Carne

Un gandeiro do Barbanza suma 26 baixas polo lobo este ano

Na gandería de Daniel Fernández, en Porto do Son, na última incursión matáronlle 3 becerros. Este ano, perderon 18 poldros e 8 tenreiros a causa do lobo. Dende Aperfasa reclaman medidas para controlar a poboación e revisar as axudas por danos

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 20/11/2019 6:35 p.m.

Un novo ataque dos lobos deixou en días pasados tres becerros mortos nunha gandería da comarca do Barbanza, unha zona que está a sufrir repetidas incursións e danos por estes animais. En concreto neste caso, o asalto produciuse nunha finca situada a 30 metros das vivendas do lugar de Castelo, na parroquia de Xuño, en Porto do Son. Na noite do domingo para o luns os lobos mataron 3 becerros de seis meses. “Acabábamos de cambialos ese mesmo día para esa finca logo de que remataran o pasto nunha parcela próxima”, concreta o gandeiro afectado, Daniel Fernández.

Os lobos comeron boa parte de dous dos becerros mentres que o terceiro non chegaron a devoralo. Con estas baixas, o gandeiro suma xa 18 poldros e 8 becerros no que vai de ano por ataques dos lobos na súa gandería. Ademais, teme que esta cifra se incremente en dúas máis posto que está a ter dificultades para localizar dúas xovencas.

Prácticas de bo manexo

O gandeiro denuncia que os ataques se produciron pese a que comezou a incorporar prácticas de bo manexo e prevención para reducir a incidencia dos lobos sobre a gandería. Así, entre outras accións, mantén as vacas próximas ó parto e os animais de destete en fincas próximas ós núcleos habitados. “Non hai peche que lles valga e aínda que estean á beira das casas temos danos igual”, concreta Daniel.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Ante esta situación, dende a Asociación de prexudicados pola fauna salvaxe en Galicia (Aperfasa) reclaman reducir a poboación de lobos da Serra do Barbanza. “Precisamos que lle busquen unha solución porque nesta zona é habitual ver mandas de 4 ou 5 lobos polo monte polo día e estamos a ter moitos danos nas ganderías”, concreta Daniel Fernández, que tamén é membro da directiva de Aperfasa.

Ademais, dende o colectivo reclámanlle á Xunta que axilice os procedementos para tramitar as axudas e revise as contías das indemnizacións, posto que “non se corresponden co valor real que teñen os animais e tampouco se está a contemplar o lucro cesante que supón a perda destes animais para a gandería”, reivindican.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada