Forestal

Xestión da biodiversidade no monte: propostas para unha ordenación razonable (I)

O manexo sostible do monte pasa por un maior uso das frondosas caducifolias, que teñen unha oportunidade nas franxas de protección contra os incendios, arredor de núcleos de poboación e nos laterais das estradas. Tamén na zona de dominio público de 15 metros dos cauces fluviais

Eloi Rodríguez * 05/02/2021 7:12 p.m.

A promoción da biodiversidade na xestión forestal é unha ferramenta básica para a conservación dos montes. Fronte a un excesivo uso de monocultivos, de interese extractivista, existe a posibilidade dun manexo máis sustentable que rache as actuais inercias.

Un exemplo dunha boa ordenación do monte sería o combinar o emprego de especies de crecemento rápido con barreiras de frondosas caducifolias, a modo de compensación ambiental e en cumprimento da lexislación vixente.

É preciso reflexionar e desenvolver as distintas potencialidades do monte, de cara a resolver algúns dos actuais problemas ambientais. Cómpre apoiar a innovación empresarial e as experiencias que aporten novos valores, así como a participación profesional e veciñal.

[box style="0"]

Ánxela Miguéns, presidenta da comunidade de montes veciñais de Leiro (Rianxo)

“Son necesarias medidas que impliquen ó resto de propietarios do entorno e á Administración para avanzar na rexeneración do monte”

[caption id="attachment_136028" align="aligncenter" width="660"] Ánxela Miguéns, presidenta da comunidade de montes de Leiro (Rianxo).[/caption]

A comunidade de montes de Leiro (Rianxo, A Coruña) viuse con demasiada frecuencia afectada por grandes incendios forestais, unha situación que leva aparellada un forte deterioro ambiental a nivel de biodiversidade e calidade do solo. Ademais, hai especies como o eucalipto que están moi adaptadas á acción do lume, polo tanto vemos como gaña terreo con cada incendio, tendendo a converterse nun monocultivo.

"O incendio do 2019 levou por diante plantacións de piñeiro que foran rozadas e podadas o mes anterior"

Entendemos que se deben levar a cabo accións destinadas a que potenciais lumes forestais que poidan afectar no futuro á nosa comunidade de montes e a outras propiedades teñan o menor impacto posible. Pero a experiencia vén demostrando que coas accións levadas a cabo de forma individual non é posible facerlle fronte a este problema. Sabemos que son necesarias medidas que impliquen ó resto de propietarios do entorno, tanto comunidades de montes como a particulares, e tamén ás Administracións competentes.

O gran incendio forestal acontecido os días 25 e 26 de marzo do 2019 foi o noso punto de inflexión. O lume arrasou un total de 1.192 hectáreas, das cales 155 hectáreas pertencen ó monte comunal de Leiro. Este incendio incluso levou por diante plantacións de piñeiro que foran desbrozadas e podadas no mes anterior.

Os esforzos que realizamos durante anos por manter libres de carga combustible as masas forestais non foron suficientes e o lume transformounas en cinzas en poucas horas.

"No monte poden ter cabida tódalas especies, pero de xeito ordenado"

Vemos tamèn que a implicación do resto de propietarios do entorno é fundamental para cambiar esta triste realidade, por tanto, non tardamos en iniciar contactos co resto de comunidades de montes afectadas para promover a creación dunha plataforma integradora para a defensa do monte, en favor da biodiversidade e a sustentabilidade.

A proposta tivo moi boa acollida, e así foi como coa unión de todos fomos quen de crear a “Plataforma pola Defensa do Monte”, que neste momento está constituída por 8 comunidades de montes do concello de Rianxo e a asociación veciñal “Fousas ó Monte”.

A comunidade de montes de Leiro, ademais das accións que acomete de forma conxunta co resto de entidades dende a “Plataforma pola Defensa do Monte”, está realizando outras intervencións que buscan incrementar a capacidade de rexeneración, a biodiversidade e a vitalidade das masas forestais existentes no terreo comunal. Queremos que o monte conxugue as funcións ecolóxicas, económicas e sociais. No monte poden ter cabida tódalas especies, pero de forma ordenada. As claves que perseguimos son:

-Transformar masas forestais constituídas por eucalipto e piñeiro que están próximas a vivendas en masas de frondosas caducifolias.

-Buscar alternativas de colaboración con entidades de decidido compromiso medioambiental para a realización de plantacións nos terreos queimados.

-Realizar accións de voluntariado ambiental.

[/box]

Xosé Carlos Castro García. Axente Medioambiental

"Colaboramos con comunidades de montes concienciadas, que son un bo exemplo para o resto de propietarios"

[caption id="attachment_136037" align="aligncenter" width="660"] Xosé Carlos Castro, nunha franxa de protección contra o lume, no monte veciñal de Taragoña.[/caption]

A planificación preventiva fronte ós lumes convertiuse en fundamental desde a Lei 3/2007 de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais. Dentro desta planificación preventiva, hai diferentes redes de xestión. Unha delas é a rede primaria, que engloba ás autoestradas, autovías e estradas, nas que hai que facer unha xestión da biomasa na zona de dominio público. É unha zona na que non pode haber especies como piñeiros, eucaliptos ou acacias, pois enténdese que presentan maiores riscos en caso dun incendio.

