Leite

“Unha vaca rendible debería acadar máis de 30.000 litros de lactación vitalicia”

Entrevista a José Luis Juaristi, asesor técnico de centros tan destacados como o Rancho Las Nieves ou Granja La Travesía,  que participou recentemente en Santiago de Compostela na xornada técnica de Clun sobre “Explotacións lácteas galegas: visión 2025”

Loading ad.
Ad could not be loaded.
David Glez. Eirexas 12/04/2017 10:13 a.m.

José Luis Juaristi Arrizabalaga é un dos veterinarios de vacún de leite máis prestixiosos de España. Director técnico do Rancho Las Nieves, o maior centro de recría de vacún de leite do país, asesor técnico de Granja La Travesía, é tamén director xeneral de Piensos Muga.

Recentemente participou en Santiago de Compostela na xornada técnica de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), -a integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto- cun relatorio sobre as claves da rendibilidade en vacún de leite. Con el abordamos nesta entrevista cales son estas claves nas que o gandeiro pode incidir para mellorar a rendibilidade da súa explotación.

No teu relatorio na xornada técnica de Clun, insistiches na importancia dun aproveitamento óptimo das instalacións e evitar perder diñeiro. ¿Cales serían as túas recomendacións e cal sería a ocupación óptima, tendo en conta o prezo do leite?
Aos prezos actuais de leite a sobrepoboación nos lotes de muxido debe ser cero. Iso significa un cubículo por vaca, 70 centímetros de pesebre lineal e 10 centímetros de bebedoiro por vaca. No lote de preparto, a miña recomendación é estar nun 80 % de ocupación, con 76 centímetros de pesebre por animal.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

¿Cales son as principais consecuencias da sobrepoboación nunha gandería de vacún de leite?
Por cada 10 % de aumento no censo de gando sobre o 100 % de ocupación, diminúe a produción de leite 0,35 lts, baixa a fertilidade un 10 %, aumentan as coxeiras e diminúe o tempo de descanso e a eficiencia, co que reducimos a marxe bruta por vaca e con iso o beneficio.

¿Poderiamos concluír que o benestar animal é sempre un investimento rendible para o gandeiro?
Si, e o gandeiro sábeo. Todo o que sexa investir en ventilación, cubículos ou camas amplas, pasillos adecuados...etc mellora os resultados e posibilita o permanecer no sector en tempo de prezos baixos.

 “Por cada 10% máis de sobrepoboación no establo, baixa outro tanto a fertilidade”

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Incides tamén na importancia da recría. Moitos gandeiros, sobre todo en Galicia e na Cornixa, séguena facendo na propia explotación. ¿Que erros máis comúns detectas na recría?
A maioría non coñece canto lle custa criar ata o parto unha xovenca, e con esa carencia é difícil poñerse obxectivos. Un dato obxectivo é a idade media ao primeiro parto, que está directamente correlacionado co custo. A media está sobre os 26,7 meses e o obxectivo estaría en ter o 80 % das xovencas paridas no ano con menos de 24 meses.

A segunda debilidade adoita ser a mortalidade durante todo o período de crianza, non hai datos fiables pero os que coñezo están bastante afastados do obxectivo do 4 %.

¿Cales serían a obxectivos clave na recría e as principais medidas para conseguilos?.
Un obxectivo importante é a ganancia media diaria do nacemento ao destete (maior de 800 gramos ao día ), o peso ao parto, que debe ser de máis de 650 quilos, e a altura da grupa, superior a 150 centímetros. A primeira decisión comeza cun plan de pesada, que pode ser con cinta pectoral, e que debe realizarse polo menos ao destete, á inseminación e no preparto, continuando co control do consumo de sustancia seca nos distintos lotes.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Traballando co seu veterinario ou nutrólogo, débense adecuar as racións aos obxectivos desexables e ir corrixindo as desviacións.

“Un obxectivo é ter o 80 % das xovencas paridas no ano con menos de 24 meses”

O periparto concentra o 75% do gasto veterinario da vida dunha vaca. ¿Cales son as claves nas que pode incidir o gandeiro para que o animal supere con éxito esta fase?
Que as vacas cheguen ao secado nunha condición corporal nin gorda nin delgada ( cc 3,25-3,5 ). Se o gandeiro traballa con dous lotes, os primeiros 40 días comerán unha ración voluminosa de baixa enerxía e proteína media.

No preparto aconsello os sales aniónicas, para loitar contra a hipocalcemia subclínica, e elevar un pouco a enerxía e a proteína sobre a ración de vacas secas. En rabaños pequenos é mellor traballar cun só lote de gando seco cuns niveis intermedios de enerxía e proteína.

En granxas problemáticas hai aditivos como a metionina ou o cloruro de colina que poden axudar a superar esta fase delicada.

Na túa opinión, ¿Cales serían as principais características dunha vaca rendible?
Os criterios deben de ser económicos: alta marxe bruta, alta produción de leite por vaca, o máximo leite vitalicio posible, con baixas células somáticas, e leite con altos contidos en graxa e proteína.

E pola contra, ¿Cando se debería tomar a decisión de descartar unha vaca do rabaño e enviala ao matadoiro?
Os gandeiros non o teñen claro e non existe unha posición común en canto aos criterios para enviar unha vaca ao matadoiro. Cada vaca debe analizarse individualmente.

