Forestal

Xornada técnica sobre o nematodo do piñeiro en Lourizán

O Centro de Investigación Forestal acolle este xoves unha sesión dirixida a informar ó sector forestal sobre as fórmulas de combate da praga, xa detectada no sur de Galicia

Campo Galego 23/11/2016 2:55 p.m.

O nematodo do piñeiro, unha praga moi extendida en Portugal e xa detectada en dúas ocasións no sur de Galicia, nas Neves e en Salvaterra de Miño, é unha das grandes preocupacións do sector forestal galego no medio prazo. O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán acollerá mañá unha xornada técnica adicada a explicar as fórmulas de combate do nematodo, así como as perspectivas da praga na península.

En concreto, as charlas abordarán cuestións como a posible tolerancia ao nematodo por parte dalgunhas familias de piñeiro do país (Pinus pinaster), o manexo do insecto vector Monochamus galloprovincialis ou as medidas que está a adoptar Medio Rural en Galicia.

Entre os relatores das xornadas estarán o propio director de Lourizán, Enrique Martínez, a xefa de sección de Investigación e Mellora Silvícola do centro, Raquel Díaz, así como expertas alleas ao CIF. É o caso de Adela Abelleira e Rosa Pérez, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, e de Estela Sánchez, doctora do Instituto Universitario de Xestión Forestal Sostible de Valladolid.

Por último, para explicar as medidas levadas a cabo pola Xunta de Galicia para a erradicación e control do nematodo da madeira do piñeiro, intervirá o xefe de servizo de Sanidade e Produción Vexetal, Víctor Novo.

A actividade comezará ás 9 da mañá e rematará ás 14.45 horas. A asistencia é gratuíta, pero cómpre inscribirse previamente a través do correo electrónico infolourizan.mr@xunta.gal.

Máis información
- Programa completa da xornada

Etiquetado
Ir a la portada