Leite

Valoración dos sindicatos: “As medidas da Xunta están ben pero non se soluciona o problema dos prezos”

Os sindicatos consideran positivas as medidas anunciadas pola Consellería para inxectar liquidez nas explotacións lácteas pero botan en falta solucións para o prezo do leite

Loading ad.
Ad could not be loaded.
31/07/2015 6:43 p.m.

Valoración coincidente das tres principais organizacións agrarias en valorar como positivas as medidas presentadas esta mañá pola Consellería para inxectar liquidez nas explotacións pero tamén en que non se está a dar solucións urxentes para as explotacións que están a cobrar o leite a 20 e a 18 céntimos o litro.

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, insiste en que “o fundamental sería a recuperación do prezo do leite, e aí non houbo avances, como tampouco os houbo na eliminación dos contratos lixo nin na persecución por parte da Administración das poxas de leite por parte da distribución a baixo prezo, incluso a 37 céntimos”.

Respecto, ás dúas ordes para inxectar liquidez anunciadas pola Consellería, Isabel Vilaba, considera que “son medidas positivas, pero moi parciais, porque o problema está no prezo”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

ASAJA-Galicia: “A industria comprometeuse a incorporar aos gandeiros que están en mans de primeiros compradores”

Pola súa parte, Francisco Bello, secretario xeral de ASAJA-Galicia, valorou como “o máis importante que a industria comprometeuse a incorporar nos próximos días aos gandeiros que están en mans de primeiros compradores, que son os que padecen os peores prezos e que deste xeito mellorarían a súa situación”.

Igualmente, Francisco Bello salientou a petición que se lle trasladou ao Ministerio e á Consellería para que “investiguen se é legal a entrada de cisternas e leite envasado procedente de Portugal a prezos anormalmente baixos e que está a distorsionar o mercado”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Unións Agrarias: “non se solucionan os problemas de fondo”

Máis crítico se amosou o responsable de Gandería de Unións Agrarias, Javier Iglesias, para quen “non houbo nada novidoso”, aínda que si recoñeceu “un cambio de actitude por parte da Administración e dunha parte da industria, que empezan a recoñecer a gravidade da situación”.

Respecto ás medidas da Consellería para inxectar liquidez nas explotacións lácteas, Javier Iglesias considera que “son medidas interesantes, pero que non resolven o problema de fondo das 2.500 explotacións que están a cobrar a entre 18 e 22 céntimos o litro dende o mes de abril e ás que se non se lles busca unha solución urxente están abocadas ao peche”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Por último, o responsable de Gandería de Unións Agrarias amosou as súas dúbidas do compromiso da industria de recoller o leite ás ganderías que están en mans de primeiros compradores. “É o mesmo compromiso que tiveron coa conselleira no mes de xuño nunha reunión en Lugo de non deixarlle de recoller o leite ás explotacións”, concluíu.

De aquí ao día 18 de agosto, as organizacións agrarias acordaron co secretario de Agricultura do Ministerio enviarlle as súas propostas para solucionar a crise de prezos das explotacións lácteas. Mentres tanto, a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego inicia mañá en Santa Comba unha calendario de mobilizacións polas principais comarcas gandeiras de Galicia en demanda de medidas urxentes e a medio-longo prazo por parte da Administración.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada