividades perigosas: 15 metros para especies de frondosas caducifolias e 50 metros para o resto de especies.

- En instalacións eléctricas, desde a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación
máxima producida polo vento segundo a normativa aplicable a cada caso: 5 metros para todas as especies.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada