Desenvolvemento rural

Ultímase a resolución das axudas de incorporación e plans de mellora do 2020

Medio Rural vén de ampliar o presuposto da convocatoria en 2,4 millóns de euros co obxectivo de aprobar todas as solicitudes que cumpren os requisitos. Proxecta facer a convocatoria do 2021 no segundo semestre

Campo Galego 30/06/2021 2:41 p.m.

Os plans de mellora e axudas de incorporación para persoas mozas que se solicitaron na convocatoria do 2020 resolveranse proximamente, logo de que de Medio Rural ampliase esta semana o presuposto inicial da convocatoria. A Consellería engadiu 2,4 millóns de euros máis, para sumar un total de 43,4 millóns, co obxectivo de aprobar todas as solicitudes xa presentadas que cumpren cos requisitos.

Desde Medio Rural aclaran que a ampliación de crédito da convocatoria, publicada este luns no Diario Oficial de Galicia, motivou que este ano se retrasara a resolución das achegas. Unha vez formalizada a ampliación de presuposto, a Consellería agarda resolver en breve o proceso.

Para o 2021, a Consellería tamén ten prevista a convocatoria de novas axudas, o que fará no segundo semestre cando teña resolta a convocatoria do 2020.

Etiquetado
Ir a la portada