Leite

Ulega propón asumir excedentes lácteos para o seu envío como axuda humanitaria

A organización de produtores, ligada a Unións Agrarias, solicita apoio ministerial para pagar a prezo de mercado a produción que se retire. Anuncia denuncias contra Leite Río por baixadas arbitrarias de prezo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 25/02/2016 3:52 p.m.

O actual escenario de excedentes lácteos, que empeorará cos aumentos de produción de cada primavera, preocupa e moito nas granxas galegas. Na primavera do 2015, houbo arredor de 500 granxas en Galicia que tiveron que vender a súa produción a prezos de leite en po, no entorno dos 20 céntimos. O sector non quere que ese problema se repita e busca solucións para a xestión de excedentes. A organización de produtores Ulega, ligada a Unións Agrarias, vén de facer unha proposta para o envío de leite en po como axuda humanitaria.

Ulega propón que a Administración publique unha liña de axudas que permitan a retirada de leite a prezos de mercado para o seu procesado como leite en po e o seu posterior envío como axuda humanitaria a terceiros países. A organización de produtores declárase disposta, a través deste mecanismo, a facerse cargo e xestionar a retirada do leite que non atope comprador no mercado, como pode ser agora o caso do que move a cooperativa Codegui ou Lácteos de Riotorto.

Contexto do problema
En Galicia, arredor dun 30% da recollida de leite está en mans de primeiros compradores intermediarios que lle compran ás granxas e lle venden ás industrias. Cando sobra leite no mercado, os primeiros compradores atópanse con problemas para colocar nas industrias os volumes que xestionan.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O sector teme que os casos de Codegui, Lácteos de Riotorto ou Leitigal sexan só a punta de lanza do que se aveciña

Ao caso da cooperativa Codegui, que leva todo febreiro vendendo a súa produción para leite en po a 18-20 céntimos, sumaranse en marzo os problemas que se anuncian para o cento de granxas que traballan con Lácteos de Riotorto e para outras que operan con Leitigal.

Valoracións
A iniciativa de Ulega para asumir a xestión de excedentes foi presentada esta mañá en Lugo en rolda de prensa polo secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e por Óscar Pose, da executiva de Unións. “Estamos ante un problema de mercado que pode ir a máis na primavera e vemos que nin a Administración central nin a autonómica teñen ningún plan para solucionalo” -cuestiona Óscar Pose.- “Ulega podería xestionar ese leite, procesándoo a maquila en torres de leite en po, sempre que haxa un apoio da Administración”, apunta.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Unións xa lle trasladara ó Ministerio de Agricultura unha proposta en agosto pasado para a retirada de 40.000 toneladas de leite con destino a axuda humanitaria, se ben daquela iniciativa, que o Ministerio se comprometera a estudar, nada máis se soubo.

"A Leite Río xa a coñecemos, cada pouco inventa novas xustificacións para baixar o prezo do leite de xeito arbitrario" (Óscar Pose)

Leite Río
A organización agraria aproveitou tamén a rolda de prensa para anunciar unha denuncia contra Leite Río por baixadas arbitrarias dos prezos, á marxe do pactado nos contratos. “Está a baixarlle ata 5 céntimos ás explotacións que non acadan o 3,10 de proteína. Os contratos establecen unha serie de penalizacións por baixa proteína que, nalgúns casos, poderían chegar ata 1 céntimo litro, pero nunca ás cantidades que está a baixar Leite Río”, critica Óscar Pose.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Unións trasladará unha denuncia ante a Xunta e ante a Agencia de Inspección y Calidad Agroalimentaria (AICA) para que investigue estas prácticas. “Non é a primeira vez que Leite Río aplica baixadas arbitrarias” -lembra Pose.- “Anteriormente tiña imposto penalizacións unilaterais por cuestións como o punto crioscópico ou a graxa. Son xustificacións que inventa a empresa para baixar o prezo”, sostén.

A organización pedirá tamén un control sobre os primeiros compradores que lle pagan ás granxas a prezos de leite en po, pois considera que non hai garantías de que esa produción vaia efectivamente para un destino de po.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada