Leite

Vendidas 55 reses frisoas e cachenas nunha poxa da Granxa Gayoso Castro

O prezo máis alto pagado foi de 3.150 euros por unha vaca frisoa

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 02/08/2021 9:13 a.m.

A Deputación de Lugo vendeu por máis de 50.000 euros as 55 cabezas de gando bovino da Granxa Gayoso que presentou en poxa pública. A institución provincial vendeu 28 frisoas e 27 cachenas a través deste procedemento de concorrencia, que tivo lugar nas propias instalacións da Granxa, en Castro Ribeiras de Lea, e que foi a primeira poxa deste tipo que se celebra desde a chegada da pandemia.

O prezo máis alto pagouse por unha vaca frisoa, pola que abonaron 3.150 euros. Da raza cachena, a poxa máis elevada foi a dunha vaca con cría ao pé, pola que chegaron a pagar 1.410 euros. Entre os exemplares máis cotizados, un macho pinto polo que pagaron 2.600 euros.

A poxa foi en vivo, a man alzada, e con sistema ascendente, de xeito que comezou por un prezo de saída que se foi incrementando a través de sucesivas poxas, en tramos de 10 euros, ata que quedou un único participante, ao que se lle adxudicou o exemplar interesado ao prezo de remate ou prezo da última poxa realizada polo mellor ofertante. En total participaron máis de 25 persoas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Os prezos de saída variaron en función das características dos exemplares. O prezo de saída máis baixo foi de 105 euros e o máis alto, de 705 euros.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada