Leite

Un informe prevé un reequilibrio entre oferta e demanda de leite no 2016

Rabobank pronostica que os baixos prezos frearán o aumento da produción, de xeito que se reducirán os excedentes, en tanto mellorarán as compras a nivel internacional

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 12/10/2015 1:45 p.m.

O mercado internacional do leite experimentará unha mellora progresiva ata mediados do 2016, segundo as previsións do último informe de Rabobank. O servizo de investigación agroalimentario da entidade pronostica un reequilibrio entre oferta e demanda, un escenario que melloraría ó longo dos próximos meses as perspectivas mundiais de prezos.

A situación actual que describe o informe está marcada polo inicio da recuperación das cotizacións dos produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga, soros, etc.), tras uns meses á baixa. Rabobank apunta que a produción de leite estivo a expandirse a máis velocidade que a demanda ó longo do 2015, unha situación que agarda que mude de xeito progresivo.

Redución de excedentes
O posible reequilibrio de mercado, segundo o traballo de Rabobank, chegará por un probable freo á produción de leite, motivada polos baixos prezos, tanto en Nova Zelanda como noutras áreas de exportación. Paralelamente, o informe pronostica unha mellora da demanda e un modesto aumento do consumo nas áreas de exportación. Con estas perspectivas, Rabobank estima que os excedentes exportables reduciranse nun 7% no primeiro semestre do 2016, o que trocará o panorama.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

De todos os xeitos, o mercado internacional seguirá afectado polo veto ruso ós produtos lácteos occidentais e por un mercado chino que se estabilizará pero no que non se agardan crecementos no primeiro semestre do 2016.

Variantes
En relación coas previsións de Rabobank, a situación podería empeorar se continúa a alza a produción na UE, que podería estar animada pola depreciación internacional do euro. Outro factor a ter en conta son posibles fenómenos meteorolóxicos adversos no cono sur, que poderían reducir a produción en países tradicionalmente exportadores e cambiar en sentido positivo o panorama de mercado.

En principio, os analistas de Rabobank calculan que ata mediados do 2016 as cotizacións internacionais do leite en po mellorarán por riba do 50%, en tanto a manteiga experimentará repuntes por riba do 20%. Trátase de macromagnitudes do comercio mundial, pero que deberían ter un impacto a pé de campo nas explotacións lácteas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

[caption id="attachment_16691" align="aligncenter" width="655"] Pronósticos de prezos de Rabobank nos produtos lácteos industriais (Click para ampliar).[/caption]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada