Desenvolvemento rural

A Xunta apurará os prazos para a declaración de zonas vulnerables por contaminación na Limia

Afirma que dispón até 2025 para facelo e di estar agardando a aprobación do Real Decreto de Nutrición Sostible para concretar as medidas a tomar dentro do chamado Plan Estratéxico da Limia

Campo Galego 10/09/2022 10:30 a.m.

[caption id="attachment_98827" align="aligncenter" width="660"] Xuntanza da chamada Mesa da Limia, onde están representados os concellos da comarca e os sectores afectados[/caption]

A contaminación por nitratos na comarca da Limia é un problema ambiental no que urxe tomar medidas, pero o posible custo electoral que traerían aparelladas estas decisións fai que a Xunta prefira apurar os prazos, como fixo até o de agora.

A mediados de maio de 2022 o Ministerio de Transición Ecolóxica fixo pública no BOE a actualización do mapa das augas afectadas pola contaminación ocasionada por nitratos e fosfatos de orixe agrogandeira. Inclúe tamén as augas que poderían verse afectadas de non se tomaren medidas.

O Goberno galego ten de prazo até 2025 para facer a declaración de zonas vulnerables

É o paso previo necesario para a declaración da Limia como Zona Vulnerable e o establecemento de topes de fertilización (170 kg. de nitróxeno por hectárea e ano, cunha maior flexibilidade inicial) e limitacións nos períodos de abonado. A declaración compete á Xunta, que ten tres anos para facela, segundo admitiu este venres na Comisión de Agricultura do Parlamento galego o deputado popular José Antonio Armada, quen avanzou que se estirará o prazo até o 2025.

Mapa de augas contaminadas

O Goberno galego tratou até agora de evitar a declaración de zona vulnerable da Limia presentando alegacións contra o mapa de augas contaminadas do Ministerio. En concreto, o informe do MiTECO indica unha serie de recomendacións a aplicar por parte das explotacións en Galicia e a cartografía sinala tres masas de augas superficiais situadas no Limia en Porto Alto, no río Nocedo en Rebordechá, as dúas no concello de Xinzo, e na canle da Lagoa en Vilar de Santos.

Do mesmo xeito, tamén identifica dúas masas de augas subterráneas en San Pedro de Laroá (Xinzo) e Cardeita (Sandiás), e dous puntos no pantano das Conchas, un no curso do río Limia, máis ou menos á altura de Güimil e outro na zona de Porto Quintela e Mugueimes.

O Goberno galego tratou até agora de evitar a declaración alegando contra o mapa de augas contaminadas do Ministerio

Segundo a normativa vixente, unha vez que o Ministerio fixa o mapa de augas contaminadas, as comunidades autónomas deberán designar como zonas vulnerables aquelas nas que as escorrentías flúan cara ás augas incluídas no mapa de contaminación.

Problema ambiental, debate político

O prazo para a declaración por parte da Xunta é de tres anos e o PP é consciente de que este é un tema sensible que podería ter consecuencias electorais na comarca. “Estamos traballando cos 12 concellos da comarca para buscar solucións”, afirmou Armada.  

Adiar a declaración de zona vulnerable a 2025 permitiría salvar o ciclo electoral das vindeiras municipais, xerais e autonómicas

A Xunta puxo en marcha o chamado Plan Estratéxico da Limia, do que non se coñecen polo de agora medidas concretas. “Estamos traballando en medidas como o establecemento de limitacións á fertilización nitroxenada ou prohibicións de abonado en determinadas épocas do ano”, avanzou o deputado popular, que unha vez máis botou a pelota enriba do tellado do Goberno central, alegando que o Goberno galego está agardando polo Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas, que prepara o Ministerio de Transición Ecolóxica, para concretalas.

A inmensa maioría das explotacións que están a xerar este problema a día de hoxe autorizounas o BNG cando gobernou (José Antonio Armada, PP)

José Antonio Armada tratou de repartir culpas e responsabilidades entre a oposición. “O BNG autorizou durante o bipartito (2005-2009) un total de 107 granxas na Limia. A inmensa maioría das explotacións que están a xerar este problema a día de hoxe autorizounas o BNG cando gobernou”, espetoulle ao deputado nacionalista Xosé Luís Rivas, Mini, que defendeu na Comisión de Agricultura a proposición non de Lei do BNG sobre este asunto.  

