Desenvolvemento rural

A Xunta anuncia que publicará o 1 de febreiro a convocatoria de axudas da PAC

Máis de 33.000 beneficiarios galegos das axudas da PAC recibirán preto de 190 millóns de euros na campaña 2017-2018 

26/01/2017 9:25 p.m.

O vindeiro día 1 de febreiro está prevista a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da orde reguladora dos pagamentos das axudas da PAC por parte do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que depende da Consellería do Medio Rural. Así se sinala nun informe presentado este xoves no Consello da Xunta.

Trátase dos pagamentos directos da PAC e das medidas agroambientais de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas). Nesta orde recóllese tamén a axuda excepcional ao sector lácteo, cun carácter compensatorio, pois tal e como se indica na normativa comunitaria o importe asignado a cada Estado membro para esta axuda compensará unha proporción limitada das perdas reais sufridas polos produtores.

O 100% das solicitudes tramitaranse por vía electrónica

Dende o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez salientan que “esta convocatoria segue a ser pioneira no ámbito da redución das cargas burocráticas e da tramitación electrónica, xa que o 100% das solicitudes se tramitarán de forma telemática”.

Ademais, dende Medio Rural destacan que “malia ser unha orde cunha tramitación complexa e terse modificado a normativa básica recentemente, publicarase no primeiro día do prazo previsto legalmente, e así Galicia será unha das poucas comunidades autónomas que cumprirán esta previsión”.

Estas axudas da Política Agrícola Común teñen por obxecto contribuír a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se trata de potenciar os agricultores realmente activos e as prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o ambiente (medidas agroambientais).

O Fondo Galego de Garantía Agraria abooulles uns 102,7 millóns de euros a preto de 26.000 beneficiarios en concepto de anticipo das axudas da PAC. Este anticipo foi un 57% superior ao efectuado no exercicio 2015.

Dende a Consellería informan de que “o resto de pagos pendentes da campaña 2016- 2017 faranse efectivos unha vez que se completen os preceptivos controis sobre o terreo ou administrativos, e está previsto completar o pagamento nun prazo aproximado de dous meses”. “En todo caso, -subliñan- o período legalmente establecido finaliza o 30 de xuño”.

Etiquetado
Ir a la portada