Un novo método de extracción de resina en piñeirais, primeiro premio no Concurso de Innovación de Galiforest

01/07/2022 9:45 a.m.

Un método de extracción de resina para masas de piñeiro con fins produtores de madeira e obtención de resina de alta calidade, presentado por Sinerxias Sostibles Resinforest (Foresin), conseguiu o primeiro premio no Concurso de Innovación Tecnolóxica da feira forestal Galiforest 2022, que se leva a cabo desde este xoves ata o sábado no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

Este proxecto de innovación do Grupo Operativo Acrema persegue mellorar a produtividade das masas de ‘Pinus Pinaster’ e ‘Pinus Radiata’ mediante a integración dun aproveitamento de resina innovador que permita obter bioprodutos de alto valor engadido como complemento á produción de madeira de calidade, ao mesmo tempo que se mantén a sustentabilidade da masa.

Neste Concurso de Innovación tamén se concederon dúas mencións. Unha delas foi para a solución intelixente Timbermatic Maps e Timbermanager, que permite aos operadores e contratistas ver o progreso da explotación forestal en tempo real, podendo saber en todo momento a evolución dos traballos, canta madeira hai cortada e canta hai para sacar, o que facilita a organización e loxística. Foi presentada pola empresa Guifor.

A outra mención recaeu no cabezal talador direccional IGSA TCD 400, presentado por Industrias Guerra, o cal permite aumentar a produtividade reducindo custos. Con dimensións e peso reducido, está orientado para montar en pequenas máquinas sobre rodas e facilitar así o desprazamento, ademais de contar coa posibilidade de orientar o cabezal marcando a dirección do talado e mantendo a máquina fixa.

https://www.campogalego.gal/galicia-ten-un-potencial-incrible-para-o-resinado-de-pineiros-agora-toca-asentar-bases-para-medrar/

Ir a la portada