Hai programas informáticos que determinan o valor de cada vaca e as variables que entran na fórmula son: produción de leite actual, días en leite, estado reprodutivo, numero de lactación, custo dunha xovenca de reposición, valor en carne para o desvelle e o valor dun tenreiro lactante recén nado. Cada programa ou cada técnico asigna a cada variable un % de importancia diferente e obtén unha listaxe de maior a menor valor.

Cando teñamos unha nova xovenca que se incorpora ao rabaño, matamos á última da lista se está por baixo do limiar de rendibilidade ( leite producido multiplicado polo prezo do leite - prezo da ración consumida ).

“O obxectivo sería lograr lactaciones vitalicias de máis de 30.000 litros”

Na túa opinión, ¿en España cal debería ser o obxectivo de taxa de reposición e de lonxevidade nas ganderías de vacún de leite?
Para a taxa de reposición non se pode falar dun obxectivo óptimo, pois depende de cada granxa e tanto os valores altos, os medios como os baixos poden ser correctos, se se fan aplicando criterios económicos.

A lonxevidade gústanos medila calculando o leite vitalicio ( é a suma do leite producido por unha vaca desde que pare por primeira vez ata que morre ou a enviamos ao matadoiro ). O obxectivo seria máis de 30.000 litros.

En momentos de prezos baixos do leite a tendencia é a reducir a cantidade de concentrado por quilo de leite. ¿Con que criterios realizarías unha redución do concentrado na ración para evitar que a rendibilidade se poida ver afectada negativamente?
O criterio debe ser medir a marxe bruta e maximizalo, independente da cantidade de concentrado. Os sistemas restritivos ben en concentrados ou en aditivos rendibles, empeoran os resultados respecto da posición inicial.

En España o uso de concentrado en vacún de leite supera os 300 gramos por litro de leite producido. Con todo, en Bretaña a media é de 150 gramos e en Holanda estiman que un gandeiro que supera os 200 gramos por litro entra en situación de risco ou de vulnerabilidade ante as oscilacións do prezo do leite. ¿Cal é a túa valoración a respecto diso?
A resposta esta no punto anterior, en España en moitas situacións a forraxe en proporción aos nutrientes que achega é máis cara que o concentrado e debemos de fixarnos na diferenza entre o que ingresamos por venda de leite e o que gastamos en alimentación (propia ou comprada), considerando o resto de gastos igual en ambos os supostos.

O gandeiro que leve unha contabilidade separada de custos entre a agricultura e a gandería, pode tomar a decisión máis acertada en cada momento e sempre procurar obter a mellor forraxe posible da propia parcela e non depender excesivamente do exterior.

Tamén hai que considerar que no resto de España, fóra da Cornixa Cantábrica e de Galicia, existen moitas explotacións sen base territorial e obteñen unhas altas rendibilidades.

Coa túa ampla experiencia no sector lácteo, ¿Como ves a actual situación das ganderías de vacún de leite en España e cales crees que poderán seguir sendo competitivas nos próximos anos?
O éxito ou o fracaso nunha actividade como a gandería depende moito máis das decisións a nivel de cada granxa: dimensionamiento, confort, manexo reprodutivo, calidade de leite, plans de vacinación, hixiene...etc que do custo da soia, do millo ou o cambio do dólar. Ser eficaz en cada granxa é garantía de permanencia.

¿En que medida importa o tamaño da explotación para sobrevivir no mercado actual?
Importa e moito. Se es moi pequeno e traballas todo con man de obra familiar e se  tes algún salario do exterior, podes resistir calquera situación. Pero as ganderías con man de obra asalariada obrigatoriamente deben de medrar dun 2 a 3 % anual e dimensionarse no tamaño máis grande que as propiedades, terras...etc lle permitan.

 “É necesario levar unha contabilidade separada de custos entre a parte agrícola e a gandeira dunha explotación”

Irlanda, Nova Zelandia e mesmo cada vez máis Holanda apostan polo pastoreo como un sistema de alimentación de baixo custo, rendible e mesmo cada vez máis primado polas axudas da PAC. ¿Deberiamos repensar o modelo intensivo polo que se apostou en España?
Non teño experiencia en modelos de pastoreo, pero en Galicia si se poden aplicar.

Coa túa ampla experiencia no Rancho Las Nieves, a gandería de recría de vacún de leite máis grande de España, ¿Cal é a túa opinión sobre a macrogranxa de Soria?
Opino igual que os compoñentes da mesa redonda da reunión en Santiago de CLUN: se cumpren todas as normativas sanitarias, ambientais e as axudas son proporcionais, a unha iniciativa privada non se lle poden poñer pexas para a súa implantación.

Neste escenario, ¿Que debilidades e fortalezas ves nas explotacións de tamaño mediano, preponderantes en Galicia, para competir no futuro?
As fortalezas véxoas na abundancia de gandeiros novos e con vocación, o clima chuvioso, tépedo , con pouco estrés calórico.

As debilidades veñen pola pequena dimensión media das explotacións, unido a unha carencia crónica de modelos de cooperativismo que funcionen. Hai que apostar por modelos que se xunten para producir mellor e máis barato  e que comercialicen todo,  sobre a mesma cadea.

¿Algo máis que queiras engadir?
Moitas grazas a todo o equipo organizador das xornadas Técnicas de CLUN e felicitar unha vez máis ás cooperativas fundadoras e desexarlles moita sorte no futuro inmediato.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada