Madeira

XII Xornadas de Arquitectura e Deseño promovidas polo Clúster da Madeira

Campo Galego 06/07/2023 2:56 p.m.

O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica e o patrocinio das empresas Maderas Rubén, Molduras del Noroeste, Senssia e Grupo Siero, celebra este venres 7 as XII Xornadas de Arquitectura e Deseño, que terán lugar a partir das 09:30 horas no Auditorio Xosé Neira Vilas, na Cidade da Cultura, en Santiago.

O deseño é unha ferramenta fundamental no proceso de innovación, tanto na parte da propia definición do produto como na súa comunicación e aceptación polo mercado. Da man de arquitectos, deseñadores, ebanistas e empresas do sector abordarase a importancia do deseño na construción e edición de produto, coa mirada posta no mercado e o consumidor final.

Os arquitectos Pablo Falcón e Ángel Santorio, e o ebanista e artesán Ángel Otero, compartirán cos asistentes as súas experiencias profesionais co emprego da madeira. Ao termo das exposicións, celebrarase unha mesa de debate á que se sumarán as empresas asociadas ao Clúster, Cándido Hermida e Galopín Playgrounds para achegar a visión industrial. O debate, moderado pola arquitecta María Fernández, estará aberto a todos os asistentes. Pódese consultar neste documento o programa.

Etiquetado
Ir a la portada