Desenvolvemento rural

A Xunta estuda prorrogar as axudas agroambientais nos próximos anos

Medio Rural despexa a incógnita que mantivo durante os últimos meses e anuncia a posibilidade de manter esta liña de axudas da PAC. A decisión definitiva adoptarase en novembro nunha xuntanza do Comité de Seguemento do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR)

Campo Galego 31/10/2019 10:58 a.m.

As arredor de catro mil ganderías galegas que reciben axudas agroambientais ou por razas autóctonas remataban entre este ano e o 2020 o cobro destes apoios. Para anos vindeiros, era unha incógnita o que sucedería, pois o novo ciclo da Politica Agraria Común (PAC) non comezará como moi cedo ata o 2022, o que podería deixar ás granxas sen esta liña de axudas durante varias campañas. A Xunta vén de anunciar agora que estuda prorrogar as axudas agroambientais e por razas autóctonas a próximos anos.

A ampliación de tódalas axudas agroambientais ós anos 2020 e 2021 (e 2022, se fose necesaria), era unha demanda de todo o sector nos últimos meses, tanto das cooperativas como de organizacións como Unións Agrarias ou o Sindicato Labrego, que reclamaban da Xunta unha prórroga similar á adoptada xa por outras comunidades autónomas, como Castilla y León.

Medio Rural, sen embargo, mantivo silencio nos últimos meses, sen despexar a incertidume ata hoxe, cando estaba prevista unha rolda de prensa de Unións Agrarias para reiterar a necesidade de prorrogar as axudas agroambientais. A Consellería vén de emitir unha nota de prensa na que anuncia que estudará a ampliación de prazo das axudas agroambientais ós próximos anos.

A decisión definitiva adoptarase en novembro, no comité de seguemento do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), no que se valorará a posibilidade de prorrogar as axudas dirixidas a agroambiente, clima e agricultura ecolóxica. A Consellería lembra que para ampliar os apoios a vindeiros anos é preciso realizar unha modificación do PDR, redistribuíndo partidas que non fosen utilizadas.

“Polo tanto, a Xunta comprométese a abordar esta cuestión, dada a relevancia que ten para o sector, para compensar os custos asociados a métodos de produción máis respectuosos co ambiente e coa conservación da paisaxe. Os beneficiarios destas axudas son, na súa gran maioría, titulares de explotacións de vacún de leite e de carne que orientan a súa produción a prácticas gandeiras en extensivo e á conservación de razas gandeiras autóctonas que se atopan en perigo de extinción. Ademais, tamén se benefician destas subvencións os agricultores en ecolóxico”, expón a Administración en nota de prensa.

Medio Rural, por último, carga contra o que considera críticas “partidistas e intencionadas dalgún axente do sector nos últimos días”. A Consellería considera que estas críticas “só buscan facer política e causar desánimo no sector con informacións falsas e erradas”.

Etiquetado
Ir a la portada