Trátase dunha ferramenta en construción situada na Oficina Virtual de Medio Rural -accesible na web da Consellería- que, unha vez completada, amosará en tempo real as series históricas dos datos das principais producións e aproveitamentos forestais almacenados en rexistros electrónicos administrativos. Deste xeito, cando un cidadán tramite unha declaración responsable ou solicitude de aproveitamento, a gráfica actualizarase automaticamente incorporando os datos dese trámite.
Esta información gráfica é o primeiro paso do Observatorio Forestal promovido pola Consellería do Medio Rural onde no futuro se irán presentando valores dos volumes de aproveitamento e prezos de adxudicación dos principais produtos forestais en Galicia
Para ter unha idea do volume de información que se xestionará a través desta ferramenta, cómpre lembrar que só no pasado ano 2019 tramitáronse preto de 94.000 solicitudes administrativas. Polo tanto, a tecnoloxía utilizada pola Amtega para agregar os datos de cada unha destas solicitudes ao longo dos últimos 10 anos e amosalos en tempo real requiriu a posta en funcionamento de novas funcionalidades complexas e eficientes.
Datos actualizados en tempo real
Este proxecto tecnolóxico conxunto ten como principal obxectivo comezar a difundir datos en tempo real das producións forestais que son estratéxicas para Galicia, que permitan avaliar ás administracións públicas e ás principais organizacións e asociacións do sector forestal os grandes indicadores de actividade. Pero tamén pretende dirixirse á sociedade galega, á fin de divulgar estes datos e axudar achegando información de interese.
80.000 familias reciben anualmente ingresos procedentes do monte por importe de máis de 300 millóns de euros, que se transforman en 2.300 millóns a través da industria forestal
Así pois, nos vindeiros meses este Observatorio forestal amosará, entre outros, os datos dos prezos de adxudicacións das poxas públicas que celebra a Consellería do Medio Rural nos alleamentos de madeira en montes da súa xestión. Preténdese no futuro ampliar a información a outras producións forestais, coma cogomelos, castañas ou resina.
O forestal é un sector estratéxico no rural galego, xa que actualmente se están a aproveitar 9,7 millóns de metros cúbicos de madeira ao ano, o que lle reporta a máis de 80.000 familias galegas ingresos superiores aos 300 millóns de euros. Estas cortas son o comezo do proceso de transformación deste ecomaterial renovable nunha cadea monte industria que factura preto de 2.300 millóns de euros ao ano en Galicia.
[box style="0"]
Máis información
O link para acceder á ferramenta, en proceso de construción, que desenvolve a Xunta é o seguinte:
https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/observatorio-forestal
[/box]