Carne

A Xunta baralla habilitar un camión – matadoiro móbil para ovino, caprino e aves

A Administración autonómica proxecta adaptar o sistema sueco de sacrificios a pé de granxa na medida en que a normativa o permita, dando así satisfacción a unha tradicional reivindicación do sector

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 23/11/2018 6:48 p.m.

A petición do sector ovino e caprino para a habilitación en Galicia dun sistema de matadoiros móbiles ten perspectivas finalmente de facerse realidade. O director xeral de Gandería, José Balseiros, anunciou hoxe no Parlamento que a Xunta está disposta a adaptar a Galicia o sistema sueco de matadoiro móbil, consistente nun camión equipado de sala de sacrificio, sala de despece e zona frigorífica, todo elo controlado por un veterinario oficial. Ese matadoiro móbil prestaría ademais o servizo de sacrificio de aves, orientado a producións coma o galo de Curral de Vila de Cruces ou o capón de Vilalba.

En Galicia hai algo máis de 20.000 explotacións de caprino e ovino, moitas delas pequenas ganderías ás que non lles compensa levar os cordeiros e cabritos a sacrificar ó matadoiro, pois os desprazamentos representan un aumento excesivo de custos, tanto pola viaxe en si coma polas tarifas de 10-30 euros por animal que se cobran nos matadoiros galegos.

Esa situación leva a que arredor dun 70% dos sacrificios que se fan en Galicia sexan irregulares, fóra dos matadoiros habilitados para tal efecto. A asociación Ovica, que agrupa ó sector en Galicia, e outros colectivos agrarios veñen demandando nos últimos anos a posta en marcha de matadoiros móbiles que permitan os sacrificios nas proximidades das granxas, a fin de regularizar o sector e ofrecerlle maiores garantías de calidade e trazabilidade ós consumidores.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"O problema que temos é a falta de normativa específica. Levamos 2 anos agardando por un decreto ministerial que non sae" (José Balseiros)

A cuestión chegou hoxe ó Parlamento da man do deputado do Bng Xosé Luis Rivas ‘Mini’, quen inquiriu á Xunta polos seus proxectos para dar solucións ó problema. A ese respecto, o director xeral de Gandería, José Balseiros, anunciou que a Xunta baralla adaptar o modelo sueco de matadoiro móbil, consistente nun camión que leva incorporado sala de sacrificio, sala de despece e área frigorífica. “É un sistema que funciona con catro operarios, incluíndo un veterinario oficial, e que percorre rutas prefixadas, a modo dunha ITV móbil -comparou-, dando servizó ó pé das explotacións”.

O sistema ten para Balseiros unha serie de beneficios claros. “Con este método, o gando sacrifícase a pé da explotación, aumentando o benestar animal, mellórase a trazabilidade da carne, evítase a falta de garantías sanitarias e pódese mellorar a rendibilidade das granxas” -valorou.- “É un sistema que tería un custo, pero pode ser asumible. O problema está na falta dunha normativa específica. Levamos dous anos esperando por un decreto ministerial que segue sen publicarse. Se non saíse, mirariamos de poñer o sistema en marcha adaptándonos á normativa comunitaria”, explicou.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A idea é que o sistema funcione a modo dunha ITV móvil, prestando servizo na cercanía das explotacións

Balseiros amosouse disposto a compartir co resto de grupos parlamentarios os prototipos de matadoiro móbil que se poderían adaptar a Galicia e avogou por un maior asociacionismo do sector ovino, de cara a que “sexa menor o impacto económico da prestación do servizo”. O director xeral tamén avanzou que a súa idea é que o matadoiro móbil lle ofreza servizo ademais ás explotacións artesanais de aves, como as do galo de curral de Vila de Cruces ou as do capón de Vilalba.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada