Forestal

Vintedous concellos de Pontevedra contan con árbores catalogadas como senlleiras

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro está a traballar na actualidade na clonación da coñecida 'Figueira do Meco', do Grove, un exemplar popular con máis dun século de antigüidade

Campo Galego 14/04/2017 9:45 p.m.

O catálogo de árbores senlleiras da provincia de Pontevedra está formado por 47 exemplares e nove formacións arbóreas que son consideradas ‘reliquias botánicas'. Todas elas, de 38 especies distintas, caracterízanse por presentar valores como o paisaxístico, o ornamental, o cultural ou o científico.

Son 22 os concellos da provincia que teñen no seu territorio algunha árbore senlleira, segundo os datos da Deputación de Pontevedra. Os máis destacados polo seu número son o de Pontevedra (12 pezas), A Estrada (7), Redondela (6), Vilagarcía de Arousa (5) e Soutomaior (4).

Pola súa antigüidade son relevantes a sobreira de Balboa, na Estrada, que ten unha idade estimada de 500 anos e chega a unha altura de máis de 20 metros; o buxal de Pazo de Oca (400 anos); a sobreira do Pazo de Valiñas (250-500 anos); o carballo da capela de Santa Margarida (500-800 anos) ou as oliveiras do cemiterio de Adina, en Padrón, cuns 250 anos aproximadamente.

[caption id="attachment_43736" align="alignright" width="229"] Figueira do Meco.[/caption]

Figueira do meco
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) -dependente da Deputación de Pontevedra- realiza o seguimento fitopatolóxico de moitas das pezas senlleiras da provincia e do resto de Galiza. A día de hoxe, os técnicos están a traballar na clonación da coñecida como ‘Figueira do Meco', unha árbore de máis de 100 anos situada nunha fenda entre dous penedos do Monte da Siradella (O Grove). O proxecto, iniciado pola comunidade de montes San Martiño, busca acadar tres réplicas e así manter unha coñecida lenda ligada coa árbore, que se remonta ós séculos XV e XVI.

Esta lenda, que ten como protagonista a un cura da vila do Grove, foi recollida polo Pai Sarmiento e conta que o relixioso era un mullereiro, libertino e larpeiro que exercía o dereito de pernada. Esta situación levou a que un grupo de mulleres, segundo se conta, o aforcaran, colgándoo da figueira do Monte Siradella. Dende entón a lenda di que a árbore dá figos vermellos que “levan o sangue do meco”.

Máis información
- Mapa das árbores senlleiras da provincia de Pontevedra (Pdf)

Etiquetado
Ir a la portada