Forestal

Vintecinco concellos de Pontevedra solicitan as axudas da Deputación para parques forestais

O organismo provincial anuncia que abrirá unha segunda convocatoria este ano, xa que parte das localidades interesadas non deron resolto en prazo os trámites necesarios

Campo Galego 24/06/2017 12:46 p.m.

O primeiro ano da liña de axudas para a creación de parques forestais en montes veciñais de Pontevedra está a saldarse cunha boa acollida. Vintecinco concellos presentaron solicitudes ás subvencións postas en marcha pola Deputación de Pontevedra. O obxectivo da iniciativa é crear parques forestais de uso público con fins recreativos, de prevención de lumes e tamén produtivos.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou que o organismo provincial abrirá este ano unha segunda convocatoria para a creación de parques forestais nos montes da provincia. Segundo explicou, hai moitos concellos que mostraron interese nas axudas ofrecidas pola institución provincial para a mellora dos montes, mais “non deron resolto en prazo os trámites necesarios para presentar as súas solicitudes”, polo que a intención é darlles unha segunda oportunidade.

Lista de solicitantes
A convocatoria da Deputación aberta en abril e pechada o pasado 5 de xuño reuniu 25 peticións por parte de 11 concellos da provincia, unha cifra que Mosquera considerou “bastante elevada”. Presentaron propostas os municipios de A Illa de Arousa para Monte Palmeira; Arbo para Bouza de Miguel; Arbo e As Neves para a Serra de San Fins; Cangas para Carballeira de Coiro, Montes de Varalonga e Montes de Massó-Liméns; Cerdedo-Cotobade para Carballedo e Tomonde; Forcarei; Fornelos de Montes para Freaza e río Barragán; Mondariz para A Lagoa e Montes de Gargamala; Oia para o monte de Santa María de Oia; Ponteareas para A Picaraña, San Cibrán-Muiños de Couso, e Seixiforna-Viveiro; así como Vilaboa para Santa Cristina de Cobres. A suma económica das solicitudes chega aos 789.569,65 euros dos 1,2 millóns de euros dispoñibles.

Segundo manifestou o vicepresidente, nos últimos meses, coa primeira convocatoria para a creación dos parques forestais detectáronse dúas cousas “obvias”: A primeira é que “había interese” nas posibles axudas para os montes, e a segunda é que, a pesares de que os concellos estaban informados de que se ían conceder subvencións, “os trámites para poder presentar toda a documentación requirida son demasiados lentos”.

Neste sentido, Mosquera lembrou que era necesario un acordo da comunidade de montes para a cesión dos terreos aos concellos (por parte da directiva e da asemblea de comuneiros) e tamén a autorización da Xunta de Galicia, cuestión que por si soa “pode tardar meses”, dixo, entre outras cuestións.

A petición da axuda e a xestión dos parques forestais corresponde ós Concellos para garantir o seu uso público, pero a propiedade dos terreos mantense nas comunidades de montes veciñais.

Etiquetado
Ir a la portada