Axudas

Última semana de prazo das axudas para enmendar casos de ‘feísmo’ urbanístico

Estas subvencións permiten rehabilitacións de cubertas, fachadas ou medianeiras, así como a mellora de peches de fincas de gran dimensión. Más de 350 galegos xa presentaron a solicitude

Campo Galego 25/05/2021 9:50 a.m.

Máis de 350 galegos solicitaron xa as axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, convocadas este ano por primeira vez pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. 

O prazo para pedir unha destas subvencións estará aberto ata o vindeiro 31 de maio, polo que todos os interesados en acollerse a estes incentivos poden presentar aínda unha proposta durante os próximos días. Deste xeito, poderán levar a cabo pequenas intervencións nas vivendas e inmobles da súa propiedade, co obxectivo de mellorar visualmente a edificación e evitar un punto de impacto na contorna.

Os posibles beneficiarios deben cumprir uns requisitos moi básicos e abordar unha tramitación fácil e sinxela

A Xunta invita aos galegos a acollerse a esta liña de axudas, tendo en conta que os posibles beneficiarios deben cumprir uns requisitos moi básicos e abordar unha tramitación fácil e sinxela. Só deberán presentar unha pequena memoria explicativa da actuación, unha reportaxe fotográfica, a factura da actuación realizada e a xustificación do pago.

As actuacións obxecto desta subvención son a mellora da fachada ou da medianeira dun edificio, así como do tellado; o acondicionamento e mellora de peches de fincas de gran dimensión, mediante a substitución de muros opacos por cachotería tradicional ou sebes vexetais; ou o revestimento de muros de cerramento realizados con bloques de formigón, en todo momento seguindo a solución que a Guía de cor e materiais propón para a súa contorna.

A subvención conta cun orzamento de 1 millón de euros e cada axuda ascenderá a un máximo de 3.000 euros

A primeira convocatoria desta orde de subvencións conta cun orzamento de 1 millón de euros e cada axuda ascenderá a un máximo de 3.000 euros. En cada caso, a Administración autonómica cubrirá o 70% do importe global do proxecto de mellora paisaxística, que poderá incluír unha ou varias actuacións.

Desde a Consellería de Medio Ambiente sinálase que co esforzo e a implicación de todos se pode incrementar o valor patrimonial dos inmobles e, por suposto, da paisaxe de Galicia, polo que se recorda aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, a necesidade de colaborar nas xestións e trámites que son da súa competencia, como axilizar as autorizacións de carácter municipal oportunas para o desenvolvemento deste tipo de actuacións.

Etiquetado
Ir a la portada