Noticias de empresa

Un servidor cartográfico web permitirá optimizar os cultivos de cereais

31/07/2020 8:16 p.m.

O Grupo Operativo AGROTIG, no que participa a Asociación Agrariade Galicia, foi creado en 2016 ao abeiro da primeira convocatoria de formación de grupos supra-autonómicos do Ministerio de Agricultura.

Xunto á nosa asociación, integran este Grupo Operativo a empresa de base tecnoloxica Complutig e ASAJA Ávila. Ademais, participan no proxecto outras institucións colaboradoras coma é o caso do CSIC, a Universidade de Alcalá de Henares, a Confederación Hidrográfica do Duero ou Asaja Córdoba.

O obxectivo principal do proxecto de innovación que se desenvolve no marco deste Grupo Operativo é o de desenvolver unha ferramenta, en forma de servidor cartográfico web, para realizar o seguimento de cultivos de cereais mediante teledetección, coa finalidade de optimizar o uso de insumos e mellorar así a produción.

A ferramenta pon particular énfase na fertilización. Deste xeito, axuda a determinar cando e onde se deben aplicar fertilizantes nas explotacións. Cando estea implementada completamente, permitirá un aforro de custos ao racionalizar o uso de fertilizantes e ao optimizar a produción de gran.

Ademais, a reducción no emprego de fertilizantes supón unha mellora ambiental e axuda a minimizar os efectos dos nitratos sobre os acuíferos.

Ferramenta aberta

Dende AGROTIG, trabállase tamén para procurar que as solucións deseñadas sexan económicas co fin de que o financiamiento do servizo non recaia nos agricultores. Os promotores queren que a ferramenta sexa aberta e que calquera labrego poida acceder á cartografía dos seus predios e obter informes sobre a evolución dos seus cultivos.

Neste sentido, realizarase un asesoramento personalizado durante o primeiro ano de probas do proxecto a cargo dos técnicos de Asaja Ávila e do persoal da Asociación Agraria de Galicia. Empregaremos, ademais, drons para axudar a interpretar os datos.

Posibilita a mellora de produción e a optimización do uso de insumos

O obxectivo é que a aplicación web sexa o máis intuitiva posible, tipo SIGPAC, e que os usuarios poidan acceder a ela incluso dende un teléfono móbil a través do que ver imaxes recentes dos seus cultivos.

Para sacarlle o máximo proveito, a información e o asesoramento pode achegarse de xeito individualizado, adaptando as prescricións ás circunstancias de cada terreo e de cada agricultor.

A meirande parte das ferramentas similares que existen no mercado xeran, a partir de imaxes aéreas captadas por satélites ou drons, indicadores relativos cos que se cartografía a variabilidade da parcela.

En cambio, o enfoque de AGROTIG é radicalmente distinto xa que xera información e cartografías en parámetros físicos, medibles e certificables no propio predio, tales como a cantidade de clorofila ou o nitróxeno por hectárea e, mesmo, o indicador da biomasa do cultivo.

Valor diferencial

Xunto a isto, un dos valores diferenciais da plataforma que AGROTIG está a desenvolver radica en que pode supor un apoio para a mellora ambiental das prácticas agrarias.

Así, baixo un potencial escenario de cambio lexislativo o seu emprego pode favorecer que os usuarios capten axudas destinadas a promover boas prácticas ambientais.

Os potenciais usuarios desta ferramenta, fundamentalmente agricultores, terán a oportunidade de forma gratuita o aforro que o seu emprego lle pode supor unha vez esta estea completamente implementada.

Etiquetado
Ir a la portada