O responsábel provincial abriu o encontro, orientado ao intercambio de recursos, experiencias e coñecemento entre persoas interesadas en desenvolver iniciativas produtivas e vitais no rural. Daniel García sinalou que “o apoio ao intercambio de experiencias e a vontade de crear rede entre as persoas que apostan por desenvolver a súa actividade profesional e vital no rural é un do eixos dos proxectos impulsados desde a área Rural da Vicepresidencia de Lugo, porque compartimos a idea de que queda moito por facer para o desenvolvemento pleno do potencial existente no rural, tamén nos espazos de montaña” e puxo como exemplo iniciativas como o programa “Da Escola á Granxa” que, ademais de achegar escolares a proxectos de emprendemento no rural, crea sinerxias entre as ganderías e producións participantes”.
Ao longo da xornada, interviron representantes de proxectos de transformación agroalimentaria en distintos puntos de Galiza como Mel de Outurelos, Amarelante, Cervexas Píntega ou A Carqueixa. E de proxectos comunitarios que impulsan iniciativas colectivas de aproveitamento do territorio e de comercializacion de produtos agroalimentarios como a Comunidade de Montes en Man Común de Carballo ou a Asociación de Gandeiros de A Fonsagrada, ou a Asociación Galega de persoas e entidades comercializadoras Terra,
As xornadas contaron tamén cun espazo de networking e unha mesa con proxectos de turismo sostible coa participación de Jimena Santalices de Cabanas Ancares, Lourdes Abuíde de Casa Chaín e Lucía Canoura de Lugar das Marías.