Forestal

Xornada voluntaria de plantación no monte veciñal do Viso para crear franxas verdes

A comunidade de montes veciñais do Viso, ubicada en Redondela, programou dúas xornadas de plantación, abertas a voluntarios, para avanzar na recuperación da superficie queimada no 2016

Campo Galego 14/02/2018 2:34 p.m.

O monte veciñal do Viso, en Redondela, está a organizar dúas xornadas de plantación abertas ás persoas voluntarias que se queiran achegar. Serán este domingo 18 de febreiro, a partir das 10.30 horas da mañá no monte do Espiño, e o domingo 4 de marzo no monte da Peneda. As actuacións previstas consisten na plantación de especies frondosas (castiñeiros, carballos e outras) para restaurar a zona afectada por un lume do 2016 e para avanzar na repoboación do monte.

A plantación do domingo 18 creará franxas verdes de frondosas caducifolias en torno á pista principal que atravesa o monte e arredor de casas do barrio de Nogueira, sempre mantendo as distancias de seguridade establecidas na lexislación. O obxectivo de ambas plantacións é crear masas de frondosas autóctonas que melloren a defensa contra incendios forestais do monte comunal.

Na sesión do domingo 4 de marzo, a actuación será no alto da Peneda, no entorno do miradoiro que alí existe e aproveitando os traballos de limpeza e rareo que a comunidade de montes realizou recentemente, por un importe superior aos 8.000 euros. Neste caso, búscase aumentar a diversidade e a resiliencia contra o lume no alto da Peneda, no terzo que se atopa no Concello de Redondela, repoboando con diversas especies, favorecendo que co tempo a zona poida amosar un mosaico de especies autóctonas: sobreiras, rebolos, carballos, castiñeiros, acivros, bidueiros, espiños e érbedos.

Os traballos contan coa colaboración, igual que o pasado ano, das empresas ‘Xirela, servizos técnicos e obras do rural’ e ‘Maquinaria Agrícola Carpintero’. A actividade está aberta á veciñanza e ás persoas voluntarias que queiran achegarse. Só é preciso, na medida do posible, levar un legón e lubas. Con estas xornadas de plantación, a comunidade de montes trata de achegar á cidadanía a experiencia de participar no mantemento e coidado da natureza, explicando ademais de xeito didáctico as accións de mellora que se están a desenvolver no monte do Viso.

Etiquetado
Ir a la portada