Desenvolvemento rural

Anúnciase un aumento de 6,5 millóns de euros no orzamento para Plans de Mellora no 2024

Campo Galego 29/12/2023 1:02 p.m.

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión deste xoves destinar 47 millóns de euros en 2024 “ás axudas para promover a incorporación de profesionais ao agro e mellorar as explotacións”, cun incremento de 6,5 millóns de euros na partida destinada á modernización das granxas.

En concreto, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como Plans de Mellora) será o vindeiro ano dun total de 27 millóns de euros; para a incorporación de mozos ao agro destinaranse 16 millóns de euros, aos que se suma por primeira vez unha nova liña destinada para persoas entre 41 e 55 anos (dotada de 3 millóns de euros). Por último, haberá achegas para pequenas explotacións (1 millón de euros).

O orzamento para Plans de Mellora pasa de 20,5 millóns de euros en 2023 a 27 millóns en 2024; mentres as axudas de incorporación pasan de 16,5 a 16 millóns

Estas subvencións pertencen ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O orzamento está cofinanciado nun 12% pola Administración xeral do Estado, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Con estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

Primarase o uso de madeira estrutural nos establos e naves
Nas axudas para investimentos nas explotacións agrícolas, subvencionarase o uso de madeira estrutural nas infraestruturas que se inclúan dentro dos plans de mellora, na liña da aposta da Xunta polo emprego deste material na construción. Ademais, tal e como indicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, poderán usarse as achegas para “comprar maquinaria, reformar as instalacións ou adquirir novos terreos”.

No caso das axudas para pequenas explotacións, a axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio, que terá unha duración de 24 meses.

Etiquetado
Ir a la portada