Desenvolvemento rural

Unións pide a extensión ó rural do transporte gratuito para xente nova

A organización agraria cuestiona que a Xunta implantara bonificacións só nas áreas metropolitanas das grandes cidades

Campo Galego 17/10/2016 6:45 p.m.

A posta en marcha dunha tarxeta para que as persoas de ata 18 anos viaxen gratis no transporte metropolitano ten o seu envés no rural. Unións Agrarias cuestiona que a Xunta implantara bonificacións só para o entorno das grandes cidades, pero non para a xente que vive en vilas e aldeas. A organización demanda a extensión ó rural da gratuidade do transporte en autobús para as persoas de ata 18 anos.

A tarxeta 'Xente nova', posta en marcha pola Administración autonómica, permite facer ata 60 viaxes ó mes a un custo de cero euros nas viaxes interurbáns realizadas dentro do ámbito do Plan Metropolitano de Galicia. Unións Agrarias considera que a limitación do proxecto ó entorno das grandes cidades supón unha “discriminación” para o medio rural.

Desde a organización agraria inciden en que é habitual na UE que se discrimine positivamente ás persoas que vive no medio rural, pois enténdese que son un activo estratéxico para o mantemento de cultura, diversidade económica e medioambiente. “En Galicia, a tendencia é xusto a contraria” -critican- “Os recortes en servizos públicos como educación e sanidade de proximidade tradúcense en que os habitantes de vilas e aldeas se manteñan como galegos e galegas de segunda”.

Ir a la portada