Forestal

A Xunta pídelle aos concellos que “se poñan as pilas” e limpen as parcelas que incumpran a normativa de prevención de lumes

05/07/2018 5:19 p.m.

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, compareceu este xoves na comisión sétima de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento galego e lembrou que todas as administracións teñen competencias no que ao mantemento das faixas de xestión e prevención de lumes e do cumprimento das distancias de plantacións se refire. Así, sinalou ademais que este ano se modificou a normativa para facilitar a actuación naquelas parcelas nas que os propietarios incumpren as súas obrigas.

En concreto, agora a lexislación permite ás administracións (tanto concellos como Xunta, segundo a competencia de cada un) entrar nun predio e rozalo de xeito subsidiario tan só 15 días despois de que o aviso sexa publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado. Deste xeito, desbloquease o problema administrativo co que se atopaban as institucións para actuar cando o propietario non o facía.

No caso de que o que se incumpra sexan as distancias das plantacións o prazo amplíase a dous meses e a administración, tanto concellos como Xunta, tamén podería comisar as especies arbóreas que estean en situación ilegal.

Reparto de competencias

Respecto ao reparto de competencias entre administracións, Fernández-Couto sinalou que esta distribución non é nova, senón que data do ano 2007. “Nese momento estableceuse que son as institucións locais as responsables da vixilancia das faixas secundarias (aquelas que teñen por función protexer os núcleos de poboación) e de actuar de xeito subsidiario en caso de que o titular do terreo non interveña. É o Goberno autonómico, en cambio, o competente nas faixas primarias (estradas e liñas ferroviarias) e terciarias (forestais)”, lembrou.

Deste xeito, o responsable de Ordenación Forestal incidiu en que ningunha administración pode eludir as súas responsabilidades senón que, moi ao contrario, todas deben “poñerse as pilas” para garantir o cumprimento da lei. “Non falamos dunha cuestión de paisaxística aberta a debate, é unha cuestión de seguridade. Onde vive a xente o concepto de perigo non pode existir”, declarou. Por ese motivo apelou á “responsabilidade” de toda a sociedade para que cada un actúe nos seus terreos.

Respecto á posibilidade de sanción, insistiu en que obxectivo non é recadatorio, “de aí que se apostase polos apercibimentos aos propietarios”. De feito, indicou que “os distritos forestais dispoñen de ata 19.000 carteis para advertir das plantacións que non manteñen as distancias establecidas na lei”. Fernández-Couto explicou que o que se pretende é garantir que en caso de incendio as lapas non cheguen aos núcleos de poboación nin vivendas illadas e, por outro lado, ter “recursos, opcións e posibilidades para atallar os lumes a través das infraestruturas do terreo”.

Axudas aos concellos

En todo caso, Tomás Fernández Couto lembrou que dende a Xunta de Galicia sempre se colaborou cos municipios para facilitar estes traballos a través dos convenios de prevención e defensa contra os incendios forestais ao que calquera concello se pode unir. “Grazas a estes acordos poden contratar brigadas, condutores de motobomba e rozar a través dunha subvención da Consellería do Medio Rural”, asegurou.

Ademais, o director xeral destacou que nos últimos anos incrementouse a colaboración a través de diferentes fórmulas, como a dos tractores para a roza e co convenio proposto á Fegamp cun orzamento de seis millóns de euros para o primeiro ano aboados integramente polo Goberno galego.” Con esta achega poderán traballar nos espazos da súa competencia”, subliñou.

Por último, destacou que a Consellería do Medio Rural está poñendo en marcha tamén un visor web para a identificación das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa a través do emprego de nova tecnoloxía. Será de acceso público e comezará naqueles concellos con plans xerais de ordenación municipal adaptados á Lei de Ordenación Urbanística.

Etiquetado
Ir a la portada