“Ocultación, inacción e desleixo”

Para o deputado do BNG, a situación da contaminación por nitratos na Limia “é o resultado dun proceso dilatado de ocultación e mala xestión que é responsabilidade do Goberno autonómico, pola súa inacción e desleixo interesado”.

“A contaminación difusa da comarca da Limia por exceso de xurros e fertilizantes foi agochada ano tras ano até que reventou no ano 2018”, asegurou Xosé Luis Rivas.

Desde entón, dixo, comezou “un antroido que dura xa 4 anos, porque á Xunta o que menos lle interesa é a saturación das terras agrícolas de nitratos e fosfatos, as cianobacterias e os perigos para a saúde humana a través das augas”, afirmou.

Até o 2018 sempre se negou o problema por parte da Xunta, até que as evidencias foron claras e o problema reventou; foron 12 anos de permisividade (Xosé Luis Rivas, BNG)

“Son vostedes cobardes politicamente, están esperando a que os alcaldes seus da zona deixen de presionar, a que pasen as municipais”, insistiu o deputado nacionalista, que acusou á Xunta de “non facer caso aos informes dos expertos” e propuxo medidas como “unha moratoria das ampliacións das granxas, un plan de redución da carga gandeira e a compostaxe da galiñaza en terreos adecuados”.

O Goberno galego aporta “solucións ao chou”, denunciou Xosé Luís Rivas, no canto de buscar “unha solución sostible e compatible coa actividade agraria na comarca”. Neste sentido, o deputado do BNG criticou a intención da Xunta de tratar 25 millóns de metros cúbicos de xurros, aqueles que non sexa posible usar ás propias granxas mediante autoaplicación, a través de 4 plantas de tratamento ubicadas nas comarcas con máis carga gandeira (A Limia, Terra Chá, Xallas e o Deza).

Están en entredito o bo nome da comarca da Limia, a súa actividade agrícola e gandeira e o seu futuro inmediato e a longo prazo

“Nada sabemos da Lei galega de xurros nin do Plan Estratéxico da Limia , o tempo corre e a carga gandeira continúa. Foron catro anos perdidos en sacudir responsabilidades; demasiados intereses comerciais e electorais, que veñen sendo o mesmo”, concluíu.

O control da contaminación compete á Confederación Miño-Sil

Desde o PSOE apoiaron a proposición non de Lei presentada polo BNG, na que se pedía informar tanto á Mesa da Limia como á sociedade das medidas a adoptar. “Os problemas de contaminación por nitratos en Galicia son consecuencia do abandono da superficie agraria e a aposta polo modelo de gandería intensiva”, afirmou o deputado socialista Martín Seco.

Para o PSOE, a contaminación por nitratos que sofren os solos e os acuíferos na Limia presenta “datos preocupantes”. “Galicia e Cataluña eran as comunidades que tiñan máis problemas de contaminación no informe relativo aos anos 2016 a 2019, pero mentres Cataluña adoptou medidas, a Xunta non fixo nada”, denunciou.

Os problemas de contaminación por nitratos en Galicia son consecuencia do abandono da superficie agraria e a aposta polo modelo de gandería intensiva (Martín Seco, PSOE)

José Antonio Armada respostoulle que ata o pasado mes de maio “Galicia era das poucas comunidades autónomas que non tiña unha determinación de masas afectadas, polo que a gandería galega é das que menos afecta ao medio ambiente de toda España”.

O deputado popular insistiu en que “a bacía do río Limia pertence ao territorio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e, de acordo con isto, o control da contaminación por nitratos das augas desta zona corresponde á Administración do Estado”. “A responsabilidade do control de contaminación por nitratos das augas da Limia corresponde á Administración estatal, que dispón de puntos de toma de auga que analiza periodicamente. Tamén lle corresponde a publicación e comunicación destes datos, sen que ningunha destas responsabilidades corresponda á Xunta, que non ten capacidade algunha de ocultación”, argumentou.

Etiquetado
Ir a la portada