Desenvolvemento rural

Ventonoso, preocupado pola “indefensión” dos propietarios ante 18 novos parques éolicos

O colectivo considera que se está primando o interese das empresas e ve “pobre” a execución en Galicia de 400 novos megawatios de enerxías renovables, tras as expectativas levantadas nas poxas enerxéticas do Goberno central

Campo Galego 22/12/2017 11:11 a.m.

En Galicia haberá 18 novos parques eólicos en funcionamento o 31 de decembro do 2019. Son instalacións todas elas que se benefician das poxas de enerxías renovables do Goberno central e que teñen ese prazo marcado para a súa execución. De non estar en marcha nesa data, perderán a fianza depositada e o prezo mínimo que teñen garantido para a venda da súa enerxía. Ventonoso, un colectivo que asesora ós propietarios rurais nas negociacións coas empresas eólicas, amosa a súa preocupación pola celeridade do proceso de implantación dos parques.

Para axilizar os trámites dos novos parques eólicos, que suman 409 megawatios, a Xunta declarou onte os proxectos “de interese especial”, unha figura recollida na Lei de Implantación de Iniciativas Empresariais que, entre outras cuestións, permite reducir á metade os prazos da tramitación administrativa. Con esa decisión, reduciranse os prazos de alegacións e facilitarase a expropiación de terreos.

"O proceso de tramitación dos parques beneficia claramente ás empresas, pero haberá que ver en que perxudica ós galegos" (José Antonio Diéguez)

O proceso preocupa a Ventonoso. “Estamos ante unha tramitación que prima os intereses empresariais, pero haberá que ver en que perxudica ós galegos” -cuestiona o responsable de Ventonoso, José Antonio Diéguez.- “As negociacións que están en marcha para implantar estos parques son claramente á baixa e atopámonos con situacións de indefensión dos propietarios. Por exemplo, os propietarios poden asinar un contrato para a implantación de muiños dunha determinada potencia, poñamos 2 megawatios, e que logo a empresa instale muiños de 3-4 megawatios, sen que o propietario poida reclamar”.

Reactivación eólica
Os novos parques eólicos, promovidos por firmas como Gas Natural Fenosa, EnerGreen Power, Capital Energy, EDP, Greenalia ou Norvento, suman un total de 409 megawatios e ubicaranse principalmente nas provincias de Lugo e Coruña. Son os primeiros parques que se construirán en Galicia nos últimos oito anos, pero esa reactivación do sector é considerada pobre por Ventonoso.

“Logo das poxas enerxéticas do Goberno central, había adxudicados 2.320 megawatios a empresas que operan en Galicia, polo que esperábanse máis proxectos para a comunidade, pero só un 18% deses megawatios instalarase finalmente aquí”, sinala José Antonio Diéguez.

A Xunta anunciou onte que esperaba a posta en marcha de novos proxectos, ata sumar un máximo de 600 megawatios, moi por baixo en todo caso das expectativas apuntadas por Ventonoso. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, incidiu tamén en que os novos parques eólicos non contarán con primas para a súa posta en marcha, se ben Ventonoso considera esa aseveración unha falsedade. “Son parques que teñen un prezo mínimo garantido pola Administración, con fondos públicos, para a venda da súa enerxía”, explica José Antonio Diéguez.

Etiquetado
Ir a la portada