[caption id="attachment_145354" align="aligncenter" width="660"]
O cociñeiro Yayo Daporta e dono do restaurante que leva o seu nome, situado en Cambados, foi o encargado de realizar a última acción da Aula Gastronómica Galicia Calidade que este martes se desenvolveu no IES de Foz. Ante unha ducia de alumnos de primeiro curso de Dirección de Cociña, o restaurador pontevedrés elaborou un menú baseado nos principios básicos do seu facer gastronómico: o bo gusto e o sentido común que dan lugar a unha cociña tradicional, innovadora cun toque emocional e da terra.
Trala benvida feita polo director do IES, Nicolás Asensio Nogales, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destacou que esta acción culmina a rolda iniciada en abril no IES Compostela de presentación e divulgación dos produtos e cociñeiros avalados por Galicia Calidade entre o alumnado dos centros da Comunidade nos que se estuda a rama profesional de Hostalería e Turismo.
A iniciativa pretente divulgar entre os novos cociñeiros os produtos e restauradores avalados por Galicia Calidade
“Estamos seguros de que os futuros cociñeiros de Galicia serán quen de levar a nosa marca nos seus proxectos a afianzala aínda máis como referente da excelente gastronomía que se fai en Galicia grazas aos produtos de calidade cos que contamos”, asegurou Alfonso Cabaleiro.
A Aula Gastronómica Galicia Calidade celebrouse no CIFP Compostela, en Santiago de Compostela, coa restauradora Lucía Bretal; o CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra, coa cociñeira María Varela; o CIFP Manuel Antonio, en Vigo, con Iñaki Bretal; o IES Vilamarín, con Héctor López; o IES de Pontedeume, con Adrián Felípez; o CIFP Paseo das Pontes da Coruña, con Xoán Crujeiras e o IES de Foz, con Yayo Daporta.
Máis de 600 produtos certificados por Galicia Calidade
As empresas de Galicia Calidade que participaron na acción foron Terras da Mariña, Puerto de Celeiro, Pementos Carmucha, A Pementeira, A Rianxeira, Pazo de Anzuxao e Feiraco
O menú proposto por Yayo Daporta consistiu en fabas de Lourenzá estofadas con cocochas de merluza ao pil-pil, navallas ao natural, canelón de tartar de navalla e pil-pil de pescada de Celeiro. Tamén elaborou este excelente peixe ao vapor acompañado de moluscos e ameixas ao natural; crema de pementos de Herbón e xarda ou xurelo mariñado e asado, espaguete mariño e pan de millo. Finalmente, Yayo Daporta propuxo unha mousse de queixo de Arzúa e marmelada de pementos de Herbón.
Traxectoria profesional
Yayo Daporta leva 16 anos á fronte do seu restaurante, aberto na rúa Hospital de Cambados, que rexenta xunto coa súa irmá Esther. O seu bo facer valeulle unha Estrela Michelin, ademais do recoñecemento de Galicia Calidade.
Yayo Daporta procede dunha familia de arraigada tradición no cultivo de marisco da Ría de Arousa, é defensor dos produtos autóctonos galegos e conta cunha estrela Michelín
O chef cambadés estudou na Escola de Hostalería de Santiago de Compostela e traballou máis tarde en Casa Solla, onde empezou a sentir curiosidade pola cociña de vangarda e o achegou á súa verdadeira vocación. Tamén se formou nos restaurantes Alejandro, de Almería, e El Amparo, de Madrid. Yayo Daporta é un auténtico defensor dos produtos autóctonos de Galicia, especialmente do marisco, xa que procede dunha familia de arraigada tradición no cultivo de marisco da Ría de Arousa.