Forestal

Xornadas divulgativas este venres e sábado sobre o potencial resineiro dos piñeirais galegos

Lourizán e Sergude acollen senllas accións formativas, cunha parte teórica e outra práctica, sobre o aproveitamento dos montes para a produción de resina

Campo Galego 07/10/2020 1:23 p.m.

O Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, en Pontevedra, e o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón, acollerán esta semana senllas xornadas divulgativas sobre o potencial resineiro dos montes galegos que van a ter lugar este venres e sábado 9 e 10 de outubro.

A temática destes cursos centrarase na produción de resina nos piñeirais galegos. Terán unha duración de 4 horas, sendo as primeiras horas teóricas e as finais de demostración práctica en campo. A xornada do venres terá lugar no CIF Lourizán en horario de 16:00 a 20:00 horas e a do sábado no CFEA de Sergude de 10:00 a 14:00 horas.

Están destinadas a persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal ou que teñan intención ou expectativa de se incorporar, con especial interese en mozos e mozas do medio rural galego.

Ambas xornadas están financiadas polo AGACAL, dentro do plan de formación desta anualidade 2020 e serán impartidas pola empresa FORESIN. Para participar é preciso facer a reserva da praza chamando ao número de teléfono 680208320 ou mandando un email co formulario de inscrición cuberto ao enderezo informacion@foresin.es.

Etiquetado
Ir a la portada