Forestal

Xornada sobre orientación laboral e emprego na enxeñaría forestal en Galicia

04/02/2023 4:50 p.m.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC de Lugo acollerá este luns 6 de febreiro, unha xornada sobre orientación laboral e emprego no ámbito da enxeñaría forestal, promovida polo Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia (COETFG). A xerente do órgano colexiado, Patricia González Pereiró, abrirá a sesión, ás 10.00 horas, na Sala de Xuntas do centro universitario lugués, cunha presentación das actividades e dos cometidos que desenvolve o COETFG.

A exposición de experiencias, a cargo dos enxeñeiros e enxeñeiras técnicas forestais, tal e como é o caso da secretaria do COETFG e consultora en Bioeconomía, Mercedes Rois Díaz; Fernando Enjamo Gándaras, da consultaría Sortegal; Tais Landeira Fernández, da consultaría Tenzas, Enxeñaría e Asesoramento Legal, e da responsable de Produción en Galicia da compañía Navigator, Mónica López González, dará continuidade á xornada, que rematará cunha quenda aberta de preguntas.

Etiquetado
Ir a la portada