Forestal

Viveros Mañente lanza un eucalipto nitens con resistencias ó fungo ‘Mycosphaerella’

A planta, que se testou en ensaios os últimos cinco anos, tolera máis as secas estivais e o frío invernal, o que a fai atractiva para o interior galego

Campo Galego 29/06/2018 9:47 a.m.

A firma Viveros Mañente está a presentar estes días na feira Galiforest unha gama de eucalipto nitens de folla estreita. Fronte ao habitual eucalipto nitens de folla ancha, esta nova planta salienta por dous aspectos diferenciais. É máis resistente ó fungo ‘Mycosphaerella’ e está máis adaptada ás secas estivais e ao frío invernal, o que a fan atractiva para zonas do interior das provincias da Coruña e Lugo, segundo explica o responsable da empresa, Enrique Candía.

Mañente estivo testando o eucalipto nitens de folla estreita os últimos cinco anos e decidiuse a lanzalo este ano ao mercado tras constatar os resultados. “En eucalipto nitens, nalgunhas zonas estanse a rexistrar problemas polo fungo ‘Mycosphaerella’, que fai caer as follas xuvenís e reduce o crecemento da planta os primeiros anos. Co eucalipto nitens de folla estreita resolvemos en boa medida ese problema, polo que é interesante para áreas nas que se producen defoliacións de eucalipto pola Mycosphaerella”, destaca Candía.

[caption id="attachment_68783" align="alignright" width="300"] Planta de eucalipto nitens de folla estreita.[/caption]

Outra das vantaxes da nova planta na que incide Viveros Mañente é a súa maior resistencia ao frío invernal e ás secas estivais. “Decantámonos por unha procedencia distinta ás que se usan habitualmente no eucalipto nitens buscando precisamente este comportamento, que a planta resistira mellor que o eucalipto nitens de folla ancha en circunstancias de secas estivais e de frío invernal. É tamén un rasgo que contrastamos en ensaios os últimos cinco anos e que fan que esta planta sexa de interese para zonas do interior das provincias da Coruña e Lugo”, valora Enrique Candía.

En canto ao impacto da praga do gorgullo, Mañente sinala que na actualidade non hai ningunha variedade tolerante ó ‘Gonipterus’. “Afecta a eucalipto globulus e a eucalipto nitens de folla ancha e de folla estreita, se ben, como xa se sabe, o gorgullo ten maior preferencia polo globulus”, apunta. En zonas de alto impacto, a única solución pasa pola loita biolóxica contra a praga.

Etiquetado
Ir a la portada