Nesta visita, Aboal puxo en valor que a Xunta vén de resolver as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais e as achegas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract. Na última convocatoria aprobáronse un total de 150 expedientes de axuda por importe total de case 16,5 millóns de euros que mobilizarán arredor de 48 millóns de euros (investimento público e privado).
Os beneficiarios foron pequenas e medianas empresas -incluídos os autónomos- da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, así como asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro.
Ambas liñas de axudas están encadradas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, coa que se busca consolidar ás pemes que conforman este sector.
Industrias Guerra
O director da axencia estivo nas plantas que a Industrias Guerra ten en Vila de Cruces e en Silleda, nas que se adican, entre outras, a tarefas de enxeñaría, produción e montaxe de grúas, cabezais procesadores, taladoras e outra maquinaria forestal.
A empresa galega, que conta cunha facturación anual duns 18 millóns de euros, dispón de catro plantas propias en Galicia, unha filial en Portugal e dúas sedes en Arxentina. En total, suma máis de 30.500 metros cadrados nos que desempeñan o seu labor máis de 150 traballadores.
Por outra banda, esta empresa familiar exporta arredor do 50% da súa produción fóra do territorio, chegando incluso nalgúns momentos ata o 70%. Estas cifras evidencian a importancia da industria forestal en Galicia, onde ten un gran peso este sector. Ademais, no territorio galego rexístranse anualmente a metade das cortas de madeira de España.