Desenvolvemento rural

Unións denuncia atrasos no pago das axudas dos plans de mellora

10/05/2020 5:59 p.m.

A organización Unións Agrarias denuncia retrasos no pago das axudas dos Plans de melloras para as explotacións que teñen cumpridas todas as certificacións do seus expedientes desde o mes de outubro.

“Unha situación que reviste especial gravidade tendo en conta que na maioría dos casos se corresponde con solicitudes feitas en zonas de montaña e desfavorecidas de Lugo e Ourense”, advirten dende UUAA.

Do mesmo xeito, alertan de que “moitos dos mozos e mozas que se acolleron a liña de apoio á incorporación de xente nova ás explotacións seguen sen recibir os fondos imprescindibles para arrancar o seu traballo á fronte das explotacións”.

Unións Agrarias lembra que o Goberno galego se comprometera no inicio da crise da Covid-19, a adiantar todos os pagos pendentes para favorecer a liquidez dos produtores, polo que os gandeiros adiantaron pagos para tramitacións e licenzas co fin de acollerse aos citados fondos. “Por iso non se entende a actitude de bloqueo dos fondos por parte dos funcionarios da Intervención Xeral da Xunta de Galicia nun momento dramático como o actual”, critican dende a organización agraria.

Neste sentido, en Unións Agrarias lembran que “a media de investimento por explotación nos plans de mellora é de 150.000 euros, co que iso supón na economía local”. “E tampouco hai que esquecer -subliñan- que por cada 3 euros públicos que reciben, os gandeiros teñen que poñer 7 a maiores, e que, por riba, destes 3 euros postos pola administración galega o 75% proceden de fondos europeos”.

Etiquetado
Ir a la portada