Unha segunda normativa a ter en conta é a Lei 7/2012 de Montes de Galicia, que regula as distancias que deben respeitar as repoboacións forestais con respecto ás vías de comunicación. En autoestradas, autovías e estradas, as especies frondosas caducifolias (carballos, castiñeiros, freixos, etc.) teñen que separarase 2 metros do dominio público, en tanto o resto de especies debe distanciarse 10 metros.

Nas pistas, asfaltadas ou non, cando teñan 5 metros de ancho e mais cuneta, as distancias que teñen que respetar as especies frondosas caducifolias son 2 metros e o resto das especies 4 metros en xeral, e 6 metros nos concellos declarados como de alto risco de incendios forestais.

“Facer cumprir as leis non é tarefa fácil por múltiples razóns, como o minifundio e os erros de Catastro”

Na práctica, facer cumprir estas leis non é tarefa doada e leva o seu tempo, debido a multiples razóns (diferentes administracións implicadas, minifundismo -sobre todo nos concellos costeiros-, catastro desactualizado e non de todo fiable, etc.).

Con todo, nos últimos anos estamos intentando concienciar á xente de que ten que respeitar esas distancias, pois con esas medidas axúdase a frear o avance de posibles incendios e mellora a seguridade para os veciños.

Unha das vías máis áxiles de traballo é a colaboración coas comunidades de montes veciñais por onde pasan este tipo de redes primarias, xa que estas comunidades xestionan moito terreo e ao mesmo tempo, son un moi bo exemplo para o resto de propietarios.

[box style="0"]

Lucía Saborido Sóñora. Presidenta da comunidade de montes veciñais de Araño (Rianxo)

"No monte existe unha economía social máis alá da produción de madeira”

[caption id="attachment_136034" align="alignright" width="320"] Lucia Saborido.[/caption]

A comunidade de montes de Araño (Rianxo) actualizou a súa directiva fai ano e medio. Non temos recursos pero tampouco débedas. Comezamos desde cero con moitas metas e obxectivos, que levaremos a cabo con esperanza e ilusión.

Contamos con máis de 650 hectáreas de terreo para xestionar, das cales actualmente arredor dunhas 50 hectáreas están repoboadas con piñeiro a medio crecemento. Todo o demais está en desuso ou en abandono, a maior parte arboradas por especies como o eucalipto ou masas mixtas deste con piñeiro. Son masas que a pesar de teren xa uns anos, presentan escasos crecementos pola ausencia de silvicultura, co cal non teñen valor comercial.

"As nosas masas forestais presentan escaso crecemento pola ausencia de silvicultura"

O eucalipto vémolo como unha especie máis dos nosos montes que, ben xestionada, sería unha fonte de recursos madeireiros da que abastecerse. Pero a realidade é outra, e estase a converter nun monocultivo en Galicia, tanto polas grandes plantacións e convenios con empresas, como pola súa forma de expandirse naturalmente, incluso despois dos incendios, facendo que diminúa a existencia de calquera outra especie de crecemento máis lento.

No noso monte tamén crecen especies como a acacia, unha praga que temos nos ríos do noso monte e que, ano tras ano, vai colonizando o espazo das frondosas naturais deses lugares.

Para paliar os distintos problemas que temos, estamos redactando un novo Plan de Ordenación, no que seguindo as directrices técnicas, reduciremos o eucalipto ao 15% en todo o monte nos próximos 10 anos. Será unha tarefa difícil, pero ambiciosa ecoloxicamente.

“Reduciremos o eucalipto a un 15% da nosa superficie na próxima década. É unha tarefa difícil pero ambiciosa ecoloxicamente”

Fai falla entender que un monte respira e produce vida, e que a gandería, a apicultura, a produción de cogomelos, as plantas mediciñais ou os froitos son parte da economía social que está soterrada baixo a crenza de que o monte só produce madeira.

Todo isto, unido a un uso sociocultural como o sendeirismo, áreas recreativas ou romarías, danlle ao monte unha xestión produtiva e de conservación que sen querer, xa van unidas. Estes usos do monte poden ademais contribuír a reducir os riscos de incendios.

A comunidade de montes de Araño, xunto con outras comunidades do concello, unidas a través da Plataforma pola Defensa do Monte, xa fixo varias xornadas educativas ultimamente. Estivemos na escola infantil de Asados, participamos nunha xornada de arboricultura e trepa con avistamento de aves e caixas niño, na eliminación de brotes de eucalipto na comunidade de montes de Leiro, visitas a outras comunidades... e temos previstas a plantación de árbores frondosas coa escola infantil de Araño, xornadas micolóxicas, eliminación de invasoras, limpeza de ríos... en canto nolo permita a etapa que estamos vivindo.

Tamén estamos traballando en conxunto coas outras agrupacións da parroquia, como a Asociación de Veciños de Araño, Comisión de festas, ANPA... nun proxecto para dinamizar e pór en valor o patrimonio cultural da zona, algo tan descoñecido como abandonado actualmente.

[/box]

[box style="0"]

Distancias mínimas para novas repoboacións (Lei de Montes de Galicia, Anexo II)

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada