Desenvolvemento rural

Unións considera “outro pau de cego” da Consellería as axudas polos danos do xabarín

18/07/2016 6:10 p.m.

O sindicato Unións Agrarias considera “tardía” a liña de axudas convocada a semana pasada pola Consellería de Medio Ambiente para paliar os danos do xabarín nos cultivos agrícolas. “As axudas non van cubrir os danos xustificados e documentados desta campaña anteriores ao 15 de xullo”, advirten dende a organización agraria.

Neste sentido, dende UAA consideran que esta liña de axudas é “un pau de cego máis nunha deriva da Consellería de Medio Ambiente, que se amosa incapaz de coordinar cos seus Servizos Provinciais, os Tecor e as organizacións de agricultores e gandeiros, unha estratexia seria para o control deste problema”.

En concreto, dende Unións insisten “na necesidade de controlar as poboacións de xabaril durante a temporada de caza, esixindo de cada TECOR a asignación e cumprimento dun cupo real de animais que estabilice as mandas de xabarís nas zonas de responsabilidade de cada Tecor”. E iso débese complementar, a xuízo do sindicato, “con intervencións decididas de control de danos durante a época de veda, que coincide cos períodos máis sensibles dos principais cultivos agrarios do noso país, como o millo forraxeiro”.

Necesidade de reformar a Lei de Caza de Galicia para darlle máis seguridade aos cazadores

Para isto último, Unións valora que “os cambios legais na Lei de Caza de Galicia na forma de autorización e de facer as esperas, son unha reforma fundamental, pois non son unha actividade de caza deportiva senón de actuacións técnicas de control de danos, e como tal deben de estar previstas na lexislación, de forma que se poidan facer de forma segura para os cazadores e eficaz na prevención de danos”.

Por último, dende a organización agraria defenden que “é precisa unha liña de axudas realista, pactada co sector, e dentro do normal funcionamento do Fondo de Corresponsabilidade establecido na Lei de Caza de Galicia, e que leva xa tres anos de retraso na súa posta en marcha”.

Etiquetado
Ir a la portada